A CIG manifesta o seu apoio o sector do cerco, en loita desde hai máis de 2 anos contra as políticas da UE, do Estado español e da Xunta de Galiza, e fai un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo, día 15 de novembro, en Compostela, con saída ás 11:00 horas da Praza do Obradoiro, baixo o lema “Por un reparto xusto para todos”.
Xavier Aboi, responsábel do sector de Mar da FGAMT-CIG, denuncia que as políticas da UE, do Estado español e da Xunta de Galiza se concretan nun reparto “inxusto e discriminatorio para a maioría da flota galega”. Subliña ademais que non se aborda nin cuestiona o verdadeiro problema de fondo.
A este respecto asegura que “mentres hai países comunitarios con moi poucos barcos que teñen catro veces máis cota que todo o Estado español, nós repartimos a miseria e aínda por riba penalizando a unha flota como a do cerco galego, que foi a única en todo o Estado que se autorregulou desde a década dos 80”.
Nese sentido lembra que o cerco galego foi o primeiro que fixou descansos, días de traballo e se autorregulou en capturas. Porén, denuncia que é a máis castigada “cun goberno inútil, como é o da Xunta de Galiza, que permite que Madrid nos roube o peixe que pasa polas nosas augas”, malia ser a única que “non só coida os caladoiros, senón que ademais asenta poboación costeira”.
Por iso Aboi reitera o apoio da CIG a todas as mobilizacións do sector, facendo fincapé en que “ a loita é o único camiño”, como quedou demostrado no caso do ‘xeito’. “O traballo feito polo nacionalismo sindical e político en defensa da flota do xeito tivo os seus froitos, aínda que agora os que antes se negaban, digan que pelexaron na súa defensa”.