A federación de Servizos da CIG demanda do Concello de Vigo que garanta o mantemento de todos os postos de traballo nos distintos centros museísticos da cidade. Dende a central nacionalista advirten que a redución á metade do orzamento destinado á xestión destas infraestruturas tradúcese no despedimento de sete vixiantes de seguridade e 10 auxiliares.
O secretario nacional de Negociación Colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, explica que a problemática xorde a raíz da elaboración dun novo proxecto museístico para a cidade por parte da Concellería de Cultura. "O plan contempla a redución do orzamento nun 50%, o que se traduce na eliminación de sete postos de vixiante de seguridade e 10 de auxiliar nos distintos centros: Casa das Artes, Casa Galega da Cultura Pinacoteca e Verbum", enumera. Segundo Pérez, o Museo da Casa das Palabras 'Verbum', en Samil, será o máis afectado tras o recorte do presuposto, "xa que de cinco vixiantes queda sen ningún e pasa de ter nove persoas de atención ao público a tres".
O responsábel sindical indica que mantiveron unha xuntanza coa concelleira de Cultura viguesa, Isaura Abelairas, na que lle trasladaron a súa preocupación pola perda de postos de traballo "pero non nos ofreceu ningunha alternativa, porque aínda estaban estudando as medidas a tomar". Diante disto, na segunda reunión foron as centrais as que lles achegaron unha proposta para evitar os despedimentos e que pasa por "que utilicen fondos do Plan de Emprego para manter os postos de traballo no Verbum, do mesmo xeito que se vai facer para manter o emprego en Faimevi, ao tempo que lles aconsellamos que lle dean utilidade e contido e esta infraestrutura cultural".
Finalmente, instan o alcalde de Vigo a que sexa sensíbel cuns traballadores/as que dende o 1 de xullo perderon o seu emprego no Verbum e que converta este Museo nun dos sinais de identidade cultural da cidade.
Críticas á actitude do PP
Por outra banda, o representante sindical amosouse moi crítico coa actitude do Partido Popular de Vigo, "que non se cansa de dicir que o máis importante son os empregos ao tempo que Xunta e Deputación están a retirar as subvencións para os proxectos de cultura e os museos da cidade".
Neste senso, lembrou o convenio entre o Marco e a Consellería de Cultura polo que o departamento autonómico se comprometía a achegar 140.000 euros que agora se nega a asumir. "De igual xeito que a Deputación de Pontevedra, que se retirou do padroado do museo para non ter que facer fronte aos compromisos económicos coa infraestrutura cultural".




Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.