1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

040915 ensinoGaliza - CIG - O ensino público perde 13 escolas e 48 unidades en Infantil e Primaria mentres medran na privada concertada.


A CIG-Ensino denuncia que co inicio do curso escolar afloran as necesidades e carencias do ensino público galego.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao e Ana Rodiño, integrante da Executiva, deron conta este mércores 2 de setembro, en rolda de prensa, da situación do sistema educativo galego no inicio do novo curso escolar. A CIG-Ensino acusou o PP de levar a cabo unha política educativa “errática” que dimensiona o ensino privado en detrimento do público e denunciou a redución dos cadros de persoal nos centros, o peche de escolas, a supresión de unidades e a masificación das aulas.

No decurso da rolda de prensa, Anxo Louzao repasou todos os recortes que minguan o dereito á educación, a gratuidade e a igualdade de oportunidades e referiuse tamén ao retroceso do galego no ensino e á obstinación do PP por aplicar a LOMCE.

Diante desta situación e da actitude de imposición e autoritarismo que mantén a Consellaría de Educación como pauta de actuación, o secretario nacional preveu un curso conflitivo no que a CIG-Ensino” loitará para conseguir a derrogación da LOMCE, do Decreto de plurilingüismo, a restitución dos dereitos laborais e salariais do profesorado, conseguir unha oferta de emprego público que garanta profesorado suficiente nos centros educativos e fortaleza o ensino público”.

Menos unidades no ensino público

O mapa escolar para este curso ten 13 escolas e 48 unidades menos en educación infantil e educación primaria, resultado da supresión de 81 unidades e a creación de só 33, mentres que o ensino privado concertado tivo un incremento neto de 5 unidades en primaria e 21 na formación profesional. Nos últimos catro anos a Consellaría destinoulle 1000 millóns de euros dos orzamentos da Xunta e concertou 215 novas unidades, mentres que no ensino público os orzamentos foron reducidos en 181 millóns ( 680 desde o ano 2009), pecharon 46 escolas e suprimiron 327 unidades.

Segundo puido constatar a CIG-Ensino numerosos centros non teñen atendidas as súas demandas e emerxen novos e abundantes conflitos debido á falta de profesorado necesario, nomeadamente especialistas de PT e AL. “Proliferan as aulas masificadas por riba das ratios máximas estabelecidas, agrupamentos de alumnado de diferentes cursos e idades nun mesmo grupo, profesorado que está obrigado a impartir materias das que non é especialista e centros carecen de perfís profesionais (educadores e asistentes sociais coidadores e coidadores ...) e de persoal administrativo. Aumenta o profesorado que ten que impartir aulas en diferentes centros e non se cobren as baixas laborais de menos de 15 días”, engadiu Louzao.

Libros de texto

Ademais, preto do 40% do alumnado galego ten que afrontar a compra dos libros de texto. A maioría, se o centro oferta ese servizo, pagará o comedor escolar e o que pretenda asistir ás actividades extraescolares terá que custealas. En educación infantil de cero a tres anos, chegaron a máis de 3000 as solicitudes non atendidas e o mesmo ocorre na FP na que, debido á ausencia dunha planificación e ordenación axeitada, ao desequilibrio na oferta, ao desvío de 13 millóns de euros para o ensino privado e á insuficiente oferta, impedirá a máis de 4000 persoas cursar o ciclo de formación profesional solicitado”, sinalou Anxo Louzao.

O secretario nacional da CIG-Ensino engadiu que se inicia o curso escolar con reparacións sen atender, obras sen emprender ou sen rematar, falta de espazos educativos mínimos que, xunto coas carencias en dotación de material, recursos e medios, dificultan o funcionamento e a normal posta en marcha do curso escolar. O profesorado galego tamén continuará cos salarios recortados e sen cobrar as extraordinarias completas, situándose entre o profesorado peor pagado do Estado. Permanecerá coa ampliación do horario lectivo, sen axudas sociais, coa redución do salario en situación de baixa laboral e realizando numerosas tarefas que non lle corresponden.

Falta profesorado

A destrución de emprego, despedimento de profesorado e redución de cadros de persoal dos centros por parte da Consellaría constátase na adxudicación definitiva de destinos dos mestres e mestras sen destino definitivo, publicada no DOG do 31 de xullo. Adxudicóuselles destino a 2.797 mestres e mestras, dos e das que o 15 % son itinerantes (un 22% máis que o curso pasado), o 8% suprimidos ou desprazados (un 39% máis), o 12% imparte afíns (un 62% máis) e o 42% é persoal interino. Na adxudicación provisional do profesorado de secundaria, a definitiva aínda non se publicou, das 3.894 prazas adxudicadas, 1003 son con materias afíns. Un 35% do profesorado terá que impartir materias das que non é especialista, nalgúns casos até 5 diferentes. Nos últimos cinco anos suprimíronse 3000 postos docentes, xa que mentres se xubilaban máis de 4000 só se convocaban oposicións para 993 prazas.

Neste curso ademais o Goberno galego segue adiante coa implantación da LOMCE en 1º e 3º de ESO e 1º de bacharelato sen ter desenvolto a normativa necesaria para a súa posta en marcha e sen que se publicaran até o verán os novos currículos.

Anxo Louzao tamén se referiu ao retroceso galopante do ensino en galego e insistiu na importancia de que se derrogue o Decreto do plurilingüismo, máxime cando a Consellaría vén de subscribir o manifesto promovido pola Mesa pola Normalización Lingüística. O desleixo polo idioma e a política laboral do PP exprésase con contundencia, explicou, no conflito do profesorado CELGA que, malia haber máis de 50 sentenzas declarando nulos os despedimentos deste profesorado, a Consellaría segue sen resolver a situación definitivamente. “Así mesmo, observamos que, no canto de promover e ofertar a lingua portuguesa como segunda lingua estranxeira, a inspección educativa está pondo numerosos obstáculos aos centros que optan por ofertala”, engadiu.

En definitiva, para a CIG-Ensino comeza un novo curso no que prevalecerá o ideario político-ideolóxico do PP coa conseguinte conflitividade no ensino. A CIG-Ensino continuará co propósito firme de proseguir, activa e colectivamente, combatendo a LOMCE, evitando a aplicación práctica daqueles aspectos máis nocivos e prexudiciais que sexan posíbeis á marxe da propia lei; coa permanente mobilización para derrogar o Decreto de plurilingüismo, promover a normalización lingüística, restituír os dereitos laborais e salariais do profesorado, conseguir unha oferta de emprego público que garanta profesorado suficiente nos centros educativos e para fortalecer o ensino público.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.