Os traballadores/as temen que a reestruturación da Área Sanitaria de Vigo coa apertura do novo centro se traduza en despedimentos no servizo
O cadro de persoal do servizo de mantemento do hospital Meixoeiro de Vigo, que xestiona a empresa Isolux decidiu en asemblea convocar folga indefinida a partir do vindeiro día 17 ante a incerteza que se abre no seu futuro laboral coa reestruturación da Área Sanitaria con motivo da apertura do cuarto hospital da cidade. Os traballadores/as temen que os cambios traduciranse en despedimentos e acusan os responsábeis do Sergas de mentirlles con respecto aos plans da Consellería.
Segundo explican os tres delegados de persoal (CIG) no servizo de mantemento do Meixoeiro, o pasado martes acudiron a Santiago xunto coas compañeiras/os de cociña e limpeza para abordar coa Xerencia do Sergas o futuro laboral destes traballadores/as ante a reestruturación da Área Sanitaria viguesa motivada pola apertura do novo hospital. Alí confirmáronlles que o persoal de cociña e limpeza vai ser subrogado pola concesionaria, mentres que o servizo de mantemento non sufriría modificacións.
Mais a sorpresa dos empregados/as chega pouco despois cando a Xerencia de Vigo decide convocar asembleas informativas co persoal laboral do Sergas, entre eles o de mantemento do hospital Xeral, nas que confirma que van ser recolocados/as por toda a Área Sanitaria. "Isto fainos pensar que en pouco tempo os 43 traballadores/as de mantemento do Meixoeiro iremos todos/as á rúa para permitir a recolocación dos 49 compañeiros/as do Xeral", sosteñen.
Os afectados/as sospeitan que detrás desta manobra hai un intento de aforrarlle custes á nova empresa que vai optar á concesión, xa que o cadro de persoal de mantemento do Meixoeiro ten un convenio propio con mellores condicións laborais que o provincial do Metal "e pretenden eliminalo". De feito, o orzamento de licitación do servizo xa sufriu unha importante redución, até o punto de que os traballadores/as dubidan incluso de que se poidan pagar as nóminas.
Diante desta incerteza polo seu futuro laboral, e co obxectivo de que o Sergas lles traslade información real sobre como pretende reestruturar os servizos non sanitarios, optaron por convocar folga indefinida -á que tamén se suma CCOO- a partir do vindeiro día 17 co apoio de todo o cadro de persoal.