Suprimirá nas extras a contía do complemento de carreira profesional, de atención continuada e a produtividade
O anteproxecto da Lei de Orzamentos, na súa exposición de motivos, recolle que para o persoal estatutario reducirase a contía do complemento de carreira profesional, a contía de atención continuada e a produtividade, até conseguir o total do específico de Función Pública, non o específico do SERGAS. Porén, CIG-Saúde denuncia que o persoal do Servizos Galego de Saúde verá recortados os seus salarios en máis conceptos que os do resto de traballadores/as públicos/as.
En xullo de 2007 asinouse na Mesa Sectorial do SERGAS o acordo de aplicación ao persoal estatutario do SERGAS do estabelecido no artigo 12.3 da Lei 14/2007 do 28 de decembro, para integrar o concepto do Complemento específico ou concepto adecuado ás pagas extras. No SERGAS, para o seu cálculo tivéronse en conta as contías do específico, produtividade fixa e PRD.
CIG-Saúde lembra que o anuncio de Feijóo de reducir a nómina da paga extra nun 40% equivalería, supostamente, ao complemento específico. "Mais no SERGAS non é así, xa que a contía do complemento específico é inferior ao que perciben as/os traballadoras/es de Función Pública. Por iso estabelécese reducir o complemento de carreira profesional, a atención continuada e a produtividade".
Ante isto, a CIG-Saúde denuncia que se están a reducir contías que "non se corresponden coas nosas retribucións" e que non se sabe aínda como se vai aplicar esta redución". Alerta de que hai persoal que non percibe retribución de carreira profesional e pregúntase, ante isto, se percibirá menos por traballar noites e festivos.
Sinala ademais que os salarios do persoal do SERGAS xa sufriron graves recortes, mentres que a inflación segue a subir. E conclúe que non estamos ante unha crise de gasto, senón de ingresos que non se soluciona con estas políticas.

