1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

060513 empregoGaliza - CIG - O pouco emprego que se crea en Galiza é tan precario que con apenas 700 desempregadas/os menos medran os contratos en 9.000.


Hai 12.463 persoas desempregadas máis que no mesmo mes do ano pasado, o que supón un incremento interanual do 4,62%.

Ante a crítica situación do emprego, a CIG demanda un "radical cambio nas políticas económicas dos gobernos do Partido Popular, en Galiza e no Estado". Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego e Industria sinala que no pasado mes de abril rexistráronse 290.459 desempregados/as nas oficinas de emprego, apreciándose un "levísimo" descenso no paro de tan só o 0,25%. Porén, subliña que hai 12.463 desempregados/as máis que en abril de 2012, o que supón un incremento do 4,62%.

López Rivera advirte de que malia entrar na curva estacional de creación de emprego, estamos por debaixo dos niveis do ano pasado. "Mentres que en abril de 2012 se crearon 849 empregos, este ano foron tan só 728". Xunto a isto alerta de que non se consegue mudar a tendencia no sector Servizos, no que, polas datas nas que estamos, debería crearse emprego e, pola contra, destrúese, incrementándose o paro nun 0,47% en Galiza, mentres que baixa na media estatal.

O secretario confederal de Emprego e Industria explica esta situación porque o sector Servizos, que aguantou máis, está agora a sufrir o incremento do paro e, ademais, as consecuencias da perda de poder adquisitivo das familias por mor das rebaixas salariais que se están a impor e que afectan ao conxunto da clase traballadora e a todos os sectores.

Contratos

López Rivera alerta tamén da baixísima calidade do pouco emprego que se crea. "Rexístranse pouco máis de 700 desempregados/as menos dos que só 400 foron indefinidos e, sen embargo, asináronse 9.000 contratos máis que no mes anterior –o 21,8% máis-, pasando de 43.000 a 52.00. A maioría foron eventuais por circunstancias de produción, o que pon en evidencia a escasa duración dos contratos, de días e mesmo de horas, e a precariedade laboral á que se enfrontan as traballadoras e traballadores".

Ante esta situación a CIG reclama, máis unha vez, a retirada dunha reforma laboral que mes tras mes se demostra fracasada. O investimento na economía real, nos sectores produtivos, como única forma de favorecer a recuperación económica e a creación de emprego digno e de calidade e a fin das chamadas políticas de austeridade, un eufemismo baixo o que se agochan recortes de toda caste que están a provocar o empobrecemento masivo da poboación e que abocan á exclusión social a miles de traballadoras e traballadores e ás súas familias.

De feito, López Rivera lembra que no mes de marzo había xa 126.892 desempregadas e desempregados que non cobran prestación algunha, 2.791 máis que no mes de febreiro.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora