Pero non é que estes comentaristas defensores do galego –todos homes- se sentisen atraídos pola moza, a pesar do seu odio pola lingua, e quixesen facela disfrutar, non. A cousa ía por outro lado. Nestes comentarios aparecían unha e outra vez certas prácticas e situacións sexuais: penetración, de calquera tipo, na postura comunmente denominada do cadeliño. Sexo oral con ou sen exaculación final na cara. E dor, pero non no marco dunha relación BDSM consensuada. En fin: nada novo. O sexo como reafirmación para o macho e humillación para a muller. Viólote para que che doa e para que sufras, para que saibas cal é o teu sitio, pero no fondo, moi no fondo, sei que aínda por riba che gusta, guarra, que es unha guarra. Alguén argumentará que estes comentarios que se fan en Internet son parvadas que non deben terse en conta (xusto o mesmo argumento que se podería apoñer para deixar en paz á rapaza que publicou o tweet orixinal). Eu penso que o que se fai no anonimato ou no semianonimato –en Facebook e Twitter un comentario é case irrecuperable aos poucos días da súa publicación- pode ás veces expresar o que un pensa de verdade, o que ousa dicir nunha conversa de taberna, pero se cadra non de cara á galería, porque aí o que campa é dicir que se defende a igualdade da muller e esas cousas todas.
Como dixen antes, este tipo de comentarios tampouco me sorprenderon moito porque xa tiña lidos outros semellantes contra xente como Esperanza Aguirre ou Gloria Lago. Todas mulleres, si. Están o Twitter e o Faceboo cheos de descerebrados (masculino non xenérico) que un e outro día botan a lingua a pacer contra o galego, e aínda non lin ningún ataque con carga sexual contra estes señores (máis aló de “vai tomar polo cu”, tan repetido que o contido sexual xa ficou neutralizado). E estes ataques non existen porque non se entenderían, non terían sentido nun mundo en que mesmo algúns defensores do galego, xente supostamente de ideas progresistas, aínda teñen gravada no cerebro unha concepción da sexualidade que é puro patriarcado. Imaxinemos a situación á inversa: rapaz estudiante de Selectividade que tuitease que odia o galego, e unha militante polo galego contestándolle que lle gustaría collelo e poñelo a facerlle un cunnilingus á forza, que así se lle habían quitar as gañas de atacar á lingua. É que soa tan raro que non fai nin graza.
Foto: Twitter - A membro de Novas Geraçons do PP responde os 'tweets'.

