Reproduzimos a seguir os comunicados emitidos por ambas organizaçons a poucos dias do início da campanha eleitoral às eleiçons autonómicas galegas.
PCPE
Os comunistas galegos do PCPE diante das eleccións autonómicas
Convócanse as eleccións do 21-O nun escenario de destrución xeneralizada dos dereitos e condicións de vida do pobo galego traballador.
As políticas imperialistas da Unión Europea aplicadas polos gobernos burgueses veñen ao longo de décadas conducindo á destrución do tecido produtivo galego, industrial , agro-gandeiro, pesqueiro, e á ruína de miles de pequenos produtores e comerciantes. Creando un vasto exército proletario, abocado na actual etapa á sobreexplotación, ao desemprego e á emigración. Pero cada vez fican menos sitios onde migrar, como consecuencia das dimensións planetarias da crise estrutural do capitalismo.
Con preto de 300 mil parados e paradas en Galicia, os sucesivos ataques aos dereitos sociais e laborais e aos servizos básicos, o roubo masivo de vivendas pola banca e o encarecimento dos produtos de primeira necesidade, colocan ao bordo da indixencia a milleiros de galegas e galegos que aínda onte se chamaban a si mesmos "clase media". Privando á nosa mocidade dun futuro digno de tal nome e entregando aos nosos maiores a unha situación de desprotección absoluta que se "resolve" recrudecendo a dobre explotación da muller traballadora nos ámbitos laboral e doméstico.
Neste escenario, as diversas manobras e reagrupamentos do reformismo baixo a consigna do imposible retorno ao estado de benestar distraen e enganan á clase obreira ofrecendo falsas solucións indoloras a cambio de renunciar ao proxecto da súa autoorganización independente como clase para a conquista do poder.
É ilusorio, e un engano, na agudizada situación da loita de clases, diluír en chamamentos vagamente cidadanistas, patrióticos e interclasistas o papel protagónico e dirixente que corresponde á clase obreira na necesaria confrontación que se aveciña.
A clase obreira non poderá soa facer fronte á guerra de clases desatada contra ela, pero tampouco o fará baixo a dirección da burguesía nin da pequena burguesía. Senón en estreita alianza co resto dos sectores populares baixo un programa estratéxico de superación dun sistema capitalista que xa esgotou o seu papel histórico e non reserva máis que violencia e miseria aos traballadores.
Quen tachan de incompetente e ineficaz ao actual goberno autonómico do PP omiten que este está a executar con altísimos niveis de eficacia os plans da oligarquía monopolista e a UE do capital para reducirnos á miseria e a escravitude e remontar a súa taxa de ganancia desangrando ao pobo traballador.
Non é posible, hoxe, outro capitalismo que o da sobreexplotación sen límites, a violencia contra a clase obreira e a guerra imperialista.
A estas eleccións, os comunistas do PCPE acudiremos en candidaturas de unidade comunista e obreira co irmán Colectivo marxista-leninista Forxa! e con decenas de amigas/os que comparten a nosa loita. Listas que, baixo a denominación de COMUNISTAS DA GALIZA son integradas por destacados cadros do movemento obreiro, membros de comités de empresa, sindicalistas, loitadoras e loitadores pola defensa do medio ambiente da depredación capitalista, estudantes, mozos e mozas, traballadoras e traballadores que quixeron acudir nas nosas candidaturas para facer chegar ao pobo traballador o noso programa clasista e revolucionario e para avanzar na unidade.
Pero na unidade non para xestionar o capitalismo senón para derrubalo e construir a sociedade socialista. Non hai intereses nin proxectos comúns entre os explotadores e os explotados: Ou eles, ou nós.
Coletivo Marxista-Leninista Forxa!
Forxa! presente nas eleccións galegas 2012
O Colectivo Comunista Galego FORXA! vén de promover, xunto aos nosos camaradas da organización galega do PCPE, as candidaturas que polas circunscricións electorais de A Coruña e Pontevedra, concorren baixo a denominación unitaria de COMUNISTAS DA GALIZA.
Nestas candidaturas participan ducias de obreiros e obreiras, empregados e empregadas, traballadores e traballadoras de todos os sectores produtivos e dos servizos, do sector público e do privado, das cidades, vilas e o rural. Constitúen unha verdadeira candidatura obreira e popular, sen presenza de persoeiros, patróns e calquera caste de elementos alleos ao pobo traballador do noso País.
O programa, como resume o lema xeral de campaña, "CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS! VOTA CLASE OBREIRA, VOTA COMUNISTA" é o que corresponde coa situación de crise xeral estrutural dun sistema capitalista en fase histórica terminal, e singularmente do bloque imperialista europeo e no seus elos do Estado Español e Galiza, e o que responde aos intereses inmediatos e xerais do proletariado e clases populares. As reivindicacións obreiras en materia de emprego, salarios, sanidade, educación, cultura, vivenda, etc., están vinculadas nun todo aos obxectivos estratéxicos da loita pola Revolución Socialista e o Poder Obreiro.
