Reproduzimos a seguir os comunicados da Fundaçom Artábria e da Liga Estudantil Galega.
Fundaçom Artábria
Artábria solidariza-se com as pessoas processadas por defenderem a nossa língua e contra a espanholizaçom
A Fundaçom Artábria quer somar a sua voz à de aqueles e aquelas que já manifestárom o seu apoio solidário ao grupo de galegos que a partir do dia 23 som julgados em Compostela pola sua participaçom na jornada em defesa da língua que a 8 de fevereiro de 2009 decorreu em Compostela.
Naquele dia, numerosos coletivos, entre eles a própria Artábria, protestárom pola impunidade com que a extrema-direita espanhola defendeu nas ruas de Compostela a imposiçom do espanhol e a sua supremacia sobre o idioma da Galiza.
Consideramos, como muitos e muitas galegas, que a defesa da nossa língua é um dever inescusável para qualquer galego ou galega digna de tal nome. É nessa medida que reconhecemos o papel de pessoas como as que a justiça espanhola vai julgar por simplesmente assumirem um compromisso claro com o idioma nacional do nosso país.
A Fundaçom Artábria reclama a absolviçom dos companheiros e exige o fim da repressom contra quem defende os direitos lingüísticos do nosso povo.
Trasancos, 22 de outubro de 2012
Liga Estudantil Galega
Solidariedade coas procesadas por defender a língua
O pasado 8 de febreiro de 2009 a organización galegófoba Galicia Bilingüe, apoiada polos sectores máis reaccionarios do españolismo, encarnados por Falange Española y de las JONS, Unión Progreso y Democracia ou o Partido Popular, saiu á rúa en Compostela nunha vergonzosa e inaceptábel manifestación cun só obxectivo: reclamar a completa eliminación da nosa lingua da vida pública deste País.
As medidas favorábeis a prol da lingua que naquela altura estaba a impulsar a Xunta (co goberno bipartito PSOE-BNG), malia que timoratas nun primeiro momento, supuñan un avance substancial con respecto ás políticas aplicadas polos gobernos do Partido Popular, medidas que os sectores máis extremistas (como os que agora ocupan San Caetano), que teñen como un dos seus principais obxectivos o exterminio definitivo da nosa lingua, non podían consentir. Medios de comunicación, grupos de presión mediática, partidos políticos da dereita e grupos económicos entre outros comezaron unha feroz campaña de acoso e derribo contra as políticas normalizadoras das institucións, así como contra as plataformas en defensa da lingua que existen no conxunto do País, actuando Galicia Bilingüe como a auténtica vangarda da galegofobia.
Apoiados en decenas de autobuses saídos desde diversas puntos do estado, organizaron un auténtico aquelarre antigalego que tivo a consecuente resposta, máis ou menos espontánea, do noso pobo, que tamén saiu á rúa para denunciar os intereses ocultos dos impulsores desta marcha e para defender o noso dereito a vivir no noso idioma. Esta resposta foi reprimida e criminalizada, e esa mesma noite quince activistas durmiron nos calabozos da policia española. Mañá doce deles enfróntanse a penas globais de 45 anos de prisión e a unha sanción que supera os 30.000€.
Desde a Liga Estudantil Galega non podemos máis que solidarizarmos coas compañeiras reprimidas, e denunciar o carácter político desta auténtica farsa xudicial na que as acusadas son precisamente as agredidas.