O mes de marzo remata en Galiza con 291.187 persoas desempregadas, un 0,5% menos que no mes de febreiro, pero un 5,6% máis que no mes de marzo de 2012. A CIG considera que malia a lixeira mellora os datos son estritamente estacionais provocados polo adianto da Semana Santa. Tal é así que ao longo do mes rexistráronse un total de 39.044 contratos eventuais por circunstancias de produción que só se traduciron nunha creación de emprego neto de 1.636 postos de traballo.
O secretario confederal de Emprego, Antonio López Rivera, considera que estamos ante unha situación realmente preocupante, dada a elevadísima temporalidade. Manifesta que "en ningún caso podemos tomar con optimismo estes datos porque son puramente estacionais" e salienta que, de feito, dos 1.636 parados menos, 1.370 correspóndense co sector Servizos. "Sospeitamos ademais que parte da diminución de parados/as rexistrados/as ten que ver con traballadoras e traballadores que optan pola emigración á busca dun posto de traballo".
A isto engade que a mes de febreiro un total de 124.131 persoas carecían de prestación algunha o que dá unha idea do perigo, cada vez maior, de exclusión social que hai en Galiza onde, denuncia, non se están adoptando medidas que permitan paliar esta situación.
López Rivera insiste, xa que logo, no fracaso das reformas que considera que teñen como único obxectivo "facilitar o despedimento e estragar as condicións laborais e de vida das persoas que aínda manteñen o emprego".
Ante isto, a CIG demanda a urxente posta en marcha de políticas de investimento público que permitan recuperar a economía, salvar os sectores produtivos e crear emprego digno.