Unha variación significativa da normativa aplicada até agora para administrar e ordenar o dereito constitucional á asistencia xurídica gratuíta, foi a última medida importante en materia de Xustiza que a Xunta de Galiza adoptou antes da convocatoria de eleccións antecipadas por parte do seu presidente, Alberto Núñez Feijóo.
O número de peticións para obter un letrado de oficio nesta comunidade autónoma incrementouse de maneira considerábel neste período marcado pola crise económica. Das 32.812 peticións tramitadas en 2008 polos colexios de avogados ante as comisións encargadas de efectuar as avaliacións correspondentes, pasouse a 49.772 solicitudes en 2011. É dicir, que o seu aumento porcentual disparouse un 51%. E consiguientemente o custo do servizo multiplicouse de forma parecida, até superar o pasado ano o dez millóns de euros.
Moi afastada desta cantidade investida en 2011 pola Xunta de Galiza para pagar a quenda de oficio, apenas se albiscan hoxe aqueles tres millóns de euros que o goberno galego recibiu da Administración do Estado en 1995, cando se produciu o traspaso da competencia.
A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, que xa expresara en diversas ocasións a súa gran preocupación por mor da inviabilidade do modelo por ese alto custo, terminou por aplicar unha reforma substancial, até deixalo irrecoñecíbel. O problema engadido está en que o novo regulamento suscitou serias dúbidas durante o proceso de trámite das consúltas pertinentes, receos non só de carácter interpretativo, senón tamén xurisprudencial.
O rexeitamento máis contundente do novo regulamento partiu do Consello Consultivo de Galiza, un órgano institucional de claro verniz político; mais algunhas apreciacións súas foron plenamente compartidas por un organismo tan pouco sospeitoso como a Asesoría Xurídica Xeral da propia Xunta de Galicia.
Até un total de quince artigos do antigo regulamento de xustiza xurídica gratuíta de Galicia sufriron modificacións apreciábeis; de forma que o resultado final do texto aprobado tras os retoques introducidos non é outro que un novo regulamento que muda a súa letra e tamén a súa filosofía.
Na práctica, o regulamento agora vixente é bastante máis restritivo e, por tanto, limita claramente o acceso de calquera galego á xustiza gratuíta. Aí está o cabalo dunha batalla que quizá acabará librándose máis cedo que tarde.
A mudanza máis importante do sistema de valoración por parte das comisións responsábeis (unha por cidade) céntrase no seu artigo 1, que agora conta cun apartado novo. O texto engadido establece que o cómputo anual de recursos e ingresos económicos de cada solicitante de asistencia xurídica gratuíta ten que efectuarse en bruto e non en neto como sucedía antes. Obviamente, esta variación tradúcese en que cada peticionario non poderá superar os 14.900 euros anuais, que é a cantidade equivalente ao dobre do salario mínimo interprofesional a partir do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM).
Se esa cantidade inferior aos 15.000 euros anuais por unidade familiar xa era baixa na súa concepción neta, ao pasar ao seu cómputo bruto supuxo un claro paso atrás para as persoas con escasos recurso que se ven abocadas ou envoltas nalgún litixio xudicial.
O Consello Consultivo de Galicia solicitou inutilmente a retirada do concepto de ingresos brutos familiares con dúas argumentacións contundentes: porque practicamente todas as comunidades autónomas contemplan os ingresos netos á hora de conceder a asistencia xurídica gratuíta, e porque o Consello Xeral do Poder Xudicial tamén se pronunciou neste mesmo sentido a fin de favorecer ao maior número de usuarios posibles.
Salvo Valencia e agora Galiza, ningún outro regulamento autonómico de Cataluña, Pais Vasco, Andalucía, Madrid, Cantabria, Navarra, etcétera, sobe o listón de maneira explícita até ese concepto restritivo dos ingresos familiares brutos, que podería chocar de fronte coa expresada vontade constitucional.
Fronte ás críticas recibidas contra o seu novo regulamento, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza defendeu a reforma acometida en aras a unha mellor regulación e unha maior operatividade administrativa e procedimental do sistema a aplicar. Pola contra, non recoñeceu en ningún caso unha modificación clara do espírito da norma orixinal, nin tampouco unha diminución dese dereito recoñecido. Con todo, a súa aplicación práctica demostra todo o contrario e apunta claramente a un recorte do gasto en xustiza gratuíta como a súa principal finalidade, aínda que non sexa a única.
En efecto, o novo regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galiza introduciu outras variacións que inciden no seu proceso de autorización, así como na quenda de oficio e a súa aplicación polos colexios de avogados, co fin de resolver non poucas disfuncións anteriores.
Unha modificación dos artigos 14 e 34 precisa que os colexios de avogados e procuradores teñen que advertir ás persoas solicitantes da obrigatoriedade de satisfacer os seus respectivos honorarios, no caso de que a súa petición de asistencia xurídica gratuíta resulte finalmente denegada. Para ese proceso de concesión ou rexeitamento de tales demandas por parte das comisións encargadas fíxase un prazo de tres días.
Unha nova redacción do artigo 44, por outra banda, establece con moita precisión todo o proceso que deben seguir trimestralmente os colexios de avogados e procuradores ante a Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galiza para certificar as actuacións dos seus profesionais apuntados neste servizo, a fin de recibir daquela os pagos correspondentes.
Finalmente, a citada consellería comprométese mediante o artigo 45 deste regulamento a fixar anualmente unha cantidade destinada a cubrir este servizo de xustiza gratuíta e a remitir o seu importe ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais, respectivamente, para a súa distribución posterior entre os distintos colexios a través dos seus propios condutos.
Co fin de pór un tope a este gasto, fíxase igualmente que a partida total non poderá superar en ningún caso o 8% do gasto xerado o ano anterior en asistencia xurídica gratuíta.
Sen dúbida, a aplicación do regulamento modificado suporá unha rebaixa substancial dos casos autorizados de xustiza gratuíta en Galicia. Agora falta coñecer a cifra exacta que achegará a restrición acometida para sopesar ben os efectos reais dunha medida tan discutíbel.




Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.