O empregado foi despedido logo de preavisar a CIG eleccións sindicais e alegando a empresa que vestía inapropiadamente
Ataviadas/os con roupa e elementos propios dunha xornada de praia, a CIG-Servizos sorprendía este venres á clientela do Eroski City de Neda (na Avda. Algeciras) cunha concentración para denunciar o despedimento dun traballador da sección de carnicería, ao que lle foi rescindido o contrato por reclamar os seus dereitos e logo de que a central sindical preavisara eleccións sindicais.
O tema da pantomima de praia, explica Rocío Doce, Secretaria de Organización da CIG-Servizos Ferrol, está motivada por un parágrafo da carta de despedimento, no que a empresa intenta xustificar a procedencia da medida alegando que se "tiñan recibido queixas dos clientes, que chegaron a dicir que tiña unha imaxe descoidada e informal máis propia para ir á praia que para un carniceiro de supermercado".
A través da protesta-pantomina "intentamos explicarlle á empresa as diferenzas que existen entre ir vestido para a praia e ir traballar cun dos uniformes mercados polo propio traballador nun comercio, xa que a empresa, en tres anos, só lle entregou un".
Doce entende que con este despedimento, a empresa pretende trasladar unha mensaxe exemplarizante ao resto dos traballadores e traballadoras e que "non se atrevan a protestar e reclamar os seus dereitos". Ademais, a rescisión chegou despois da tentativa de despedimento doutro compañeiro e logo de que a CIG preavisara eleccións sindicais.
A decisión empresarial está recorrida e o próximo venres terá lugar o acto de conciliación no SMAC.
Condicións precarias
Ademais de demandar a readmisión do traballador, na concentración denunciáronse tamén as condicións laborais do persoal de Alimentación Anguieira XXI, SL (Eroski City de Neda) que, por sistema, traballan máis de 50 horas á semana. A empresa non respecta tampouco o descanso entre xornadas, non lles permite gozar do período vacacional nos meses de xullo e agosto, e nin sequera teñen un horario fixo. De feito, denuncia a CIG-Servizos, a compañía chama ao persoal dun momento para outro "e teñen que acudir ao posto de traballo baixo a ameaza de 'se non ves, ti verás'".
Ademais, subliña Rocío Doce, a empresa non lles entrega os dous uniformes ao ano que, como mínimo, marca o convenio; e manda ás traballadoras e traballadores realizar tarefas que non lle son propias, como fregar á man todo o local (incluído o aparcamento da clientela) despois da hora do peche, "para aforrar así os custes de contratar persoal de limpeza".
Desde a CIG-Servizos de Ferrol advertiron que "non imos consentir este tipo de comportamento nas empresas da zona. Seguiremos coa campaña de desenmascarar e informar sobre as "empresas pirata" da Comarca e seguiremos loitando polos dereitos dos traballadores/as".