1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

boloGaliza - Praza - [Miguel Pardo] O galego tan só se utiliza maioritariamente no 5% dos centros de Educación Infantil das cidades galegas.


 Ademais, no 40% destas escolas nin tan sequera se emprega a lingua propia e en máis do 75% ou non se usa ou a súa presenza é testemuñal. Estas son algunhas das conclusións que se tiran dos resultados do terceiro estudo sobre a situación do galego nas aulas de Infantil de 3 a 6 anos nas áreas urbanas que acabou de presentar A Mesa pola Normalización Lingüística. Trátase dunha estimación "dentro das posibilidades" desta entidade e froito das entrevistas que a asociación leva a cabo neses centros e ante a ausencia dunha avaliación "que corresponde á Xunta facer".

Tal e como se observa no estudo, e como lembra A Mesa, estase a producir un "incremento notábel da exclusión absoluta do galego" neste ensino en Infantil. Ademais, "e por primeira vez", hai centros que xa declaran "abertamente" non utilizaren nunca a lingua propia, supoñendo estes un 40% do total. Esta porcentaxe aumenta a máis do 75% de incluír tamén aqueles que recoñecen empregar "moi maioritariamente" o español e tan só "algunha vez" e de xeito testemuñal o galego, xa que logo, aqueles que o utilizan só nalgún momento dentro da súa distribución horaria (o 36,43%).

En detalle, e no conxunto das sete cidades, o 39,4% dos centros aseguran empregar o castelán no 100% dos seus contidos, mentres que o 36,4% declara usar tamén o castelán maioritariamente. Ademais, o 19% manifesta empregar equitativamente os dous idiomas -o 50% cada un-, mentres que só o 5,2% declara que o galego é o idioma maioritario nos seus centros.

"Se o coñecemento do galego depender do Ensino Infantil, grande parte do alumando que comeza a Educación Primaria, chegaría a esta etapa alleo á mesma existencia da lingua galega", destaca o estudo, que sitúa cidades como Ferrol, Vigo e Pontevedra entre as que teñen situacións máis "preocoupantes", dentro do mínimo uso que hai en todas elas.

Porque en resumo, tan só o 5,20% dos centros de Infantil das cidades emprega o galego como lingua maioritaria, un lixeiro ascenso de tres puntos con respecto ao último informe de 2014 e unhas cifras similares ás de 2012. Todo malia "a lexislación e política da Xunta contraria a esta posibilidade". "A mobilización social e as sentenzas que limitaron a aplicación do decretazo, conseguiron que se perdese o medo á utilización maioritaria do galego, aínda así moi residual e anecdótica", destaca A Mesa no estudo.

A elocuencia das cifras é aínda maior botando man dos dous anteriores estudos elaborados pol'A Mesa. No curso 2008-2009, aínda co decreto 124/2007 en vigor -establecía un "mínimo" do 50% das clases en galego- a presenza do galego no ensino infantil urbano era do 35%. No seguinte curso, 2010-2011, esa porcentaxe ficaba xa no 10%.

Datos por cidades

A enquisa realizouse a comezo deste curso 2015/16 en 269 centros galegos, públicos e privados de Educación Infantil de 3 a 6 anos. Por cidades, a situación máis preocupante para o galego é a de Ferrol, onde continúa sen haber ningún centro onde o idioma propio sexa maioritario, mentres máis do 82% deles empregan o castelán na súa maioría. Na Coruña, un 2,3% ten o galego como lingua principal, fronte ao 25,6% cun reparto igualitario, mentres que en Lugo, o uso maioritario do galego abrangue o 3,7%% das escolas e a repartición igualitaria de ambas linguas ao 22,2%.

En Ferrol, non hai ningún centro de Infantil onde o galego sexa maioritario e máis do 82% empregan o castelán maioritariamente

En Ourense obsérvase un "alarmente aumento da exclusión do galego, que no 67% non chega nin a unha utilización mínima", mentres que só no 6% é maioritario (sen variacións respecto ao ano anterior) e o 21% din utilizar as dúas. Pontevedra, pola súa banda, é unha das cidades "con índices máis altos de exclusión do galego, xa que só o 25% dos centros utilizan algo de galego, aínda que cómpre destacar o aumento dos centros onde o galego é maioritario que pasou do 0 ao 16,9%, ou onde se utilizan as dúas linguas que pasou do 0 ao 4,2%.

Compostela é unha das cidades con maior oferta de galego, aínda que escasa (o 13,9% con uso maioritario e o 8,3% cunha repartición equitativa), mentres que en Vigo, o nível de exclusión do galego "é altísimo e por riba da media galega", sendo maioritario só no 1,2% e repartido no 22,9% das escolas.

A Mesa destaca tamén no seu informe o "proceso de estranxeirización da lingua galega", que é "perfectamente visíbel no feito de que hai máis centros de ensino con materiais didácticos en inglés que en galego". Segundo a información recollida, “para esta exclusión e para a negación dun achegamento mínimo ao galego, serve como escusa o resultado da enquisa á que facía mención o Decreto 79/2010 contra o galego que, ilegalmente, se segue a realizar no conxunto do ensino.

"Esta enquisa, declarada ilegal polo TSXG, pretendía por unha banda segregar o alumnado en función da lingua, e por outra negar a posibilidade de que aínda utilizando o castelán na casa, nais e pais contasen coa escola como ferramenta para a transmisión do galego", conclúe A Mesa.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.