En concreto a subvención aprobada este xoves por parte do Consello da Xunta ascende a 1.038.441,60 euros. Tendo en conta que ten 68 prazas, cada unha delas recibe unha axuda directa de 15.271,2 euros. Unha contía importante, cando menos, tendo en conta a situación actual non só das contas públicas, senón dos recortes e das prioridades que o Executivo de Feijóo establece nas súas partidas de gasto.
Na súa páxina web, Esclavas de la Virgen Dolorosa refire que, alén da atención a persoas maiores e con discapacidade intelectual, a súa "obra apostólica" se centra no "servizo de atención e rehabilitación das nais solteiras, xunto co coidado dos seus fillos, ofrecéndolles a capacitación para unha vida de traballo honrado", así como na "acollida e dedicación ás mozas adultas discapacitadas mentalmente, co fin de preservalas de posibles perigos".
Quen son?
Tomando datos unicamente da súa web, Esclavas de la Virgen Dolorosa di o seguinte sobre a súa creación: "viron os seus albores de Fundación en Madrid, no 1935, cando España vivía graves enfrontamentos sociais, preludios dun conflito fraticida que sementaría morte e destrución". Nas casas que teñen, entre elas a de Crecente, traballan para prestar "axuda e atención directa a cada nena segundo as súas propias necesidades, que para salvalas non se escatima medio algún que faga paliar a súa problemática, e poder ofrecerlle unha vida digna, respectuosa e feliz, dentro das súas marcadas limitacións, como persoa humana e especialmente amadas por Deus".
Foto: Praça Pública


