"Moito antes de que os adalides da mal chamada austeridade petaran nas portas dos cidadáns para afearnos conductas alleas, a nosa asociación comezou a súa actividade cos medios xustos e necesarios para desenvolver a tarefa de reparar a dignidade das vítimas da ditadura franquista mediante a memoria e a xustiza.
Nacemos no ano 2002 no salón de actos do Ateneo Ferrolán cando un colectivo de persoas anónimas entre os que estaban vítimas da represión e seus familiares, historiadores, investigadores e cidadáns interesados, confluimos naquel lugar convocados por un manifesto aberto publicado na prensa ferrolá. Esa reunión inicial deu paso ao artellamento dun movemento para a recuperación da nosa memoria histórica democrática como sociedade.
Memoria Histórica Democrática é unha asociación que leva tamén o adxectivo "cultural" no seu nome. Ese carácter queda refrendado nos seus estatutos, os mesmos que recollen que o noso enderezo social está no edificio do Ateneo Ferrolán, na rúa Magdalena 202-204, porque sen ter local propio, acollémonos ao abeiro do Ateneo para facer a nosa inscrición rexistral.Foi o Ateneo Ferrolán onde presentamos a nosa primeira iniciativa como asociación formalmente constituida: o I Congreso da Memoria, encontro inédito en Galicia celebrado en decembro de 2003 en Narón grazas á sensibilidade que demostrou a corporación municipal do concello veciño.
Foi na Hemeroteca do Ateneo Ferrolán onde os nosos investigadores tomaron información para seus traballos. E foi nos andeis desa biblioteca-hemeroteca onde -pechando o círculo virtuoso desa labor investigadora- depositamos exemplares das obras e traballos que ven promovendo e editando a nosa asociación durante os últimos anos, entre os que están os libros de actas dos Congresos da Memoria, o primeiro deles unha obra colectiva de máis de 800 páxinas con perto de 40 traballos de investigación histórica sobre a represión franquista en Galicia; ou os exemplares da serie Retallos da Memoria, que recollen biografías e historias de resistencia democrática de xente do común da nosa comarca.
Foi tamén o edificio do Ateneo Ferrolán o lugar onde Memoria Histórica Democrática desenvolveu unha manchea de actividades culturais: conferencias, ciclos audiovisuais, exposicións fotográficas, charlas-coloquio. Sen esquecer tampouco o apoio loxístico e de xestión que ven prestando o persoal do Ateneo: secretaria, limpadora, bibliotecario, xunto cos membros da súa directiva, ás nosas actividades.
Durante estes dez anos asistimos tamén á penuria material das instalacións do Ateneo, chegamos a contar máis de 30 baldes no chan da súa biblioteca para apañar auga da chuvia polo deficiente mantemento do tellado do edificio municipal. Comprobamos tamén o exiguo do espazo físico para acoller as colecións do Ateneo, e compartimos durante esta década os repetidos chamados públicos da directiva do Ateneo a gobernos municipais de todas as cores requerindo a rehabilitación do edificio.
No comezo desta carta diciamos que nacemos cos medios xustos e necesarios. Nunca precisamos ter un local permanente para desenvolver a nosa actividade porque desde o principio da nosa andaina atopamos a colaboración xenerosa, solidaria e sempre desinteresada do Ateneo Ferrolán.
Visto coa perspectiva que dá o tempo, a nosa débeda de gratitude para o Ateneo Ferrolán, que fixo nosa e de todos os ferroláns a súa casa, só podería traducirse en fríos números para quen non entende de outra cousa, pero esa tradución confirma que a verdadeira austeridade e aforro está nos feitos da sociedade civil organizada, e non nas proclamas baleiras que pretenden desmantelar unha institución cultural senlleira da nosa cidade.
A nosa relación co Ateneo é un humilde exemplo. Un máis entre a multitude de asociacións, colectivos e persoas individuais que se benefician cada ano do manto solidario e da inxente labor cultural propia e allea que acolle o Ateneo no seu edificio, e que algúns pretenden, xunto con 3 postos de traballo nunha comarca que non está sobrada deles, destruir de forma burda desde o descoñecemento ou a mala conciencia.
Memoria Histórica Democrática quere expresar o rotundo apoio ao Ateneo Ferrolán. Polo cesamento da inxerencia institucional do Goberno municipal na vida da entidade e o mantemento da integridade no uso das instalacións e do Edificio do Ateneo Ferrolán."
Apoio a Lazos
Do mesmo xeito, queremos amosar a nosa adhesión ao comunicado da Asociación Lazos Pro-Solidariedade, Comité AntiSida de Ferrol, que ve ameazada, nestes momentos de emerxencia social, a supervivencia da importante labor asistencial e de prevención que ven desenvolvendo desde hai 17 anos na nosa comarca.
Foto: MHD

