Briga
6D: a juventude rebelde galega contra a constituiçom espanhola
Hoje é a data comemorativa do referendo para a aprovaçom da Constituiçom espanhola. A máxima lei espanhola é umha fraude da burguesia espanhola para laminar os direitos nacionais e sociais do povo trabalhador, ademais de perpetuar o patriarcado.
Para a juventude rebelde, umha lei que outorga direitos sociais que nom se aplicam (como ao trabalho e à vivenda dignas), ou o alegado rol social da propriedade privada dos meios de produçom, todos estes engenhos fam com que rechacemos nom só a constituiçom, mas o labor anestesiante de quem a consagrárom e de quem ainda hoje a vitoream ou celebram como norma de consenso. Quando na realidade é umha norma de rendiçom, de entrega. De patos entre a esquerda renegada que contenhem o potencial popular acolhendo-se às ofertas democraticistas do poder, e vendendo-as como grandes logros.
É também umha lei monárquica assumida polo franquismo sainte em impunidade, e carente de qualquer apoio formal da juventude e mesmo de qualquer pessoa nascida após 1955. É pois antidemocrática e continuista respeito do regime anterior. E para além do mais, exonera explicitamente de qualquer responsabilidade ao chefe do Estado, o Bourbon, Juan Carlos I.
Como galegas e galegos, nom devemos admitir que se nos proíba decidir o nosso futuro como povo soberano.
Como trabalhadores e trabalhadoras, nom devemos permitir que nos proíbam o nosso direito ao trabalho.
E como mulheres, temos que derrogar a legislaçom que nos considera pessoas em pé de igualdade com o sexo masculino, pois nem o estamos nem o vamos estar enquanto nom se elimine qualquer domínio e capacidade de decisom alheia sobre o nosso corpo e as capacidades naturais ou conjunturais dele.
E por último, como jovens. Como jovens nom queremos que nos ceifem os sonhos dum futuro melhor e na nossa terra. Um futuro melhor que nom tem cabida na retórica legalista de normativas invalidadas pola sua desconexom com a realidade diária.
NOM À CONSTITUIÇOM ESPANHOLA!
AMI
A constituiçom espanhola encadea Galiza
Manha dia 6 de Dezembro, celebrá-se em todo o Estado o 34 aniversário do estabelecimento formal, em forma de constituiçom, do quadro jurídico-político do sistema estatal chamado "Reino da Espanha", é dizer a constituiçom dumha monarquia democrática, inda que o de democracia, poder do povo em grego, nom tem muito que ver com o que se aprovou o dia 6 de Dezembro de 1978.
Este texto é froito dos quase quarenta anos de ditadura franquista, já que a chamada "transiçom democrática" já fora planificada desde dentro do regime desde começos dos 70. A máxima de "tudo deve cambiar para que nom cambie nada" foi a que seguirom os encarregados de dirigir o cámbio de regime. A opressom nacional, social e de género continuou sendo a mesma, ou incluso pior, já que, o Estado, tingido de "democracia", nom pode tolerar os ataques ao "Estado de direito". Durante o franquismo eram as armas dos militares quem mantinha unido ao Estado, agora som os braços da policia e as leis dos juízes, antes o importante era a "Unidad de España", agora o importante é "Estado de direito" e "legalidade democrática". "Tudo deve cambiar para que nom cambie nada".
Esta constituiçom que tantas vezes é mentada polos dirigentes do estado, sobre tudo os artigos 2 (Espanha é umha naçom única e indivisível), o 3 (O castelhano é a língua espanhola oficial do Estado) e o 8 (O exército espanhol tem que defender polas armas a sagrada unidade espanhola, como na ditadura). Mas do que sempre se esquecem é dos artigos que falam de educaçom, direito a vivenda, de que todas as cidadás do estado som iguais ante a lei, etc. Sempre se acordam do deveres da cidadania do estado, mas nunca dos direitos que tenhem.
Esta "legalidade democrática", estas regras do "jogo democrático", etc, como povo na procura da sua liberdade soam-nos a farsa. Está claro que jogando com as suas regras nunca imos conseguir os nossos objetivos vitais como Povo. Estamos num momento de nom retorno e sabemos que a única soluçom está na independência, entendida esta como umha soberania nacional galega, onde e quando podamos viver sem exploraçom dumhas polos outros, onde podamos viver em liberdade, sem repressom e sem medo, é dizer, viver com dignidade na nossa Terra.
