Assim o asseguram num comunicado recebido ontem polo Diário Liberdade. O texto foi aprovado na Comissom Permanente celebrada a 9 de julho com caráter de urgência.
O funcionariado público foi posto no centro do turbilhom já polo anterior governo espanhol de José Luís Rodríguez Zapatero (PSOE), mediante umha campanha de desprestígio aberta polo entom portavoz José Blanco, destinada a preparar o terreno e criminalizar o coletivo, justificando assim os cortes que desde entom estám a produzir-se no setor público.
Desde a chegada ao poder dos ultranacionalistas espanhóis do Partido Popular o ataque ganha força. Parece ainda haver um roteiro traçado para focar os cortes no quadro autonómico, ao verificar-se um repasse de responsabilidades da crise a esta organizaçom terriorializada da administraçom pública. Provavelmente, o objetivo nom é outro que desgastar a imagem da (escassa) autonomia política das naçons submetidas polo Estado espanhol, para no meio prazo liquidá-la, quer efetivamente quer na prática, ao mínimo possível.
Rejeitamento e atuaçom contra os cortes do Governo da Espanha
A seguir o comunicado da Junta de Pessoal de Serviços Centrais da Junta recebido polo Diário Liberdade, na sua ortografia original:
A Comisión Permanente, en convocatoria urxente celebrada o 9 de xullo manifesta o seu máis profundo REXEITAMENTO ao conxunto das REFORMAS de RECORTES adicionais que o Goberno do Estado español está barallando para aprobar no Consello de Ministros neste vindeiro "venres de dolores" e que se prevé afecten gravemente a toda a cidadanía e moi especialmente ás empregadas e empregados públicos.
Medidas como despedimentos ou cesamentos no persoal das Administracións ou recortes salariais van implicar unha diminución na prestación de servizos públicos, un novo golpe ás empregadas e empregados públicos e un afondamento na situación de crise ao aumentar as taxas de paro e provocar o descenso no consumo.
Baixo a presión do rescate á banca, Europa e o FMI esixen ao Goberno español controlar a débeda pública a toda costa. Non é que non haxa diñeiro senón que a preferencia está en pagar e seguir axudando ao sistema bancario, a pesar de que para iso haxa que seguir afogando á parte máis débil e vítima da crise, a que depende do seu traballo para vivir.
Co obxecto de dispor da información sobre este tipo de medidas e o seu impacto no persoal da Xunta de Galicia, en data de hoxe solicitamos, con carácter de urxente, xuntanza coa Dirección Xeral da Función Pública, co fin de que poña no noso coñecemento as reformas previstas polos Gobernos Central e Autonómico. De todos os xeitos, esta Xunta de Persoal solicitará que non se apliquen as medidas non básicas e que se compensen os efectos destas sobre o persoal propio, na medida no que os orzamentos o permitan e sendo posible aínda recortar noutros ámbitos absolutamente prescindibles para o mantemento dos servizos públicos.
Visto o xeito de proceder cos recortes, entendemos que o Goberno de España RIDICULIZA aos representantes da Función Pública autonómica, aos empregados e empregadas públicas a toda a cidadanía, filtrando a información dos recortes primeiro á prensa e por último ao congreso, as comunidades autónomas e aos propios afectados. Unhas medidas que nunca son negociadas ou moduladas polos representantes da sociedade ou dos traballadores, senón que se nos impoñen directamente.
Por último, queremos expresar a nosa solidariedade e apoio co resto de empregadas e empregados públicos doutros ámbitos e Administracións que están a levantar a voz, defendendo os servizos públicos e a nosa dignidade así como a necesidade da nosa figura para superar esta crise entre todos, sen deixar a ninguén atrás. Esta xunta de persoal ponse ao servizo das persoal que representa eorganizará asembleas e mobilizacións para defender os dereitos dos empregados públicos, en particular, e da cidadanía en xeral.
Foto: La Bolsa - Mariano Rajói, presidente do Reinho da Espanha.


