1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

Mapa imperio galegoGaliza - Sermos Galiza - [Aleixo Vilas*] Hai uns días observamos titulares en boa parte da prensa galega tais como “Galiza recibe doutras comunidades o equivalente ao 7,21% do PIB” ou “Galiza agrava a súa dependencia do estado, que lle da 4.000 millóns máis do que aporta”, a conto da publicación polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas dos resultados do “sistema de contas públicas territorializadas”, calculadas cos datos do ano 2012.


As contas publicadas son unha variación das balanzas fiscais, elaboradas polo goberno e que teñen como clara intencionalidade política reforzar a concepción centralista do Estado, minimizando os múltiples beneficios dos que goza Madrid polo “efecto capitalidade”, e reforzar a falsidade de que somos un territorio subsidiado, de que non temos recursos suficientes para valernos por nos mesmos e precisamos da solidariedade estatal. Non é casual que o autor da metodoloxía, Ángel de la Fuente, sexa coñecido polas súas declaracións moi críticas coa Generalitat sobre as balanzas fiscais. Así, nestas contas, todas as escollas metodolóxicas realízanse para favorecer estes obxectivos, polo que presentan aspectos moi cuestionábeis:

A)    A computación da Seguranza Social (SS) contributiva. No actual sistema de pensións é de reparto, e as prestacións contributivas parten das cotizacións das persoas traballadoras, existindo un desfase temporal entre a cotización e a posterior pensión. Polo tanto, a súa natureza non é fiscal, polo que non pode considerarse como un ingreso ou gasto do Estado en relación cos territorios. En todo caso, de contemplarse, debería terse en conta o factor corrector que supón a emigración para traballar a outros territorios do Estado e o retorno que se produce na xubilación.

B)    O uso do método da carga-beneficio, que ademais lévase ate as últimas consecuencias. Neste método, os gastos e investimentos do Estado impútanse en función de quén supostamente se beneficia deles, independentemente de onde se produza, o que leva a imputar o gasto nun territorio a residentes doutros territorios lonxanos, ao consideralos dalgún xeito beneficiarios, así: 

    • Os gastos como os de defensa impútanse de maneira proporcional á poboación, de xeito que todas as CCAA teñen o mesmo gasto per cápita en defensa, independentemente de onde se localicen os cuarteis ou onde se sitúe o Ministerio e os traballadores do mesmo. 
    • Este criterio chega ao seu esperpento en partidas como o “persoal administrativo da Casa do Rei” ou a “alta dirección do Estado e do Goberno” onde tamén se reparte o montante do gasto en función da poboación, obviando por completo que a gran maioría destes postos son remunerados na Comunidade de Madrid. 
    • En numerosos gastos aplican para a súa imputación o chamado “efecto desbordamento”, isto é, bens ou servizos como o Museo do Prado, a Biblioteca Nacional, o Palacio Real, o Arquivo de Indias ou o Teatro Real afirmase que contribúen ao benestar dos residentes doutras comunidades polo que se lles imputa parte dese gasto.

C)    No documento metodolóxico, ate en catro ocasións recoñecen que as imputacións de diferentes gastos fanse, cito literalmente, “a ollo”.

En Galiza téñense realizado varios estudos para cuantificar os fluxos fiscais entre o noso país e o Estado, superando as eivas metodolóxicas citadas anteriormente, o que leva a uns resultados ben diferentes, vexamos: 

A)    Baixo o título “O enfoque de fluxo monetario e a súa aplicación a Galiza”, Xosé Díaz ten realizado as balanzas fiscais para os anos 2003, 2004 e 2005 e para o 2011. Aplicando outra metodoloxía, a coñecida como do “fluxo monetario”, e sen a inclusión da SS contributiva, este estudo observa un déficit fiscal en Galiza (isto é, recadamos máis do que recibimos).

