A Área Pública da CIG, na que están integradas as federacións de Ensino, Saúde e Administración, convoca para este martes, día 28 de abril, ás 12:00 horas, unha concentración diante do Parlamento de Galiza coincidindo coa votación no pleno do Lei de Emprego Público. Unha lei que, denuncian, "nin promoverá a creación de emprego público", nin posibilitará a recuperación dos dereitos das e dos traballadores, nin favorecerá a defensa dos servizos públicos.
11-12-21 area publica 3
A Área Pública da CIG posicionouse en todo o proceso de debate do anteproxecto e proxecto de lei de Emprego Público en contra, por considerar que se trata, en realidade, dunha nova Lei de Función Pública Galega pero que non contempla o dereito á negociación colectiva nas administracións públicas; non recolle a recuperación dos dereitos laborais e económicos substraídos aos traballadores e traballadoras das administracións públicas; non promove a recuperación do emprego público en Galiza e tampouco recolle a defensa dos servizos públicos.
Moi ao contrario, a Área Pública denuncia que esta Lei posibilitará "impulsar o desmantelmamento dos servizos públicos e camiñar cara unha administración totalmente dixital, onde desaparecerá a necesaria independencia dos empregados/as públicos/as no desempeño das súas tarefas".
Con este motivo, a Área Pública da CIG, mobilizarase este martes novamente para denunciar os contidos desta Lei e manifestar a súa oposición.