Segundo a documentación á que tivo acceso GC, EFE e Europa Press recibirán 30.000 euros e AGN - cuxa actividade como axencia decaeu moitísmo nestes últimos anos- 25.000. A que se comprometen a cambio as empresas? O obxecto dos tres convenios, vixentes até final de ano, é a "difusión da información de interese público consecuencia das diferentes actuacións que realiza a Administración Pública galega, especialmente aquelas relacionadas co Presidente e os Consellos da Xunta de Galicia".
Noutras palabras, a Presidencia da Xunta paga ás axencias porque informen do que fai o presidente. A cuestión que se presenta a debate é se este pagamento inflúe na obxectividade dos teletipos sobre Alberto Nuñez Feijóo.
Axudas sen convocatoria pública e a dedo
Tanto o Colexio como o Sindicato de Xornalistas de Galicia denunciaron en innumerábeis ocasións que este tipo de convenios prexudica á obxectividade da información que reciben os cidadáns. É e que os convenios de colaboración dependen unicamente do criterio do mandatario de turno.
Dende o fraguismo, e tamén durante o bipartito, son unha vía que usa a Xunta para subvencionar aos empresarios da comunicación sen concurso e á marxe do DOG. Unha práctica que non sucede en ningún outro sector económico.
A comezos de ano GC e o Novas de Galicia publicaron un balance dos cartos entregados por esta opaca vía aos medios dende que o PPdeG volveu ao poder autonómico. Os convenios na era Feijóo suman case 12 millóns euros. Só La Voz de Galicia recibiu 7,2 millóns de euros.
Nos próximos meses GC actualizará para os seus gcpluseiros os datos sobre os convenios aos medios. Permanezan, pois, atentos ás súas pantallas.
Foto: GC


