Esta nova denuncia chega despois de que numerosos afeccionados do Celta se queixasen hai dúas semanas de que varios axentes de policía impediran o paso ás bancadas do estadio Santiago Bernabéu con bandeiras galegas coa estrela vermella con motivo do encontro disputado entre o equipo vigués e o Real Madrid. As redes sociais expresaron tamén o malestar polo trato recibido por parte da Policía nun recinto onde adoitan exhibirse bandeiras preconstitucionais ou de ideoloxía fascista.
Tampouco foi esta a primeira vez que ocorreu algo semellante nun desprazamento de equipos galegos. Hai anos, nun encontro en Pamplona entre o Deportivo e o Osasuna, varias bandeiras galegas foran requisadas por axentes na entrada ao estadio do Sadar. Incluso en Riazor se lembran advertencias do mesmo tipo non hai moito tempo.
A polémica chega a Galicia logo de que un afeccionado do Barcelona fora multado o pasado mes de decembro con 3.001 euros por introducir unha estelada (bandeira independentista catalá) no Santiago Bernabéu. Daquela, o propio Ministerio de Interior recoñecera que estas bandeiras non constituían "ningún tipo de infracción" da Lei contra a Violencia no Deporte, pero aclaraba que poderían ser confiscadas se a autoridade policial presente no recinto deportivo considera que supoñen un risco de alteración de orde pública.
"Neste caso, o rapaz colocaba esa bandeira cada fin de semana no mesmo fondo desde hai tempo", asegura o afeccionado do Obradoiro que contactou con Praza, que luciu despois a estreleira e que chegou a falar co axente de paisano e co axente de seguridade que intentaron vetar o símbolo. "Pode haber alguén a quen lle moleste", disque lle argumentaron.
"Contactei cos meus avogados, que incluso consultaron o caso á Delegación do Goberno, onde lles confirmaron que non existe lei ningunha que prohiba exhibir esa bandeira nos espectáculos deportivos", confirma o afectado, que asegura que desde o club atribúen o veto á Liga ACB. O caso, polo que parece, queda á interpretación do operativo policial que se despregue en cada un dos partidos, o que explicaría que bandeiras deste tipo luzan cada fin de semana en Riazor ou Balaídos sen atranco ningún.


