O Sindicato de Ofícios Vários da CNT em Ferrol chama a participar numha reuniom preparatória da greve hoje (terça, 11/06, às 20:00 h) no seu local na Avenida de Esteiro. O sindicato anarquista confirmou a sua presença na manifestaçom unitária que sairá da Praça do Inferninho, na capital da comarca, polas 12.00 h.
Também a Fundaçom Artábria, coletivo cultural muito ativo na comarca, aderiu ontem à convocatória.
Outro coletivo que acabou de apoiar a jornada de greve geral em Trasancos é Forxa!, junto com a sucursal do Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE) em Ferrol. O comunicado chama a demonstrar "a força imensa da classe trabalhadora" na jornada de 12 de junho.
Reproduzimos a seguir os dous comunicados.
CNT de Ferrol: GREVE XERAL! Contra a crise económica, mobilización social!
As traballadoras e traballadores das bisbarras de Ferrol, Eume e Ortegal estamos xa fartos de enganos e mentiras, pois levamos desde os anos 80 escoitando a toda a cláse política que están traballando pola bisbarra, que os plans de reindustrialización van revitalizar a zona e que fiquemos tranquilos que eles xa o amañarán todo.
Mais esto vai cada vez a peor. Moitos empresarios viñeron beneficiarse de subvencións millonarias, a destruir a paisaxe con recheos e polígonos, a contaminar as rías e destruir as fragas, mais trinta anos despois só están deixando un rastro de desemprego e desolación. A xente nova cada vez emigra mais nova e os que están en activo traballan máis horas por menos salario. Non sabemos que ía ser de nós sen tanta axuda!!!
Até nos outrora respetados estaleiros chegaron os recortes. As prexubilacións favoreceron aos que estaban en activo mais prexudicaron a toda a bisbarra, pois os postos de traballo de calidade na empresa principal foron substituídos por postos de traballo precarios nas empresas auxiliares, e agora nin tan sequera iso, pois até estas empresas desapareceron ou marcharon da bisbarra.
O sector da construcción está en quebra total, o naval paralizado, as auxiliares afogadas, o eólico desfeito, e a maior parte das grandes empresas da bisbarra están en crise, con ameaza de peche. E aínda hai sivergonzas que nos queren facer ver que estamos saíndo desta, que a crise vai pasando.
Mais os que estamos pagando esta crise sabemos que vai ser mói difícil voltar atopar traballo na nosa terra, que moitas das portas pechadas xa non abrirán, que os fillos terán que ir lonxe a gañar a vida, e que as persoas que queden van traballar en condicións cada vez peores, en xornadas máis longas, con menos salarios e en condicións máis indignas.
Podemos ficar na casa agardando que escampe; podemos permitir que moitos empresarios que fixeron a súa fortuna nos anos das vacas gordas continúen facendo ostentación do luxo; podemos permitir que os bancos continúen estafando aos aforradores e arruinando ao país; e podemos confiar nos políticos que van amañalo todo na oposición e que din que non hai outra cando chegan ao governo.
Mais tamén podemos dicer que non; que non estamos dispostos a humillarnos máis para que veñan a estafarnos empresarios especuladores; que non imos sacrificar a riqueza natural desta terra para servir aos buitres das finanzas; que esiximos poder participar no deseño das políticas industriais que nos afectan; que imos mobilizarnos até que sexamos respectados polo empresariado e os políticos; que imos dar a batalla posto por posto, para defender o noso traballo, os nosos dereitos e a nosa dignidade. Que non se xoga coa clase traballadora!!!
Fundaçom Artábria apoia convocatória da Greve Comarcal o próximo 12 de junho
A Fundaçom Artábria fechará as suas portas o próximo 12 de junho para secundar a greve comarcal convocada, entre outros, polo sindicalismo nacional e de classe.
Fazemos um apelo à nossa base social a participar ativamente nesta jornada de luita.
Avante a classe trabalhadora galega!
Forxa! e Partido Comunista de los Pueblos de España: [12X] CONTRA O GOBERNO, A TROIKA E O CAPITAL: AVANZAR CARA A GREVE XERAL!
Cómpre deixar a ferramenta, pechar a porta e saír á rúa.
Nuns poucos días todo Fene ficará sen carga de traballo. A demanda do dique deixase librada á vontade da SEPI e da UE imperialista, representantes do gran capital monopolista, responsábel e beneficiario da liquidación do noso tecido produtivo e da ruína da nosa clase.
O chamamento á Greve pon en pé de loita a milleiros de traballadoras e traballadores da Naval.
Pero tamén @s do marisco, do sector agro-gandeiro que sofren as consecuencias da desatención criminal e estragamento da nosa ría e da asfixia baixo as imposicións da PAC imperialista; de pequenos comerciantes e autónomos arruinados e fagocitados polas grandes superficies monopolistas; proletarizados e arroxados ao paro e á pobreza.
Das mulleres traballadoras, acosadas polo paro, a precariedade e a liquidación da atención pública aos maiores, nenos e dependentes.
Da mocidade obreira e popular condenada ao paro e segregada nos centros de estudos como consecuencia da LOMCE do capital que quere ver escravas e analfabetas ás fillas e fillos da clase obreira.
Unha clase obreira que na bisbarra, pero tamén en toda a Galiza, en todo o Estado español, é vítima dunha guerra aberta da oligarquía contra todos os dereitos e condicións de vida, da destrución da sanidade, do sistema público de pensións, en breve do salario mínimo interprofesional.
A liquidación dos Convenios devólvenos á prehistoria do Movemento Obreiro, despóxanos dos dereitos acadados colectivamente e pretende deixarnos indefens@s e illad@s mendigando cada dereito individualmente a unha patronal envalentonada e apontoada polas políticas de Pacto, rendición e colaboración co inimigo de clase.
A man esquerda do capital, o reformismo e o oportunismo político que camiña cara a unha de tantas refundacións electoreiras baixo a bandeira do Pacto entreguista e desmobilizador, ofrécesenos como relevo dun PSOE que xa non pode coa creba da súa lexitimidade.
Con potente bombo mediático, volve querer refundar a Unión Europea, humanizar o capitalismo (convencer ao lobo de que coma herba) e negar a loita de clases falando de que a cidadanía ten que rexenerar a democracia.
Pero nós, obreiras e obreiros, sabemos que os explotadores tamén son cidadáns e que a democracia burguesa é a ditadura do capital.
Os Comunistas de Galiza, organizados en FORXA! e no PCPE, chamamos a converter a Greve do 12 de Xuño nun grande éxito da clase obreira e o pobo de Ferrolterra. A sumar todas as loitas comarcais e sectoriais cara a unha nova Folga Xeral que amose a inmensa forza da nosa clase cando se une para loitar.
A erguer unha ampla fronte obreira e popular que defenda cada dereito, cada conquista, cada froito das loitas do pasado; e concentrando as nosas forzas para dar todas as batallas do futuro e a batalla polo noso propio Poder, que remate para sempre co capitalismo e as súas crises, coa explotación e o sufrimento do noso pobo e da nosa clase.
OU ELES, OU NÓS!
VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!

