1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

34904123Galiza - Magazine Cultural Galego - [Montse Dopico] O profesor Anxo Angueira propón, no seu último libro, comezar a explicar o Rexurdimento a partir dun ilustrado, Sarmiento. Porque, segundo sostén, a literatura galega contemporánea non naceu sen tradición a partir dos Séculos Escuros.


 

A literatura galega contemporánea comezou con Sarmiento. O Rexurdimento arrancou, desta maneira, no século XVIII, co que foi o primeiro galeguista. Esta é a tese que o profesor Anxo Angueira defende no seu ensaio ‘Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento’, publicado na colección iBroLiT do grupo de investigación GAELT da Universidade de Vigo.

A túa proposta apóiase en textos de Méndez Ferrín, Antolín López Peláez ou Ángel Salcedo. Como xurdiu?

Pois a partir do estudo de ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía de Castro. Notei que o primeiro poema, o da nena gaiteira, tiña claras conexións co ‘Coloquio’ de Sarmiento. Despois investiguei nos artigos de Murguía sobre os precursores e confirmei isto mismo. Así, comecei a ler o ‘Coloquio’ con outra perspectiva. Tamén estaba o que dixo Ferrín, Monteagudo, Antolín Peláez… Observei, así, que o ‘Coloquio’ fora lido con moitos prezuízos. O propo Sarmiento dixo que o seu ‘Coloquio’ era só un libro para ensaiar a lingua, mais non é verdade. Eso mesmo dicíao Rosalía, ademais. O ‘Coloquio’ é un artefacto estético moi potente e moi sólido, moi avanzado para o seu tempo. Entón, eu creo que cómpre revisar a historia da literatura galega. Os ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía marcan un inicio, e tamén un final de algo que viña de antes. Porque a literatura galega contemporánea nace con Sarmiento.

A tese é atrevida. Cuestiona a historiografía.

Pero non o digo eu só. Mariño Paz, Armando Requeixo, Henrique Monteagudo e Méndez Ferrín pensan tamén que o ‘Coloquio’ non foi só un divertimento filolóxico. Sarmiento era consciente de non estar só facendo un instrumento, un pretexto para o estudo da lingua. Estaba a facer literatura popular. Estaba a verificar orixe e esplendor da lingua galega. Entendo que para defender o que digo non só teño que cuestionar a historiografía da literatura, senón tamén a da historia política. Para min, Sarmiento é o primeiro escritor contemporáneo e o seu ‘Coloquio’ é a primeira obra contemporánea galega. Mais tamén é o primeiro galeguista. Para Xusto Beramendi a historia do galeguismo comeza co provincialismo, no XIX. Mais outro historiador, Barreiro Fernández, englobou na etapa do pre-galeguismo a actividade de varios intelectuais da Ilustración e, entre eles, Sarmiento, coa súa defensa do galego. Para min está claro que hai un fío literario e político que vai desde Sarmiento ata Rosalía de Castro.

Cal é esa influencia en Rosalía? É o tempo do romanticismo literario en toda Europa. Se cadra non ten que vir só de Sarmiento.

O que ocorre é que a Sarmiento recoñéceselle o papel de precursor en todos os ámbitos agás o literario. Non hai dúbida de que é o primeiro filólogo galego, o fundador da primeira ortografía contemporánea, o primeiro defensor do uso do galego na escola… Pero non se di que foi o primeiro escritor galego contemporáneo. En canto ao impacto en Rosalía e no Rexurdimento, hai catro detalles nos que todos os escritores do XIX se viron influenciados. O estilema da accumulatio: a acumulación de tiradas léxicas longas, que está despois en Pintos en Rosalía, por exemplo. A fórmula dialóxica, que aparece tamén despois nos autores do XIX.

O que fai Sarmiento é unha galeguización do xénero de Perico e Marica, pois pasa a ser protagonista o Reino de Galicia e ademais faise unha crítica política ao primeiro dos borbóns, Felipe V. Tamén hai unha galeguización rítmica, unha adaptación aos ritmos da música popular, da muiñeira. A presenza da lírica popular está despois no cura de Fruíme, no padre Sobreira, en Cornide, no Álbum de la Caridad e na propia Rosalía de Castro. No primeiro poema de ‘Cantares Gallegos’ de Rosalía atopei a mesma música que en Sarmiento, só que na obra de Sarmiento é un señor maior e na de Rosalía unha nena gaiteira, unha muller.

Ese é un dos motivos polos que sitúas a Sarmiento na contemporaneidade: pola defensa das mulleres e polo protagonismo que lles dá como creadoras. E tamén pola dimensión crítica do ‘Coloquio’.

