Nomeadamente, é posible afirmar que no ano 2011, ao que corresponde o inquérito, unha de cada cinco persoas habitantes en Galicia vivían por baixo do limiar da pobreza.
Segundo os datos amosados polo INE a taxa de risco de pobreza de Galicia está no 18,8%. Polo tanto, case o 20% da poboación do país está por baixo do limiar da pobreza ou, o que é o mesmo, non acada o 60% da mediana de ingresos ordinarios. Estas cifras sitúan a Galicia un chisco por baixo da media do Estado, situada no 21,8% e sensiblemente lonxe de niveis como os de Canarias (33,8%), Extremadura (31,9%) ou Andalucía (31,7%). Está afastada tamén, non obstante, dos territorios con menores niveis de pobreza, caso de Euskadi (10,8%), Asturias (9,9%) e Navarra (8,8%). A fotografía complétaa a evolución interanual, que reflicte tamén con clareza o impacto da crise económica: en 2010 a taxa de risco de pobreza en Galicia era do 16,8% e en 2009, do 13,6%.
Pero a situación non só é mala para os homes e mulleres que xa atravesaron o devandito limiar da pobreza. A enquisa amosa tamén datos que permiten detectar o xeito en que as dificultades económicas impactan na vida das familias que aínda teñen ingresos en niveis máis ou menos ordinarios. Neste sentido, a suma das persoas que declaran ter "moitas dificultades", "dificultades" ou "certas dificultades" para chegar a fin de mes chegou xa ao 61,2% da poboación en 2011. En 2010 este indicador estaba no 59,8% e en 2009, no 59,7%. Ao tempo, nun 5% dos fogares admítense atrasos no último ano no pagamento de "gastos relacionados coa vivenda principal", como a hipoteca, o alquiler ou as facturas de servizos habituais. Este indicador baixa levemente a respecto de 2010 -estaba no 5,3%- pero sobe un punto se a referencia é o ano 2009 (3,7%) e os anteriores da mesma década.

