Relanzase neste momento pola evidente necesidade que ten a sociedade galega de coñecer que pasou cos 75.000 millóns de euros, en activos, nos que estaban valoradas as antigas caixas, e pedir responsabilidades aos directivos destas e tamén aos responsábeis políticos.
Esta asociación ven a continuar o traballo iniciado pola Plataforma Pola Banca Pública, na que está integrada Asemblea Aberta Ourense -15m, que xa presentou dúas denuncias contra os directivos á Fiscalía anticorrupción e á Fiscalía superior de Galicia apoiando as mesmas con 4000 sinaturas. Ás demandas desta plataforma sumouse recentemente o colectivo Marea Cidadá Ourense, integrado por varias organizacións.
A ampliación de ADUCAB con todos estes colectivos e outros que esperamos se nos sumen, permítenos dar un paso máis no noso propósito de persoarnos como acusación popular no xulgado nº2 da Audiencia Nacional no que se instrúen dilixencias contra os directivos das antigas caixas galegas e conseguir en definitiva unha auditoría cidadá das caixas que faga xustiza e devolva a dignidade a cidadanía galega.
A Asociación para a Defensa de Usuarios e Usuarias de Caixas de Aforros e Bancos presentarase o luns día 13 de maio ás 12 da mañá nunha rolda de prensa diante da oficina de NGB situada na planta baixa do edificio San Martín (Parque de San Lázaro) de Ourense.

