A protesta pechou tres novas xornadas de folga para reclamar o pago de salarios e a mellora das condicións de traballo na empresa de conxelados.
Máis dun cento de persoas, entre as que se atopaba o secretario comarcal da CIG de Ourense, Etelvino Blanco, participou o venres ao mediodía na concentración de apoio aos traballadores/as da empresa Monte Kalamua ás portas do Concello de Ribadavia. A protesta puxo o punto final ás tres novas xornadas de folga convocadas para reclamar o pago de salarios e a mellora das condicións laborais.
Segundo explicaron dende a FGAMT-CIG de Ourense, trátase da segunda convocatoria de folga secundada polos traballadores e traballadoras desta empresa adicada ao sector do conxelado de peixe con sede no parque industrial de San Cristovo. A primeira tivera lugar os días 4, 5 e 6 de setembro. Tanto aquela como esta de outubro foron secundadas pola práctica totalidade dos traballadores e traballadoras da empresa.
As razóns que motivaron esta nova convocatoria de folga veñen a ser as mesmas que provocaran o paro anterior: a reclamación do cobro dos salarios que se lles adebedan (na actualidade son catro meses) e a reclamación da mellora das condicións de traballo. "Cómpre por parte da empresa unha resposta clara, encamiñada a solucionar esta situación;do contrario, non se descartan novas mobilizacións", afirman dende a central nacionalista.