1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

Foto - Junta da Galiza - Exame CelgaGaliza - APC - Carta aberta à Conselharia de Educaçom:


"Señor@s,

Despois de lermos o seu comunicado do día 16 de maio onde se reaccionaba contra unha rolda de prensa convocada polo colectivo de profesorado celga na que denunciabamos a precaria situación laboral á que nos ten sometida a Secretaría Xeral de Política Lingüística, gustaríanos contestarlles algunhas cousas que poida que non teñan demasiado claras.

A primeira delas é a da contratación axustada á lei. Nunha reunión que tivemos co actual secretario xeral de Política Lingüística, o señor Valentín García díxonos, ao lle preguntarmos por que non se nos contrataba, que era polo disposto no artigo 304 da Lei de contratos do sector público, no que se regula o réxime de contratación de actividades docentes. Ben, vexamos que se di nese artigo:

"Artigo 304. Réxime de contratación para actividades docentes.

Nos contratos regulados neste Título que teñan por obxecto a prestación de actividades docentes en centros do sector público desenvolvidas en forma de cursos de formación ou perfeccionamento do persoal ao servizo da Administración ou cando se trate de seminarios, coloquios, mesas redondas, conferencias, colaboracións ou calquera outro tipo semellante de actividade, sempre que estas actividades sexan realizadas por persoas físicas, as disposicións desta Lei non serán de aplicación á preparación e adxudicación do contrato."

Ao mellor, que esta Consellaría siga incidindo nesta equivocación é debido a que descoñece o que son as persoas físicas. Ben, explicarémosllo brevemente e do xeito máis doado que poidamos para que se poida entender á perfección. O concepto de persoa física ou natural, en dereito, designa calquera ser humano considerado como suxeito de dereitos e obrigas, é dicir, calquera persoa que estea viva. É de supor que calquera profesor/a que damos os cursos celga somos seres humanos con dereitos e obrigas, non é así?

Tamén manteñen no seu comunicado que é a través dun "contrato de servizos" como se realiza a contratación. A todo o colectivo de profesorado Celga nos gustaría enormemente solicitarlle cada un dos "contratos de servizos" que esta Consellería di que asinamos con ela, xa que a amnesia colectiva que debemos padecer impídenos lembrar que rubricásemos algunha vez calquera tipo de contrato.

En relación co que esta Consellaría mantén sobre que prestamos un servizo puntual tamén nos parece apropiado aclarar cal é a situación da "puntualidade" dos cursos celga, xa que, aínda sendo unha oferta cada vez máis escasa, atribuíble ao discurso da austeridade e da falta de cartos provocada pola crise (algo sorprendente cando vemos que se lles están regalando cartos públicos para a potenciación no uso do galego a xornais escritos case na súa integridade en castelán e cunha ideoloxía claramente antigalegófona), non se pode dicir dela que sexa unha oferta puntual, xa que a súa periodicidade é indiscutible. Ano tras ano, esta Consellaría convoca estes cursos na mesma forma e no mesmo prazo polo que, ao noso ver, trátase claramente dun servizo fixo-discontinuo.

Aclarado este punto da non-contratación gustaríanos pasar ao seguinte, o tema das retribucións. É certo que a cantidade en bruto que percibimos por cada curso é de 2590€; aos que lles hai que restar o 21% para o IRPF, que é o imposto que todo ser humano con renda ten que pagar por ser persoa física, (lembran o de persoas físicas?) polo que quedan unhas retribucións netas de 2046,1€ para un período de dous meses, o que veñen sendo mensualmente 1023,05€; mais non é certo que isto sexa só polas 70 horas de docencia que impartimos. A ningún profesor/a se lle paga soamente polas horas de docencia que dá, preparar os contidos, as clases e corrixir posteriormente todos os traballos e probas do alumnado tamén entra nesas retribucións que cobramos, isto deberíao saber ben a Consellaría de Educación para non andar sempre a desacreditar @ traballador@ públic@. Tampouco fala a Consellaría de que con esas retribucións temos que pór nós os mecanismos de desprazamento, por veces de máis de 120 km diarios. Moit@s compañeir@s mesmo se ven abocad@s ao pagamento dunha pensión porque lles correspondeu un destino inasumible para realizaren diariamente en coche.

De todos os xeitos, nas nosas demandas, que lle presentamos xa máis dunha vez ao secretario xeral de Política Lingüística, vai unha proposta para optimizar os recursos económicos existentes mediante a creación dun corpo de profesorado estable e profesionalizado. Porén, mentres isto non se fai efectivo, o profesorado celga está disposto a aceptar un salario acorde co seu traballo e a súa categoría profesional regulado nun contrato e no que se nos asegure e se cotice por nós á Seguridade Social.

Outra cousa da que neste comunicado se gaban é a de teren decidido vostedes que para "contratarnos" debiamos ser demandantes de emprego en situación laboral de desempregados. Isto é certo, mais foi por unha reivindicación nosa, xa que antes estaban a dar os cursos xente con praza fixa en secundaria, por exemplo. É interesante destacar aquí que isto só lles afecta aos cursos Celga mais non aos demais cursos de formación como poden ser os de linguaxes específicas (administrativa e xurídica) e tampouco temos claro que as persoas que dan os cursos celga en liña teñan que estar no paro, xa que non existe listaxe pública neste último caso, o cal é claramente un feito discriminatorio se o comparamos coa nosa situación.

Sobre a oferta de cursos só nos gustaría dicir que, se ben puido ser a mesma ca no 2012, se a comparamos co número de cursos que a SXPL ofertou no 2009 esta cifra resulta ridícula. Pasamos no 2009 dun total de 250 cursos ao 2013 con só 94 cursos. Un 63% menos para a formación da cidadanía na lingua propia deste país.

É evidente que o profesorado celga quere chegar a un acordo coa Secretaría Xeral de Política Lingüística mais este acordo ten que ser sempre e indiscutiblemente conforme á lei e sen pretender a precarización d@s traballador@s. Se esta Consellaría estiver tamén interesada en solucionar este conflito o primeiro que debería facer sería dar algunha mostra neste camiño, cousa que até o de agora non fixo.

Sen outro particular, reciban vostedes un cordial saúdo.

Asemblea do profesorado Celga

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2103"


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.