A Federación solicita reunións coa Consellaría e Ministerio de Industria para abordar o futuro do sector logo da anulación da orde de asignación de cotas.
A Federación de Químicas e Enerxía da CIG vén de solicitar reunións co Ministerio de Industria e a Consellaría de Industria para abordar a crítica situación que atravesa o sector do biodiesel, logo da anulación da orde de asignación de cotas. Dende a central nacionalista reclámase que se adopten de maneira urxente medidas legais e reais ante a competencia desleal que existe, de modo que se garanta a capacidade de produción e o emprego no sector.
Dende a central sindical critícase a actitude mantida polo departamento dirixido por José Manuel Soria ante a problemática que padecen as empresas de produción de Biodiesel no Estado e laméntase a falta de compromiso tanto do Goberno español como do galego para garantir a viabilidade das plantas.
O Secretario de Organización da CIG-Químicas e Enerxía da CIG de Ferrol, Alberte Amado, lembra que o pasado martes, 16 de outubro, o Ministerio de Industria anulou a orde de asignación de cotas, a só unha semana da data tope estabelecida na Orde aprobada o 20 de abril, para a regulación do sector, publicada tras a expropiación de YPF a Repsol por parte do Goberno de Arxentina. A finalidade da Orde era protexer as empresas do sector das importación de Arxentina e Indonesia que se consideran dumping, xa que producen por debaixo de custe ao beneficiarse da fiscalidade.
"Con esta anulación o Ministerio deixa patente que nunca tivo un compromiso real para a viabilidade do sector, senón que as medidas que aprobou o pasado abril parecen unha represión contra o Goberno de Arxentina pola decisión que esta adoptou ante Repsol", denuncia Amado.
Ante as últimas decisións, dende a CIG solicitáronse xuntanzas co Ministerio de Industria e coa Consellería de Industria para esixir que se adopten de maneira urxente medidas legais e reais ante a competencia desleal que existe no sector, para que se garanta a capacidade de produción e o emprego do sector tanto na Galiza como no resto do Estado.
Galiza conta con cinco plantas
En Galiza asentáronse cinco empresas de biodiesel, das cales tres están na comarca de Ferrolterra, mais nunha situación de continuada crise. Unha destas compañías, Infinita Renovable, é a segunda do Estado español en capacidade de produción, podendo chegar a producir 300.000 toneladas de biodiesel ao ano, e conta con 40 postos de traballo directos. Os traballadores/as de Infinita veñen padecendo unha regulación de emprego dende hai ano e medio por falta de produtividade e agora a empresa acaba de anunciar que estuda novos "axustes" ante a anulación da orde de asignación.
A planta de Entaban, que se atopa no porto exterior de Ferrol, está en proceso de concurso de acredores despois de despedir a case a totalidade do cadro de persoal, que chegou a ser de arredor de 30 traballadores/as. Biocarburantes Peninsulares, situada no Polígono Río do Pozo en Narón, na actualidade atópase sen traballadores/as, xa que solicitaron a extinción de contrato debido as débedas salariais e a que nunca chegou a producir, "nin sequera a facer as probas de posta en marcha, despois de máis de dous anos instalada".