Namentres os xerifaltes dos sindicatos maioritarios andan de penitenza polos confesionarios de Moncloa a indignación popular volta a volcarse á rúa e, unha vez máis, o Poder cae na tentazón de tentar reprimila por pelotas (de goma) e atacando a golpe de defensa. Resulta máis insultante que nunca este nome de defensa para o que de toda a vida (que no meu caso se remonta ao fin da vida do ditador) chamamos porra nestes días no que a prensa, "informando" sobre as mobilizazóns de rodea-lo Congreso, fala de manifestantes "armados con escudos" sen ter en conta que os seus propios traballadores teñen que ¿armarse? ¿protexerse? con cascos para exercer o seu oficio perto dos garantes da paz social. A paz social consiste, como é sabido, en que dende fóra non se vexa o que dentro se está movendo, o vello adaxio de que o hábito non fai ao monxe, pero oculta as súas ereccións.
A este interese en ocultar a realidade empréganse con entusiasmo impropio da condición de traballo os antidisturbios, que -como a ocultación ben entendida comeza por un mesmo- o primeiro que ocultan é a súa identidade. Administran en nome do Estado -titular do monopolio de violenza- doses de violenza lexítima, encarrapuchados coma terroristas e co número de identificación -que teñen a obriga de levar, precisamente para que os abusos podan ser denunciados, mínima garantía de "lexitimidade" dese violencia que pagan e sofren os homes e mulleres da rúa, dito sexa co maior respecto, que nesta época de recortes, ofensas e cargas fiscais e policías a dignidade florece nas rúas [curioso: o "home da rúa" é a representazón individual da cidadanía, exemplo anónimo do que traballa(+), contribúe(+++) e vota(?) mentres que "muller da rúa" ten un carácter pexorativo digno do dimitido presidente do Consello Xeral da Cidadanía, termo que en maiúsculas perde gran parte da súa exemplaridade]- o número de identificación, dicíamos, oculto polo chaleco, unha peza do equipo tan versátil que protexe o mesmo da pedrada do antisistema que do mazazo do xuíz, pero tan mal deseñada que non leva o devandito número rotulado e que leva o paradoxal nome de "chaleco antitraumas".
Dinnos que tal esforzo de ocultación é para protexer algo chamado "a marca España", algo tan difícil de vender que non ten mercado en parte do territorio do Estado, e que non se sabe ben en que consiste: algo ten que ver cos deportistas de elite españois e os seus beodos seguidores; pode referirse tamén aos cada vez menos coches que alemáns, franceses e xaponeses fabrican no Estado español, aproveitándose das cada día máis vantaxosas -para eles- condicións laborais e que obrigan aos gobernos a dar axudas á venda de coches, se fabriquen onde se fabriquen; e mesmo pode que se refiran incluso ao Talgo, ese tren que se vende ao exterior para alta velocidade, mentres aquí non acaban de chegar os AVEs franceses da colaboración antiterrorista, e que -como os nosos titulados da emigración- leva a súa carreira moito máis aló do que podería facer aquí. A marca España, como naquela película de Doris Day e Rock Hudson "Pixama para dous" (Lover come back), quizais necesitara que se deseñase, fabricase e puxese no mercado algún produto. E, non confundamos, cando digo mercado non me refiro aos "mercados" que seica nos vixían e rondan golosones á marca España, non, iso son o que toda a vida chamamos "o Capital", "os especuladores", "a clase explotadora"...
Porque ese Congreso cercado polo seu propio illamento da sociedade, polos 1.300 antidisturbios enviados pola Delegada do Goberno en Madrid ("O prófugo, a súa dona e os 1.300 antidisturbios", que bo nome para unha película de Greenaway, nesta tempada de fóra verdes, fóra roxos, fóra señora, que lle parto a cabeza... demasiada percusión para Michael Nyman) e pola indignación popular está máis infiltrado que nunca polas forzas escuras do Capital, as mesmas que -agora sen disimulos- poñen e quitan Gobernos. Así, temos o poder lexislativo máis impotente que nunca (seica de aí veña a fixación de Gallardón polo nasciturus), o executivo lanzado a cumpli-los eternos devezos da Patroal e o xudicial, refén dos outros, calando, pataleando ás veces e obrigado incluso a colle-la maleta outras, nestes días de xenofobia e emigración que nos toca vivir.
