O traballador e a traballadora do servizo de mantemento dos xardíns dos colexios públicos de educación infantil e primaria do Concello da Coruña queren denunciar publicamente que levan case dous anos sen cobrar os seus salarios e nin a empresa, nin o Concello se fan cargo desta situación. Ademais, os dous afectados atópanse nunha situación de total desamparo xa que, a pesar de que a contrata foi rescindida, non se lle recoñeceu o dereito á subrogación nin tampouco poden cobrar a prestación por desemprego porque a empresa non lles entregou a carta de despedimento.
Os problemas para estes dous empregados comezaron en xaneiro do ano pasado, mes a partir do que a empresa para a que traballaban, Talleres de Abastecimiento, Jardinería y Obras, S.L. (TAJO), deixou de aboarlle os salarios. Naqueles intres, explican dende a Federación de Servizos da CIG da Coruña, TAJO tiña a contrata do servizo de mantemento dos xardíns dos colexios públicos da Coruña.
Os meses pasaban, a débeda salarial íase acumulando, e a empresa escusaba as súas responsabilidades asegurando que tiña as contas embargadas e que os ingresos realizados polo Concello ían para Facenda. Ante a gravidade da situación, o traballador e a traballadora decidiron iniciar medidas legais e, en outubro de 2011, denunciaron a súa situación na Inspección e presentaron reclamación de salarios no SMAC. Daquela, TAJO xa lles adebedaba a cada un máis de 12.000 euros, pero non se presentou ao acto de conciliación.
Así mesmo, os traballadores puxeron en coñecemento do Concello da Coruña todas estas irregularidades, co obxecto de que a administración local recuperara a concesión e se puidese solucionar a precarísima condición na que se atopaban, mediante á subrogación á nova adxudicataria, tal e como se estabelece no convenio de aplicación. Ademais, reclamouse a paralización dos pagos efectuados á empresa, de modo que o Concello abonase de xeito directo o pago das nóminas e non a través de TAJO.
Neste senso, os traballadores afectados denuncian tamén o mal proceder por parte do Concello neste conflito, xa que se desentendeu totalmente das condicións do persoal (que en calquera caso presta un servizo público para o municipio) e non se preocupou por facer as xestións oportunas para que o embargo dos pagos non afectase á parte correspondente ás nóminas.
Esta situación provocou que o importe íntegro que o Concello abonaba á empresa polo servizo de mantemento de xardíns fose directamente para amortizar a débeda de TAJO con Facenda, mentres os traballadores acumulaban máis meses sen cobrar, a pesar de que continuaban cumprindo puntualmente coas tarefas asignadas.
Os prexuízos económicos para os dous foron incluso máis alá dos seus salarios, xa que durante catro meses –nos que a empresa e o Concello estiveron totalmente desaparecidos- foron eles dous quen financiaron con cartos dos seus petos os custes do servizo: mantemento da ferramenta, combustíbel para a furgoneta e a maquinaria, etc. Mesmo tendo que utilizar o seu vehículo particular en determinado momento, porque a furgoneta da empresa xa non tiña seguro.
As súas circunstancias deron unha nova volta cando a finais de xaneiro deste ano, dende o Concello se lles prohibe acceder aos recintos dos colexios, xa que o servizo de mantemento de xardíns está en proceso de adxudicación e descoñécese quen se fará cargo do mesmo.
Finalmente, a empresa adxudicataria resultou Jardinería Arce, que á vista da débeda contraída cos traballadores renuncia ao servizo, quedando a contrata sen asignar e os dous traballadores sen ocupación efectiva, sen seren subrogados e cunha débeda da que ninguén se quere facer responsábel.
Para sorpresa dos dous traballadores, unhas semanas despois teñen coñecemento de que os xardíns dos colexios están a ser atendidos por empregados/as de Jardinería Arce. Logo de pedir explicacións, dende o Concello explicaron que estes traballos responden a un contrato "puntual" e polo tanto non recoñecen o dereito dos traballadores a seren subrogados, aínda que o persoal de Jardinería Arce na realidade está a desenvolver as mesmas tarefas que facían eles dous.
Os dous afectados denunciaron esta situación na Inspección de Traballo e presentaron demanda no Xulgado do Social contra TAJO, Jardinería Arce, o Concello e outros, por despedimento improcedente. Agora acaba de saír a sentenza e, para afondar máis no seu drama particular, a xuíza (que estaba de reforzo e ditou unha sentenza chea de contradicións) non recoñece a improcedencia do despedimento nin o dereito á subrogación recollido en convenio.
A este respecto, os traballadores lamentan o desentendemento total da súa situación por parte tamén da xustiza, xa que logo de case dous anos sen cobrar e pagando cos seus salarios o custe do servizo, ninguén se quere facer responsábel desta situación: nin TAJO, nin a empresa que agora realiza o servizo, nin o Concello e nin sequera a xuíza lles recoñece o dereito a manter o seu emprego.
Hai que aclarar que os dous traballadores atópanse totalmente desamparados xa que nestes momentos están sen ocupación, pero non foron despedidos de forma legal por TAJO, polo que nin sequera teñen dereito a percibir a prestación por desemprego. O feito de que na sentenza xudicial non se recoñeza o seu despedimento, obriga agora aos afectados a presentar unha nova demanda para reclamar a extinción de contratos por impagamento e poder atoparse en condicións legais de desemprego, o que demorará outros seis ou sete meses máis a súa situación.