Está claro que ainda queda muito caminho por percorrer, mas há que furar, a situaçom é crítica, é o momento de luitar. Temos que rematar com esta longa noite de pedra, temos que luitar por ser livres.
O único caminho é a independência!
Isca!
6-D: esta non é a nosa Constitución
Como todos os anos, o 6 de decembro chega a conmemoración da ratificación da Constitución Española. Un texto herdeiro do réxime franquista, que serviu como culminación da denominada transición. Un período que se nos vendeu como semente dunha nova democracia e que simplemente quedou nun lavado de cara do réxime fascista para que os mesmos de sempre conservaran intactos os seus privilexios.
Ante o orgullo do Estado español pola celebración do día da Constitución, dende Isca!, mocidade organizada para conseguirmos unha Galiza independente e socialista, queremos mostrar o noso rexeitamento a dito texto nesta data, ao igual que fixemos o 12 de outubro coa súa festa nacional dicindo alto e claro: nada que celebrar. Rexeitamos o actual marco constitucional que discrimina a Galiza dentro do Estado español, negándonos o recoñecemento da nosa realidade nacional, cultural e lingüística.
Unha Constitución que prohibe expresamente o exercicio de autodeterminación, negando o noso dereito como pobo para decidir libremente o noso destino, e é garante da "Unidade de España". Vemos día a día como calquer tipo de aspiración nacional de outras nacións do Estado son esnaquizadas polo Congreso ou mesmo polo Tribunal Constitucional, impedindo o seu dereito á soberanía. Mentres tanto, dende o Estado español, foméntase un discurso de redución das competencias que merme aínda máis a cativa capacidade de autogoberno da nosa Nación. Non só se nos nega o dereito de decidir, senón que na Constitución chégase a reflectir como deber das Forzas Armadas o de manter a indivisibilidade do Estado español.
A Constitución impón a obriga de coñecer a lingua española. Todas as galegas teñen o deber de coñecer o español pero non o galego creando unha clara situación privilexio cara a lingua imposta. Unha situación que lexitima o exterminio da nosa lingua cun preocupante retroceso no número de galegofalantes.
A continuidade do anterior réxime reflíctese claramente na figura do xefe do estado, que chegou a xurar nas cortes os principios do movemento, sendo nomeado por Franco e sen estar suxeito a elección popular. Permitíndolle tanto a el como a súa familia ter asignado á súa disposición presupostos millonarios procedentes das arcas da administración que lles permita vivir como privilexiados ante quen os sustentan.
Os mesmos, que durante máis de 30 anos consideraron a constitución como un texto inamovíbel que serviu para limitar ás nosas aspiracións nacionais e sociais, coa presión dos poderes económicos e a vontade dos partidos do poder, PP e PSOE, pactaron e aprobaron dunha reforma da Constitución, na que o pago da débeda aos bancos e a estabilidade orzamentaria pasan a ser a prioridade para as administracións públicas. Esta reforma, aprobada no verán do 2011, é unha agresión máis á democracia, sen o imprescindíbel debate e consulta pública e sen ningún tipo de respecto aos dereitos dos pobos. A reforma está encamiñada en satisfacer a fame dos "mercados", recortar máis dereitos e agravar aínda máis a situación de precariedade das clases populares quitándolle prioridade a fortalecer os servizos públicos, sanidade, educación ou as nosas pensións. A constitución española tampouco nos ofrece solucións fronte á actual crise económica que impide que Galiza poida desenvolver os seus sectores produtivos e pór en marcha as súas propias medidas de desenvolvemento económico.
Dende Isca! sabemos que o noso necesario camiño cara á independencia pasa por romper co marco constitucional e cos Estatutos de Autonomía, que sempre deberán ser ratificados polas cortes españolas ao igual que calquer ampliación de competencias. Por iso é necesario racharmos con todas as imposicións e exercermos plenamente o noso dereito a autodeterminación, como calquer pobo do mundo que desexe ser libre. Con España non temos futuro!


