Traballadores/as do naval da Ría de Vigo potagonizaon hoxe novas mobilizacións na cidade para denunciar a pasividade dos Gobernos español e galego ante a grave crise que atravesa o sector e para reclamar carga de traballo para unha industria fundamental para a economía da comarca. A CIG segue a apostar pola convocatoria dunha greve comarcal e anima á veciñanza a participar na maniesfestación do vindeiro mércores día 12 en defensa do emprego.
Como cada xoves, empregados/as e parados/as do sector convocados pola CIG concentráronse a partir das 10.00 horas diante da delegación da Xunta de Galiza, para a continuación saír en manifestación cara o cruce de Colón, onde realizaron un corte de tráfico que provovou importantes retencións no centro da cidade.
Acto seguido desprazáronse até a farola de Urzaiz para continuar coa interrupción do tránsito rodado para sensibilizar á cidadanía do grave impacto que terá na economía da comarca a desaparición do sector. A protesta rematou arredor do mediodía.
Dende a CIG-Metal insisten na necesidade de convocar unha folga comarcal e fan un chamamento ás demais organizacións sindicais e sociais da bisbarra a sumarse ao paro. Ao mesmo tempo, animan á veciñanza a participar na manifestación convocada pola central nacionalista na cidade o vindeiro mércores 12 en defensa do emprego, coincidindo coa convocatoria de greve comarcal en Ferrol.

