1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

010213 vigo ensinoGaliza - Diário Liberdade - Docentes, pais e maes, alunos e outras pessoas e coletlivos preocupados com a próxima aplicaçom da mal chamada Lei de Melhoria da Qualidade Educativa concentrárom-se na tarde de ontem para reclamar a retirada da mesma.


Além das sete principais cidades galegas, o Barco, Lalim e Carvalho também convocárom manifestaçons contra a LOMCE. A Plataforma Galega em Defesa do Ensino Público pediu a abertura de negociaçons para evitar a aplicaçom do projeto previsto polo PP e garantir o caráter público, galego e laico do sistema educativo na Galiza.

A CIG-Ensino, força sindical maioritária no setor, leva mais de um trimestre a convocar assembleias nos centros públicos para explicar o alcance e as conseqüências da reacionária LOMCE, se chegar a ser aplicada no nosso país, polo seu caráter elitista, antigalego, privatizador e espanholizador. 

Reproduzimos o manifesto apresentado pola Plataforma convocante das manifestaçons desta quinta-feira.

Manifesto

A Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público estase a mobilizar contra o anteproxecto de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, para amosar o seu total rexeitamento a unha lei reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade.

Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal, que afonda nas diferenzas sociais, no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade.

É un anteproxecto recentralizador e españolizador, que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma. Procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas, desterra a nosa lingua ao rango inferior na clasificación que prevé para as materias, situándoa por detrás da Relixión ou dunha segunda Lingua estranxeira, negándolle así o lugar que lle corresponde nas materias troncais, entre as que están a Lingua española ou Inglés. Impón un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística.

Medidas como estas non só van repercutir negativamente no ensino público, senón que van fortalecer o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a selección do alumnado. Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade.

Unha vez máis, estamos ante unha lexislación que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en Relixión. No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2. A Relixión ten neste proxecto un rango superior á nosa propia lingua, o galego.

É un anteproxecto profundamente antidemocrático, que traslada o sistema de xestión empresarial ao ensino. Elimina o Consello Escolar como órgano de goberno. A dirección será elixida pola administración e terá plenos poderes para tomar unilateralmente decisións de transcendental importancia para os centros e para propor ou rexeitar o profesorado que sexa proposto pola administración.

Liquida a igualdade de oportunidades ao impor un sistema de continuas barreiras selectivas para que só unha minoría acceda aos estudos postobrigatorios e universitarios. É unha lei elitista, clasista e segregadora, xa que estabelece reválidas para poder acceder á titulación correspondente en 4 de ESO e en Bacharelato. Impón un sistema máis selectivo mediante itinerarios que condena, prematuramente, o alumnado a optar a titulacións diferentes no ensino obrigatorio, condicionando de maneira temperá o seu futuro académico e laboral.

Pretende crear, mediante os programas de calidade e especialización curricular, diferentes categorías de centros e atender, con máis recursos e medios, aqueles que mellor resultados acaden, previa selección do alumnado, no lugar de procurar que todos os centros conten cos recursos necesarios para que todos e todas, con independencia da súa procedencia social ou xeográfica, reciban unha formación de calidade.

Este anteproxecto de lei desautoriza, desconfía e xerarquiza o profesorado. É profundamente antipedagóxico, xa que a consecución da titulación do alumnado vai depender do resultado azaroso dunha única proba ao rematar o ensino obrigatorio e postobrigatorio. A isto hai que lle engadir a desvalorización da Formación Profesional e o desvío do alumnado cara a unha FP Básica, que nin sequera conduce á mínima titulación, baixo a escusa de favorecer a empregabilidade.

É unha anteproxecto que reflicte as posicións ideolóxicas máis extremas e reaccionarias do PP. Un anteproxecto de lei ao servizo da patronal do ensino privado concertado e da mercantilización da educación que confirma os actuais concertos educativos, legaliza os centros que segregan alumnado por razón de sexo, facilita a planificación escolar en función do ensino concertado, reproduce un sistema xerárquico e empresarial para o funcionamento dos centros, impide o acceso das clases populares á educación e impón unha educación baseada na competitividade, na exclusión social e na desigualdade, e non nun ensino equitativo, inclusivo e integral, cuxo obxectivo principal debe ser a formación de persoas críticas e responsábeis.

Por todos estes motivos, porque significa un retroceso de décadas e porque elimina a igualdade de oportunidades, volvendo a unha sociedade na que o valor das persoas está en función do que posúen e na que o futuro depende de onde e en que familia se nace, a Plataforma Galega para a Defensa do Ensino Público esixe a retirada deste anteproxecto, unha verdadeira negociación na que o goberno atenda as demandas de todos os sectores implicados e, ante todo, un ensino público galego, laico e democrático.

(Fonte e foto: CIG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.