Hai uns días, La Voz de Galicia informaba de que Hipercor, o centro comercial dependente da cadea El Corte Inglés, agasallaba a José Vidal Pardo, Secretario Xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar e a súa muller, Cayetana Lado Castro-Rial Directora Xeral da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, cun carriño da compra por valor de 300 euros, que lles chegaba dentro do programa Objetivo 2000, posto en marcha por El Corte Inglés e AGAFAN (Asociación Galega de Familias Numerosas) para premiar ás familias numerosas.
Sen embargo, a relación entre esta grande empresa española e a Xunta vai máis alá de premios a altos cargos da Xunta. No que vai de ano, El Corte Inglés recibiu adxudicacións do Goberno galego por un valor superior aos 4,3 millóns de euros.
Máis de 12.000 ultraportátiles
En marzo deste ano, produciase a maior adxudicación. Como parte do programa Ababar, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia encargaballe a Informática El Corte Inglés a compra de 12.308 computadores ultraportátiles para entregar aos centros educativos durante este curso. O paquete de computadores estivo valorado en 3,42 millóns de euros.
Segundo informa a plataforma de contratación da Administración galega, un dos condicionantes para a súa adxudicación, e que cumpriu Informática El Corte Inglés, era que cada computador non superase o prezo unitario de 279,6 euros. Outras condicións foron que o provedor estaba obrigado a presentar dez unidades de proba, e que a Xunta debía abonar o importe en 60 días tras a entrega da maior parte dos ultraportátiles aos colexios. Informática El Corte Inglés, segundo o prego de condicións técnicas, tamén tiña que comprometerse ao mantemento dos computadores no tres anos seguintes.
Case 600.000 euros de Cultura
Pouco despois, en maio deste ano, a mesma empresa recibía unha nova adxucicación por parte da Consellería de Educación e Cultura para a "atención remota aos usuairas de sistemas de información dos centros educativos de ensinanzas non universitarias". En total, 593.220 euros sen IVE.
Previamente, en xaneiro, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 encargaballe a El Corte Inglés S.A. o suministro de vestuario desta entidade. O importe neto deste contrato foi de máis de 217.000 euros. En total, por estes tres contratos, a Xunta destinou máis de 4,2 millóns de euros en adxudicacións a esta empresa.
34 millóns para Informática El Corte Inglés
Con todo, a Xunta non é o único organimos público que ten beneficiado a El Corte Inglés. A compañía ten recibido no que vai de ano 38 millóns de euros en licitacións, aínda que o groso desa cantidade foi o contrato dos ultraportátiles á Xunta e o dos equipos da Dirección Xeral de Tráfico. Precisamente, a empresa de informática deste grupo ten contratos por valor de catro millóns de euros. Ademais da adxucicación da Xunta, destacan os máis de dous millóns de euros polas licenzas de ofimática do Goberno de Canarias, o cinco millóns polo mantemento de equipos da DXT, o catro millóns polo mantemento do software Symantec no Servizo Andaluz de Saúde e os case dous millóns e medio polo mantemento da aplicación de xestión loxístico financeira da Garda Civil, entre moitos outros.
Ademais, a empresa encargase da vestimenta dos antidisturbios (cun custo de 149.451 euros na última licitación publicada-), do persoal da Confederación Hidrográfica do Guadiana -(por 175.123,78 euros-), o persoal do Museo do Prado (146.247 euros), dos membros da Unidade Militar de Emerxencias (133.600 euros) e das Urxencias galegas (260.150 euros), ademais de confeccionar o uniforme de gala da policía local de Sevilla (15.000 euros) e as pezas técnicas de montaña da Garda Civil (100.819 euros) e vender á Xunta de Andalucía os zapatos que levan os empregados da Axencia de Medio Ambiente e Auga da comunidade autónoma (35.046 euros).
Outros servizos
Unhas axudicacións que suman pouco máis dun millón de euros tal e como informa o blogelboenuestrodecadadía. Pero, El Corte Inglés prové de bens e servizos tan dispares como as subministracións dun centro de saúde, elementos de podólogo e barbaría para un centro de dependentes en Castelló ou o mobiliario ou a reforma dunha sede da mutua Fremap que suman case outro millón e medio. Ademais, o Consello Superior de Deportes adxudicou ao Corte Inglés, a través da súa axencia de viaxes, o aloxamento e os gastos dos participantes nos campionatos infantís de natación, ciclismo, xadrez, bádminton, ximnasia, iudo, atletismo e tenis de mesa. En total, sempre segundo o publicado neste últimos seis meses, 721.000 euros, aos que se poden engadir os 1.387.438 do contrato da Universidade Internacional Menendez Pelayo por servizos de xestión e tramitación de viaxes e aloxamentos.

