1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

150914 gzmoedasGaliza - Contrapoder - O Partido Popular en Galiza vén de pedir de novo unha rebaixa de salarios. Non se trata dunha ocorrencia de Feijóo ou de calquera dos seus segundos tirada de contexto para encher as fracas páxinas dos xornais de finais de verán, xusto antes de se reiniciar o ano político.


Trátase da literalidade do informe de estratexia economico-financeira incorporado no documento no que Facenda fixa o teito de gasto do goberno para 2015. E xustamente por iso é mais perigoso e convén miralo máis de perto.

Galiza: traballo barato

Di a dereita española en Galiza que para atinxir a «equidade social» e unha recuperación económica sustentábel hai que evitar a «evolución errática». A Xunta considera así «indispensábel a contención de custos laborais» — que, efectivamente, non é errática porque é o que vén practicando e recomendando no último lustro con todo luxo de abusos — de forma a elevar o grao de competitividade das empresas do país e fomentar o aumento de investimentos.

Porén, una ollada aos datos oficiais dá para ver perfeitamente o cinismo da proposta, que mesmo vai alén de a facer nun país empobrecido como o noso, con mais de medio millón de pobres nun censo que non atinxe nen os tres millóns de habitantes. Resulta que, en promedio, cada traballadora en Galiza custa á empresa 2.170 euros — salario e cotizacións incluídas —, o que coloca o país no terceiro posto do ranking de paraísos para empregadores entre as comunidades autónomas do Estado, só por trás de Extremadura e Canarias. En calquera caso, ben lonxe do que custa ás empresas cada operario en Madrid (máis de 800 euros a máis por mes) ou do que representa a media do Estado (2.474 euros).

Mais non é esta a única proposta do departamento de Facenda do goberno galego. O informe adxunto fala tamén de continuar a reforzar o sector financeiro malia o constante bombeo de diñeiro público nos últimos anos co obxectivo de financiar os riscos da especulación — que continúa como práctica de base do modelo.

Se isto se suma á escenificación da unidade ideolóxica hispano-alemá coa visita de Merkel e Rajoi a Compostela — unha escenficación con todos os tintes neocoloniais, por certo, e con carga policial incluída —, o que se obtén é a panorámica que contrarresta os anuncios grandilocuentes do goberno de Madrid, que teima en facer crer que «os españois» transitan xa pola saída da crise.

A estagnación á volta do camiño

A análise, en todo caso, exixe considerar tamén o qué pode pasar nun escenario de perpetua queda dos salarios, non só dos directos, como tamén dos indirectos — os que as persoas percebimos en función dos servizos públicos de acceso xeral e gratuíto, que cada vez son menos xerais e menos gratuítos.

Converter Galiza nun país de traballo barato, facendo desta característica a pedra angular da oferta nun sistema globalizado de produción e especulación ten consecuencias directas que van moito alén dunha cuestión de orgullo, que é como amiúdo se costuma tratar cando se compara esa pespectiva coa situación da China, por exemplo, con todo o desprezo eurocentrista.

Mesmo analisándoo dunha óptica capitalista, a proposta de Facenda non deixa de resultar, ao mesmo tempo, infantil e temeraria. Infantil porque considera que o facto de que as taxas de lucro das empresas foren maiores ten unha influencia mecánica, directa e incontornável sobre a competitividade dunha economía e na redistribución deses lucros en forma de novas unidades produtivas, ou sexa, de ampliación da base produtiva: máis fábricas, en definitiva, ou máis empresas de servizos. É evidente que se esta afirmación xa era arriscada nun capitalismo produtivista, moito máis o é nun capitalismo especulativo, onde lucro e produción poden até non ter calquera relación.

Por outra parte, resulta temeraria porque esquece que o sistema capitalista vive nunha tensión permanente entre dúas fontes potenciais de bloqueo: lucros demasiado baixos, que se traducen en desinvestimentos e bloqueo da oferta, e lucros demasiado elevados, que se traducen nunha concentración do capital, nunha crecente desigualdade e na queda da capacidade adquisitiva da clase operaria, que é a que compra os produtos e servizos que ela mesma fornece, e que deixa de compralos cando efectivamente existe unha perspectiva ou unha realidade de redución dos salarios (directos e indirectos).

A estagnación da procura ou, o que é o mesmo, o bloqueo da demanda de bens e servizos é, do ponto de vista capitalista, tan mau para o sistema como o bloqueo dos investimentos pola queda dos lucros. Mais, evidentemente, se a direita ultraliberal que ocupa a Xunta de Galiza ten que apostar por algún dos dous escenarios — porque non existe alternativa sen abandonar definitivamente o sistema — apostará por bloquear a procura, aínda que iso signifique despois ter que arranxar a desfeita por medio do sobrealimentamento da banca para que continúe a dar créditos, como se en lugar de nun sistema finito que está xa atinxindo os seus limites reais — proto-revolucionarios, no fundo — o diñeiro público non se acabase máis.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.