B)    O estudo de Alejandro Ballesteros (USC) baixo o título “O camiño cara unha balanza fiscal de Galicia” (2008) conclúe: “Así, consideramos que, mudando as hipóteses é posíbel constatar un saldo fiscal para Galicia moi inferior ao común no resto das estimacións realizadas, incluso que este sexa negativo, constatando que Galiza aporta ao Estado máis do que recibe. Para elo, seria necesario realizar a imputación do gasto a través do fluxo monetario e ter en conta outros efectos, como os sinalados con respecto a SS, a educación, os investimentos en infraestruturas, ...”

C)    O estudo máis recente, elaborado por Xavier Vence e Alberto Turnes (USC), estima a balanza fiscal para 2011, usando tamén a metodoloxía do fluxo monetario e sen incluír a SS, e obtén un déficit fiscal para Galiza de 1.322 millóns de euros, un excedente que Galiza aporta para o financiamento do Estado central. 

Polo tanto, vemos como a variante de balanzas fiscais oficiais publicada polo Goberno amosa un superávit en Galiza, mentres que con outras escollas metodolóxicas obtemos que en Galiza existe déficit, cuestión que nunca aparece reflectido nesa prensa que citábamos anteriormente. 

Ao igual que ocorre coas balanzas fiscais, o actual sistema de financiamento tamén se usa para tentar crear a imaxe de dependencia e incapacidade de Galiza para valerse por si mesma. Porén, as liquidacións fiscais amosan que, ano tras ano, o recadado no noso país cubre con creces o que recibe mediante o sistema de financiamento, xa que logo, é un despropósito que boa parte do recadado aquí se centralice en Madrid para logo retornar a Galiza baixo forma de transferencia, o que se tende a interpretar de xeito erróneo como unha “axuda estatal” para completar o noso financiamento.

A territorialización plena dos tributos en Galiza, ademais de ser o xeito máis acaído de acadarmos a soberanía fiscal e financeira, sería tamén o mellor xeito de introducir transparencia nos fluxos fiscais que teñen lugar entre Galiza e a Administración Central do Estado e evitaría manipulacións interesadas. 

Por último, é un grave erro derivar do resultado dunha balanza fiscal (máxime das oficiais cos problemas metodolóxicos que acabamos de sinalar), as capacidades ou incapacidades dun territorio para valerse por si mesmo, como fai parte da nosa prensa dun xeito tan entusiasta como provinciano (por non dicir colonizado). Un debate minimamente rigoroso sobre esas capacidades debería incluír unha análise completa dos fluxos económicos que se producen entre ese territorio e o estado ao que pertence, e sobre todo, quizais o máis importante e difícil de cuantificar, as relacións xerárquicas e de dependencia que se producen entre territorios.

Se nos cinguísemos ao resultado destas contas para analizar a viabilidade dun territorio por si mesmo, teríamos que á Comunidade de Madrid lle resulta totalmente ruinoso pertencer ao Estado Español, iríalles moito mellor como estado independente. Imaxinemos esa situación: se ben é certo que este novo estado contaría coas moitas vantaxes de ter usado durante séculos os resortes do estado en beneficio propio, tamén nos atoparíamos cun novo estado sen todos os beneficios que se derivan da súa actual capitalidade, onde miles e miles de altos funcionarios do Estado deixarían de percibir uns cuantiosos salarios e pecharían os actuais organismos públicos e empresas dependentes da administración radicadas alí. As grandes construtoras madrileñas quédanse sen negocio ao acabárselles o recurso á obra pública para a súa expansión, o mesmo que lle sucedería ás grandes prestadoras de servizos. Imaxinemos a ese novo estado, sen acceso á enerxía eléctrica propia, sen recursos naturais e sen empresas punteiras en xeración de valor engadido ou innovación… Alguén cree que sería un estado realmente viábel? Ben ao contrario, é a súa posición xerárquica e o uso en beneficio propio do aparello e estrutura do Estado Español é o que permite a Madrid dispoñer dos seus actuais niveis de riqueza, moi diferente da situación de dependencia e periferia na que se insire Galiza.

*Economista


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.