E que a Crise que nos venden, arrebatándonos os cartos e dándoos aos bancos que a provocaron e que a retroalimentan comprando con eses cartos débeda pública, cada vez a interese máis alto e a cambio de máis axustes e recortes non é tal. Esta crise que nos valeira o peto, que nos despoxa de dereitos e garantías e que nos deixa a dignidade espida fronte a violencia estatal é pura loita de clases: están a recuperar o que lles tíñamos arrebatado. Semella que soamente é loita de clases cando é a clase traballadora a que contraataca, pero non, esta oportuna Crise é a guerra relámpago da loita de clases. Salvando as -escasas- distancias, como cando os exércitos nazis se apoderaban de Europa pillando en bragas ás democracias europeas.
Porque agora a coacción é clara e constante: se votas a que non nos convén, xa che poñeremos nós a quen che conveña... e pese a esa desvergoña dos verdadeiros amos, o seu saión, o Presidente, ampárase na lexitimidade que lle dan as urnas e a licenza catrienal que elo supón para permanecer na idiocia fronte a este outono español con arrecendo a primavera árabe que está a arrancar, retomando os brotes do maio de hai dous anos e tanto brote e semente como garda o pobo en espera do seu momento. Curiosa cegueira a dos nosos gobernantes fronte ao clamor popular de basta de recortes de dereitos e veñan de volta liberdades, tan dados eles a ver pallas nos ollos alleos e incluso a exacular democráticas bombas onde máis doe cando o negocio o aconsella.
Por todo isto, unha vez máis pero agora máis que antes, é importante ter en conta que votando non imos conseguir nada, que a clase traballadora non vai deixar de ser explotada ata que, organizada e forte, retome a loita e venza á explotación; que a forza está, coma sempre, na unión e na solidariedade, fronte aos que nos queren dividir por manter os seus privilexios ou pillar cacho no pastel electoral; que o fin último de xustiza social non se acadará ata que o poder resida no pobo, non que emane del para acumularse en corruptas e corruptíbeis institucións, senón que se exerza de xeito libre e equitativo, organizándose na Asemblea -órgano soberano de decisión, aberto e horizontal- e, cando se requira delegación, que esa delegación sexa limitada en tempo e fins e absolutamente revocábel en calquer intre pola Asemblea. Como cantaba o clásico: o comunismo libertario será a nosa redención.
E pese a todo isto, comeza de novo o mendaz rosario da campaña electoral, coa melopea de sempre, dignificada agora en Ferrol pola presenza dos traballadores de Navantia e Poligal que foron preguntarlles aos representantes do partido no Poder que hai do seu, valente, solidaria e abertamente na rúa, non ruinmente na discreción dos despachos, que é como hai que face-las cousas para chegar a algo, nesta triste época que nos oe berrar.
E foi nesa protesta no chupinazo da festa da democracia na que agrediron, detiveron e posteriormente maltrataron baixo custodia policial a Xesús Anxo López Pintos, voceiro comarcal da CIG, Pintos, compañeiro de loita. Un home que tras ser agredido, detido e torturado aínda tivo que aturar que se puxera en dúbida o testemuño da súa ordalía. Un home doído que fala de dor na dignidade e no ego; un home a quen quixera dicir que esa dor na dignidade non é tal, que é unha dor física reflectida ou é a dignidade que, como nos "estiróns" dos pequechos, doe ao medrar; porque a dignidade do torturado sae reforzada, porque a dignidade que non existe é a do torturador, de quen llo manda, de quen llo inspira, de quen llo consinte...
E non é a primeira vez que o Poder ataca ao sindicalismo menos apesebrado: lembremos a detención da Secretaria de organizazón da CGT de Barcelona despois da folga do 29 de marzo deste ano, o encausamento do Secretario de propaganda da CNT de Ferrol na do 27 de xaneiro de 2011 ou as agresións policiais aos piquetes en todas as folgas. É por isto que non queremos ao noso lado, nas nosas protestas, aos representantes do poder: nin sindicatos policiais reclamando polas mermas nas retribucións á súa indigna tarefa, nin ex ministros do Interior que tras ternos el tamén fostiado en máis dunha ocasión agora se amosa como o libertador relevo.
Porque, retomando o eslogan do comezo, non é so que cando atacan a un de nós atácannos a todos, é que todos e todas estamos a ser atacados a cotío e aporreados sistematicamente cando as circunstancias o permiten.
Non sabemos se a fendecha na cabeza de Pintos e de tantos outros compañeiros ou se os morados nos corpos de tantos outros son a auténtica "marca España", do que non nos cabe dúbida é de que esta fulgurante recuperación por parte dos opresores dos dereitos que a loita de clases lles tiña arrebatado é á súa vez loita de clases. E que esta loita de clases é a nosa única esperanza.

