1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

280413 unisGaliza - CIG - A xornada de greve convocada pola CIG na firma de telemárketing tivo un seguimento de 70%.


Arredor de 700 persoas participaron hoxe (25) na manifestación convocada pola CIG para rexeitar os plans de Unísono de deslocalizar 97 empregos de Vigo a Madrid, mobilización coa que se puxo fin á campada iniciada diante da empresa a noite anterior. Ao mesmo tempo, dende a central nacionalista cifran nun 70% o seguimento da xornada de greve convocada na compañía de telemárketing.

A marcha, que forma parte dunha serie de mobilizacións para enfrontar a destrución imparábel de emprego no sector, partiu pasadas as 20.00 horas da Gran Vía e rematou diante do edificio da Xunta, onde se deu lectura a un manifesto que recolle as principais demandas das traballadoras/es.

Unha faixa na que se podía ler "Unísono en loita. Traballo digno no telemárketing. Abonda de recortes, despedimentos e temporalidade" abría unha manifestación que percorreu en ton reivindicativo e festivo as principais rúas do centro da cidade.

Durante o acto final diante do edificio autonómico cantouse o Grândola en lembranza da Revoluçao dos Cravos que derrotou a ditadura de Salazar en Portugal hai hoxe 39 anos grazas ao "combate que desde a clandestinidade foron dando as traballadoras e traballadores que formaban parte de organizacións de clase. Só coa unión foron capaces de lograr botar abaixo o fascismo. Hoxe queremos rememorar aquela revolución tomándoa de exemplo. Manteñámonos unidas, fortes e constantes contra o capital". O punto final do acto púxoo a interpretación do Himno Galego.

A mobilización, coa que se puxo fin á acampada nocturna fronte á sede da empresa na Gran Vía iniciada a noite anterior, coincidiu coa xornada de greve convocada pola CIG na empresa, que tamén foi secundada pola CGT. Dende a central nacionalista cifraron nun 70% o seguimento do paro por parte do cadro de persoal.

MANIFESTO DA CIG:

Hoxe non vivimos na clandestinidade, pero si que vivimos nunha ditadura, na ditadura do capital. Unísono encarna esa ditadura. Contribúe a castigar, oprimir e reducir ás traballadoras/es. Unísono non é un negocio calquera, é unha multinacional que factura arredor de 127 millóns de euros anuais, que xunto a outras catro empresas xestiona o 45% do negocio do telemárketing, que ten arredor de 6500 empregadas e máis de cincuenta clientes, entre os que se encontran multinacionais como Orange, Vodafone, Yoigo, R, ING, Gol Televisión, Gas Natural, Iberdrola ou Inditex.

Hoxe estamos aquí porque Unísono xa leva tempo esgotando a nosa paciencia. Desde setembro, a contagotas, levamos perdidos arredor de 260 postos de traballo. O centro de Vigo está a ser marxinado mentres se conserva traballo a nivel estatal ou se deslocaliza a paises cunhas condicións laborais peores e cun sindicalismo sometido á represión, como é o caso de Colombia.

Agora pretenden desfacerse de 97 traballadoras máis, estrangulando a lexislación. Aplícan un expediente de mobilidade xeográfica a un sector que se desenvolve a distancia, a sabendas que as compañeiras teñen unhas circunstancias persoais que lles impiden facer o traslado e que polo tanto, se ven abocadas a autodespedirse cunha indemnización miserable.

É unha medida discriminatoria que só busca despedir indefinidas, e pouco importa que se trate de nais e pais, embarazadas ou traballadoras con persoas dependentes ao seu cargo. Iso non lle importa ao grande capital do cal forma parte Unísono. O mesmo capital que beneficia o goberno español con suculentas prebendas e cunha lexislación laboral á súa medida. A medida da nova servidume, baixo a cal se establece o despido libre, tal e como se demostra mes tras mes en Unísono, coa complicidade dos gobernos do PP na Xunta e goberno español, auténticos lacaios da Unión Europea dos monopolios, que non nos ofrece futuro algún.

A escusa é que ningún cliente quere vir para Vigo. É especialmente grave no caso de Orange, que leva aquí oito anos. E é especialmente grave porque Unísono Vigo sempre presentou as mellores notas de calidade. Non podemos crer que sexa unha decisión do Cliente unilateral, trátase dunha estratexia de Unísono para desbotar indefinidos. Descoñecemos cal vai ser o futuro da empresa pero non podemos, lamentablemente, descartar o peche. Desde a sección da CIG agardamos que a empresa mude de opinión, que a Xunta asuma as responsabilidades e que se paralice de xeito inmediato a destrución de emprego na nosa empresa. O noso país xa non pode asumir máis desempregadas/os, que no último trimestre se incrementaron en case 30.000.

Para ir rematando, queremos agradecer a participación de todas e todos vós, a implicación do BNG neste proceso levando ó Parlamento de Galiza a nosa situación, o apoio das compañeiras/os da CIG e dos medios de comunicación que estiveron pendentes de nós. Esta é a culminación dunha xornada de 24 horas de acampada e de greve pero a nosa loita debe continuar. Se a empresa non recúa, optaremos pola vía xudicial, así como por outras medidas de presión e de loita.

A reforma laboral do PP foi un atentado contra a clase traballadora e este é o seu resultado pero entre todas temos que conseguir que se faga XUSTIZA, porque, como no 25 de abril, o povo é quen máis ordena.

Unha empresa que ten beneficios non pode actuar deste xeito, amparada por gobernos delincuentes.

A nosa loita, xunto a moitas outras que se están a dar no noso país e noutros, forman parte dun movemento imparable de batalla pola recuperación e aumento dos nosos dereitos, dos dereitos da clase traballadora en loita contra o capital.

Os mesmos que lexislan o despedimento libre queren agora aumentar a xubilación aos 70 anos ou a xornada laboral a 64 horas. Basta de explotación! A riqueza social prodúcea a nosa clase, só fai falla someter a minoría parásita, o empresariado criminal, e planificarmos a economía en función dos intereses da maioría, que somos nós.

Abonda de que señores sentados en Madrid ou onde quer tomen decisións sobre o noso futuro e nos obriguen a emigrar. Postos de traballo na nosa terra!!!

NON Á MOBILIDADE XEOGRÁFICA NO TELEMÁRKETING. NON Á DESLOCALIZACIÓN.

Viva a clase traballadora!


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.