Ben é sabido que dende comezos de ano o debate, que se puxo enriba da mesa por parte das Administracións Provinciais e Autonómica, era o de estudar a posibilidade de rescatar o servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, que actualmente atópase xestionado por empresas privadas.
A Xunta de Galicia manifestou publicamente a súa postura de estudar a o rescate do servizo, pero iso non so máis que declaracións propias de campaña electoral, xa que na realidade, a Xunta de Galicia, sen chegar a valorar as propostas das Deputacións, manifesta a súa clara intención de perpetuar un sistema de xestión privado. Isto é o que se deduce cando se traslada por parte do Director Xeral de Emerxencias, Don Luis Menor, o feito de que os 4 parques comarcais de Ourense, sairán a concurso baixo a fórmula de xestión indirecta. Destes 4, 3 xa se atopaban en mans privadas (Xinzo, Verín e Valdeorras) pero o curioso é ver como un novo parque de recente construcción (Carballiño), comezará a súa prestación do servizo, tamén baixo o mando privado.
Esta postura da Xunta, e da deputación Ourensá, choca de xeito radical coa situación desexable para a elaboración do estatuto do bombeiro profesional. Regulamento que por imperativo legal, debería estar promovido dende hai 8 anos por parte da Consellería competente en materia de Emerxencias.
A Mesa Intersindical, pretende deixar clara a súa contrariedade coa aposta que Xunta de Galicia e Deputación de Ourense fan, respecto de continuar un modelo que non é desexable nin para os empregados, nin para a cidadanía. De aí que se promova unha manifestación que partindo do parque de Bombeiros de Ourense, percorrerá as rúas da vila termal para rematar fronte a sede da Deputación, onde se aloxa o Consorcio Provincial de Extinción de Incendios e Salvamento de Ourense.
O lema para esta mobilización será “RESCÁTANOS!! Por un estatuto do bombeiro – Por un servizo público” Esta mobilización conta co apoio da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia e a Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais (a nivel estatal).