CIG- Administración, da comarca de Ferrol, súmase á convocatoria da manifestación que, na defensa dos servizos socias da comarca, convoca e impulsa o Comité de Empresa da Consellería de Traballo e Benestar da provincia da Coruña para o mércores 24 de abril ás 8 da tarde, con saída da Porta Nova.
A CIG-Administración denuncia que xa se leva un tempo longo recibindo os ataques aos servizos públicos instalados na Comarca, primeiro coa privatización dunha parte importante da xestión do antigo CEE Carmen Polo, mediante a creación e externalización do Souto de Leixa, cunha cuantificábel perda de asistencias e unha diminución da calidade da prestación dos servizos para un sector da nosa poboación minoritario pero especialmente sensible.
Despois co desaloxo do centro de menores Soutomaior, baixo a escusa de unificar os dous centros existentes. O resultado foi a infrautilización do centro que contaba con instalacións máis modernas, e unha diminución tamén cuantificábel do número de rapaces e rapazas acollidos nas instalacións que a Consellería de Traballo e Benestar ten na comarca.
E agora coa vontade, por parte da mesma Consellería, de proceder á supresión da unidade de valoración da dependencia. Unha vez máis, baixo a escusa de reestruturacións técnicas do servizo se procede a eliminar outro servizo social.
En todos os casos trátase da supresión de unidades, instalacións e postos de traballo en servizos básicos para a construción dunha sociedade máis xusta, con capacidade para facilitar a vida a todos aqueles aos que lles tocou transitar polo lado máis duro dela.
"Estámonos a afacer a que os gobernantes digan que procuran precisamente o contrario do que se consigue coas súas políticas: din procurar traballo despedindo arreo e facilitando e abaratando os despedimentos; falan de mellorar a saúde, limitando a cobertura das institucións creadas cun grande esforzo de todos; enchen a boca con palabras como igualdade de oportunidades e ensino para todos, mentres reducen as becas, dificultan o acceso das xentes sen medios ó ensino e á universidade; insisten na necesidade dunha xustiza para todos, mentres lle poñen prezo ao acceso á mesma...", afirman.
E engaden que nesta liña, o ataque aos servizos sociais en Ferrolterra "non é recoñecido por eses gobernantes pero é perfectamente cuantificábel e súmase ao deterioro das condicións de traballo dos seus empregados e empregadas (maioritariamente empregadas, posto que estamos a falar de actividades fortemente feminizadas)".
Lembran as mobilizacións recentes do persoal de centros señeros na área dos servizos sociais públicos como o CAMF-Imserso de Ferrol, sometido a severas restricións pola Administración do Estado, ou, na mesma liña, a Residencia de Maiores de Caranza, dependente da Administración da Xunta de Galiza.
Subliñan que a defensa dos servizos públicos en todos os sitios é unha obriga cidadán. "A nós correspóndenos defender especialmente os servizos públicos de Ferrol e a súa comarca".
Por iso acordaron sumarse á manifestación convocada para o mércores 24 de abril ás 8 da tarde, con saída da Porta Nova, e chaman á máis ampla participación na mesma.