Sarmiento era un ilustrado moi avanzado, dos máis avanzados de Europa. María Mercedes Álvarez Lires subliñou que Sarmiento defendeu a capacidade intelectual das mulleres e as súas achegas á ciencia e a técnica. Ademais, foi o primeiro en dicir que na nosa lírica tradicional as mulleres tiñan un papel protagonista como compositoras e cantoras. En canto á crítica política, o xénero de Perico e Marica, -Sarmiento xa galeguiza o nome ao chamarlles Perucho e Maruxa-, é un subxénero político, de crítica ou de louvanza sobre a corte madrileña. Pois o ‘Coloquio’ é poesía satírica e política, aínda que disfrazada de poesía pueril, que critica o primeiro rei borbón. Unha das críticas que fai é contra os recrutamentos forzosos para a guerra de Lombardía dos emigrantes segadores galegos. No ‘Coloquio’, ademais, Galicia existe como entidade xeográfica, cultural, lingüística, social e política diferenciada de Madrid.

O pobo traballador como suxeito literario e político ou a estética popular son tamén, segundo dis no libro, signos de contemporaneidade…

Sarmiento adiántase ao que despois dixo Rosalía na mesma liña: o maltrato aos segadores en Castela, o protagonismo extraordinario de Galicia como país… Mesmo ten unhas ideas contemporáneas sobre a paisaxe. Sarmiento foi o primeiro, por exemplo, en descubrir a importancia paisaxística do que hoxe chamamos Rías Baixas… Porque paseou Galicia coa óptica sobre a paisaxe de Rousseau, de Goethe… O seu canto á paisaxe é un canto político, que contesta aos tópicos sobre Galicia como terra inóspita, aos menosprezos de autores coma Góngora. Tamén cando fala de Madrid como escenario biográfico, literario e político para os emigrantes galegos, salienta como actúan como grupo organizado e se reúnen, por exemplo, para o 25 de xullo.

Son os madrigalegos, como foron Rosalía, Murguía, Otero Pedrayo ou o grupo Brais Pinto. Os protagonistas do ‘Coloquio’ representan o pobo traballador como suxeito literario e político: os vinte e catro galegos rústicos, os segadores e os meniños de servir en Madrid. Que é o pobo traballador de Rosalía. Beramendi di que unha das características do galeguismo do XIX é o “síndrome da aldraxe”, a rebelión contra os abusos e a humillación que recibe o pobo traballador. Pois isto xa está en Sarmiento: na protesta pola humilllación dos galegos nas escolas, polas burlas aos galegos co meco… No ‘Coloquio’ son os meniños pobres e inocentes os que fan unha sátira do rei francés, ridiculizan o enterro. O que é alto e trascendente aparece rebaixado na boca dos nenos.

Comentas tamén que Sarmiento reivindica a galeguidade da literatura medieval como un xeito de sinalar a súa orixe e importancia. Típico do romanticismo tamén…

Sarmiento di que hai catro tipos de versos, o castelán de oito sílabas, o italiano de once sílabas, o francés de catorce e o galego de doce. Así, ten por galego o verso de arte maior de 12 sílabas repartidas en dous hemistiquios de seis. Cando Sarmiento escribe aínda non se recuperara a lírica medieval galega, pero sabíase que existira. As Cantigas de Santa María, que el coñece, son de versos de 12 sílabas. E o ritmo da composición, acentuado na segunda e na quinta, é o da muiñeira. Porque na ansia de Sarmiento de dignificar Galicia búscalle un metro á nosa poesía. Un metro de orixe medieval. Máis adiante, e con máis datos, Carolina Michaëlis confirma que se trata de ritmos e metros propios de Galicia.

Relacionas, deste xeito, a Sarmiento con autores non só do XIX, senón tamén do XX: Neira Vilas polo protagonismo dos nenos da clase traballadora, Uxío Nonoveya pola estética popular, Xohana Torres polo feminismo, Ferrín polo uso político da paisaxe… Mais é difícil soster que as influencias veñen de tal ou cal autor, e máis nun momento en que a propia filoloxía discute a pertinencia das súas propias periodizacións…

Para min, para saber se un autor é contemporáneo, temos que preguntarnos se nos di algo do noso tempo. E no seu caso é así, e por iso podemos relacionalo facilmente con autores moi posteriores. As críticas sobre a emigración, o retrato de paisaxe que vai de Pondal a Novoneyra… É un poeta do noso tempo que pon o pobo como protagonista. Eu falo desde a teoría sistémica como ferramenta de análise. Nel está o repertorio que se desenvolveu despois. O seu suxeito político e literario é o de ‘A esmorga’, o de ‘Con pólvora e magnolias’…. Non está o proletariado porque aínda non é o tempo, mais si o pobo traballador.

Se cadra dándolle tanta importancia a Sarmiento… tamén se resta protagonismo a Rosalía. En que quedamos? A nosa poeta fundacional é unha muller ou ten que cederlle o posto a un home?

Non, non, Rosalía segue a ser a primeira. Pero hai na súa obra unha base que vén de atrás. Ela é o principio, pero tamén o final dun proceso que a precedeu. O salto que deu a literatura galega con Rosalía é indiscutible. Mais había xa raíces. Entón, a conclusión é que temos tradición, que a nosa literatura non nace sen tradición, non sae de repente dos Séculos Escuros.

 


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.