O sistema capitalista segue inmerso nunha crise de superprodución, incapaz de inverter a queda da taxa de ganancia, reactivar a actividade produtiva, e saír do círculo parasitario da especulación, hoxe centrada na débeda pública e na socialización da débeda privada do sector financeiro e non financeiro. Para reiniciar o proceso de acumulación e permitirse novos investimentos produtivos que lle procure a extracción de nova e suficiente plusvalía en relación ao capital investido, a burguesía monopolista precisa do pauperismo e a domesticación escravista da clase obreira, dunha brutal quita salarial, sexa directa, diferida ou indirecta (nóminas, pensións e servizos sociais, respectivamente), da liquidación de dereitos laborais, civís e mesmo políticos, da privatización do sector público entendida como feira de novos nichos de negocio para o gran capital privado, e a perspectiva do rearme e da guerra imperialista permanente como medio de destrución a gran escala de forzas produtivas e a saca e control de recursos e rexións xeográficas enteiras.
En Galiza, como no resto do Estado, vemos como os plans particulares da oligarquía española estanse a desenvolver segundo o guión exposto: despedimentos masivos facilitados e saldados polas reformas laborais, desmantelamento do sector público, especialmente no ensino, sanidade e servizos sociais, crises produtivas e mesmo pasamento de sectores primarios e básicos da nosa economía (agro, pesca, construción naval, eólico...), liquidación do sector financeiro semipúblico das caixas de aforro, etc.
Fronte a este panorama, cómpre que a Clase Obreira Galega, xunto a do resto do Estado e o Proletariado de toda Europa, sexa quen de reaxir e forxar a UNIDADE DE CLASE, na mobilización continuada e ascendente, desde as fábricas, empresas e centros de traballo. É o compoñente esencial para a elevación do nivel de conciencia de clase, para o tránsito da loita económica, laboral e social, á fase de loita política que ha dirixirse contra do réxime político da monarquía oligárquica e o sistema capitalista que a cimenta. Avecíñase unha fonda crise política, da que son síntomas a inminencia do rescate ao Estado Español pola UE, e as contradicións xurdidas no bloque no poder entre a burguesía catalán e a oligarquía española, en loita por talladas económicas e de mercado polo propio poder político nas súas respectivas esferas.
Pola contra, a alternativa comunista e proletaria para a loitar contra a opresión nacional, pasa por entender que esta forma parte da loita xeral pola emancipación social e o socialismo, na que o dereito democrático de autodeterminación, hoxe, nesta fase histórica do capitalismo terminal na Europa imperialista, ten como suxeito deste dereito ao proletariado, e está determinado pola primacía da Revolución Socialista e a cuestión da conquista do poder político pola Clase Obreira. Só o Poder Obreiro pode garantir consecuentemente o exercicio deste dereito, entendido como exercicio de soberanía por parte dos pobos traballadores das nacións oprimidas, e como parte do proceso de construción socialista, sobre a base da efectiva liberación nacional, nun novo marco de igualdade e solidariedade entre os pobos, erguéndose sobre as ruínas do actual estado burgués.
"O socialismo configúrase hoxe como a única alternativa posíbel fronte ao sistema de explotación en declive e descomposición, a única alternativa para o futuro da Clase Obreira e dos pobos do mundo. A planificación económica centralizada e baixo control obreiro e a propiedade social dos medios de produción son a única saída viábel da crise".
"As forzas comunistas, non só en Galiza a través do P.C.P.E. e FORXA!, senón a nivel Internacional, foron as primeiras que alertaron das consecuencias da crise; definiron acertadamente o carácter desta crise como de sobreprodución e sobreacumulación e alertaron sobre o carácter e a natureza da ofensiva contra a Clase Obreira que sería desatada polas clases dominantes. Os feitos viñeron dar a razón aos comunistas.
Hoxe, as alternativas son as mesmas que entón foron enunciadas: Unidade Obreira, Unidade Comunista e Unidade Popular. Nese camiño, os Comunistas da Galiza xuntamos esforzos e arrincamos enerxías, facemos nosas, hoxe máis que nunca, as palabras de José Díaz "A bandeira da unidade é a bandeira da vitoria". [Do programa electoral de Comunistas da Galiza]
CO CAPITALISMO NON HAI FUTURO, OU ELES OU NÓS!
ADIANTE A UNIDADE DOS COMUNISTAS DA GALIZA!
Colectivo Marxista-Leninista FORXA!

