1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

030315 empregoGaliza - CIG - A central chama a participar nas mobilizacións convocadas nas sete cidades o 10 de Marzo.


A CIG aproveitará a conmemoración do 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, para reivindicar "emprego e salarios dignos" como único xeito de frear o empobrecemento da maioría social a causa das políticas que está a aplicar o PP en Galiza e no conxunto do Estado. A central nacionalista fai un chamamento a participar nas mobilizacions convocadas ao longo da xornada nas sete cidades galegas. O acto central da xornada, no que participará o secretario xeral, Suso Seixo, terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha ofrenda floral en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla e nunha manifestación.
Cartaz10-Marzo2015
O acto central deste 10 de Marzo, que se celebra baixo o lema 'Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos', terá lugar unha vez máis en Ferrol e consistirá nunha manifestación e na tradicional ofrenda floral aos pés da estatua que lembra os sucesos de 1972, en memoria de Amador Rei e Daniel Niebla, vítimas mortais da brutal represión fascista que acompañou a loita obreira e popular daquelas semanas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, participará tanto na ofrenda floral, prevista para as 12.30 horas, como na manifestación que arrincará do local sindical, na Avenida de Esteiro, ás 20.00 horas.

10 DE MARZO. DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA

Contra a pobreza. Emprego e salarios dignos

Meses atrás, a Axencia Tributaria (Facenda) daba a coñecer por medio dun informe os ingresos por rendas do traballo dos asalariados e asalariadas no Estado e tamén en Galiza. Os datos desvelan unha situación de precariedade extrema e de pobreza que se instala no mundo do traballo, co perigo de se converter en estrutural e definitivo.

Galiza conta na actualidade con 969.000 asalariados/as, dos/as cales 301.000 -o 31%- ingresan menos do salario mínimo interprofesional (648€/mes) e, neste grupo, 177.000 traballadores e traballadoras teñen un salario menor a 200€/mes, o 18,2% do total. No Estado máis de 2 millóns e medio de persoas están nesta situación. O salario en Galiza perdeu o 11% da capacidade adquisitiva en 5 anos.

A causa desta fractura que mantén a xente con traballo na indixencia, está na brutal reforma laboral aprobada no ano 2012. Aquela reforma solicitada polas grandes empresas e a Banca, que son os que realmente mandan no Partido Popular, orixinou unha multiplicación da precariedade, con masivos contratos de 1 ou 2 horas á semana ou menos de 10 horas ao mes. Estas persoas non contan como desempregados/as; se contasen e sumásemos os 80.000 mozos e mozas que marcharon á emigración nestes 5 anos, o paro en Galiza superaría o 40%. Esta é a mellora nas estatísticas de paro que presentan o Goberno español e a Xunta.

O Goberno do Partido Popular coas reformas impostas está empobrecendo a clase traballadora de tal maneira que, xa hoxe, ter traballo non garante unha vida digna. O PP, inzado pola corrupción, segue adiante coas súas políticas antisociais desaloxando miles de familias das súas vivendas, provocando que o 25% dos/as menores de 14 anos teñan problemas severos de alimentación ou dificultando o acceso aos medicamentos a moitos cidadáns como as persoas afectadas pola hepatite C. A isto súmase o recorte das liberdades públicas, unha forte represión contra os movementos sociais e a modificación de leis como o Código Penal e a Lei de Seguridade Cidadá.

A conmemoración do 10 de Marzo é unha data de referencia de loita da clase obreira galega, que no ano 1972 deu un exemplo de loita, especialmente en Ferrol e Vigo, contra a ditadura, para ter dereito a negociar convenios en Galiza, para mellorar os salarios, para reducir a xornada de traballo de 6 días á semana; cunha dura represión que custou dúas vidas obreiras e centos de persoas detidas. Agora, 43 anos despois, unha nova ditadura dos máis ricos, dos capitalistas castizos de Madrid, da banca e das grandes empresas, que defraudan máis de 80.000 millóns ao ano a través de filiais en paraísos fiscais -tal e como denuncian os inspectores da Facenda-, ten o noso pobo nunha situación crítica de emerxencia.

É preciso seguir a oporse con firmeza a esta situación de opresión e de explotación. Necesitamos decidir nós mesmos/as o noso futuro, ter a soberanía sobre o que nos é vital para unha vida digna. Defender os nosos intereses como nación fronte a España e Europa, que non contan coa nosa opinión, que nos usan como consumidores/as e como fonte de recursos e man de obra barata, que nos asimilan no seu idioma atacando o que nos é propio. Ou seguimos o exemplo de loita da clase obreira galega do 72 ou deixaremos de ter futuro como pobo. Mobilízate coa CIG o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega!

Lugar e hora das mobilizacións

FERROL: Manifestación nacional dende Avenida de Esteiro (local da CIG), ás 20.00 horas.

A CORUÑA: Manifestación, 20.00 horas, dende a Praza de Vigo.

COMPOSTELA: Manifestación dende a Praza Roxa ás 20.00 horas.

LUGO: Manifestación dende o local da CIG (Ronda da Muralla, 58), ás 20.00 horas.

OURENSE: Asemblea de delegados/as no edificio sindical (Parque de San Lázaro) e manifestación até a Xunta, ás 11.30 horas.

PONTEVEDRA: Asemblea de delegados/as e concentración na Praza da Peregrina ás 12.00 horas.

VIGO: Manifestación dende a Doblada ás 20.00 horas.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.