1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

53bd000abd943-1142dorotheGaliza - Diário Liberdade - Passados uns dias após o início da polémica pola decisom da Real Academia Galega de dedicar o Dia das Letras Galegas de 2015 ao franquista Filgueira Valverde, da plataforma de crítica literária A Sega anunciam a convocatória do I Dia das Galegas nas Letras.


Umha celebraçom que decorrerá no dia 15 de agosto e que estará dedicada nesta primeira ediçom a Dorothé Schubarth, musicóloga suíça compiladora do Cancioneiro Popular Galego (obra chave sobre o folclore musical galego, publicada em 7 volumes em 1984). D'A Sega indicam que com esta iniciativa querem “celebrar a figura de umha mulher que contribuísse de forma sobranceira para a cultura em geral e para a literatura em particular”. Precisamente a quase total ausência de mulheres homenageadas no Dia das Letras Galegas da RAG foi umha das críticas mais estendidas nos últimos anos acerca do labor desse organismo do oficialismo lingüístico.

O programa completo de atividades será dado a conhecer nos próximos dias.

Reproduzimos o manifesto d'A Sega para este I Dia das Galegas nas Letras:

ATURUXO POR DOROTHÉ SCHUBART

Manifesto d’A Sega para a celebración do

DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS

Dende tempo inmemorial a escrita fixo de si unha maneira de perdurar. De traspasar a morte. De manter e alimentar un pobo, unha lingua, unha cultura. Cada palabra mantida alén da memoria finita dos seres humanos, cada texto que se foi gardando no acervo das bibliotecas e dos arquivos construínos dun certo xeito. Mais entre todas as súas liñas naceron fondos silencios. Silencios que durante tempo nos quixeron facer crer que contiñan o nada. Mais como calquera boa musicóloga sabe, o silencio é parte fundamental da música e contén tanto valor coma o son.

Neses silencios da literatura escrita estivemos sempre nosoutras. Nun tempo breve por analfabetas. Noutro moito máis longo que perdura ata a actualidade por descoñecidas e minusvaloradas. Mais en todo momento, nunca deixamos de falar. Escribimos nas nosas voces as historias das nosas vidas, dos nosos pensares, saberes e coñecementos. O noso humor, a nosa maneira de arrepoñernos aos papeis dados. A nosa letra estivo sempre viva, e así continúa.

Vimos dunha estirpe de mulleres que crearon textos para cantalos, que compuxeron música de palabras. Elas, que foron feitas silencio polo peso dunha tradición patriarcal que ditamina para eles os nomes e para elas o anonimato do "colectivo".

Ata que chegou ela. A primeira que ousou poñer os nosos nomes a cada unha das composicións. Facernos por fin visibles. Facernos donas mediante ese simple xesto dunha tradición cooptada, como tantas outras. E haberá quen diga que a tradición é un "ben común", mais este non pode sosterse mantendo de xeonllos ás mulleres, unha vez máis. Porque para nosoutras, as que cantamos e escribimos hoxe, saber que foron outras as que antes cantaron e escribiron non é un feito menor. Dános unha lexitimidade que está moi lonxe de entender a autoría como autoridade e propiedade senón máis ben como o acceso á condición de suxeitAs, á condición de persoas con dereito a ter a nosa propia voz recoñecida na sociedade. Dela, da voz, emanan o resto dos dereitos, o dereito ao noso corpo, á nosa liberdade, á nosa vida mesma. A que ninguén nos diga: cala que ti diso non sabes. Ou aquilo de "non hai mulleres que...".

Hai quen di que os seres humanos seremos unicamente quen nos lembre. Seremos quen garde os nosos nomes, quen aturuxe os alalás cos que demos saída ao pasar dos días, ao humor, ao sentir, ao pensar, ao coñecer, ao que sabemos e aprendemos. Quen garde, en definitiva, o texto dos nosos afectos. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth.

Igual que facemos o corro para bailar, igual que as voces das cantareiras enganchan as unhas coas outras, quen hoxe escribimos debémoslles ter o noso nome propio, a nosa voz inscrita mesmo nas marxes da literatura a aquelas que cantaron antes. A aquelas que construíron o maior acervo literario de lingua galega: a lírica popular. Se nós temos voz é porque houbo quen foi quen de conservala e aínda máis importante, quen foi quen de recoñecela como de nosoutras, lonxe deses discursos da "comunidade" nos que as mulleres ficamos invisibles. Ese foi o traballo de Dorothè Schubarth que hoxe celebramos, vindicamos e recoñecemos.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.