1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

porprimeiravezGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela regresa este mércores 23 de abril tras o descanso das festas de primavera, e faino coa proxección de catro curtametraxes documentais cubanas.


En concreto, o programa estará formado por PM (PM, Sabá Cabrera Infante / Orlando Jiménez Leal, 1961), Coffea Arábiga (Coffea Arábiga, Nicolás Guillén Landrián, 1968), Por primeira vez (Por primera vez, Octavio Cortázar, 1969) e Kung fu 2004 (Kung fu 2004, Tampico, 2003). Todo isto, como ven sendo habitual, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21.30 horas.

O cinema cubano, que até 1959 producira pouco máis de 80 filmes e que fora tremendamente acoutado pola ditadura de Batista, ten a partir da revolución un desenvolvemento con poucas semellanzas no cinema mundial, dando lugar a que os historiadores falen do período comprendido entre o 59 e o 69 como a “idade de ouro do cinema cubano”. Nesta etapa, impulsado pola dirección revolucionaria xa desde a fronte, coa creación da Dirección de Cultura do Exército Rebelde, que despois dará paso ao Instituto Cubano da Arte e a Industria Cinematográficas (ICAIC), no cinema cubano agroma propostas, discusións e contradicións das que esta sesión pretende dar algúns exemplos, evitando nomes máis coñecidos como os de Santiago Álvarez o Tomás Gutiérrez Alea.

No 1961, os realizadores afeccionados Orlando Jiménez Leal e Sabá Cabrera Infante percoren os bares do oeste da capital cubana, e cun equipo mínimo (unha cámara de 16 milímetros e unha vella gravadora de aramio), filman a noite da Habana en PM (Pasado Meridiano). O filme, influenciado polo free cinema do momento, amparado polo suplemento “Lunes” do diario Revolución e proxectado polo Canal 2 da televisión cubana, causo un amplo debate na intelectualidade cubana, tanto polo seu enfrontamento ao neorrealismo que defendía o ICAIC como pola “frivolidade” que recollía en plena época da tentativa de invasión de Playa Girón.

A segunda fita a proxectar, Coffea Arábiga, tamén desafía algunhas tendencias imperantes na Cuba da época. Froito dun encargo do ICAIC a Nicolás Guillén Landrián, sobriño do poeta Nicolás Guillén, para realizar un documental didáctico sobre o cultivo do café e o plan do Cordón da Habana, Guillén Landrián realiza en efecto un filme didáctivo, mais sen renunciar ao experimentalismo e á ironía, na primeira incursión dunha linguaxe postmoderna na cinematografía cubana. Guillén Landrián, cuxa obra foi recuperada na illa nos últimos anos, era para o director Humberto Solás, xunto a Santiago Álvarez “un dos pais da documentalística cubana contemporánea”.

Por primeira vez, pola súa banda, documenta unha das principais iniciativas do ICAIC como difusor da cultura cinematográfica: a utilización dos cines móbiles para levar os filmes aos lugares máis apartados de Cuba. Esta curtametraxe de Octavio Cortázar mostra a experiencia duns labregos das montañas orientais da illa que, por primeira vez, ven un filme, en concreto o clásico de Charles Chaplin Tempos modernos. Opera prima de Cortázar, que despois desenvolvería unha longa carreira, o filme recolle as expectativas dos habitantes dunha aldea de Baracoa sobre o que pode ser o cinema, e despois a súa fascinación diante da pantalla, nun retrato do imaxinario sobre o cinema como fábrica de soños.

Para finalizar o programa, a modo de exemplo do cinema contemporáneo, poderemos ver Kung Fu 2003, realizado xa con posterioridade ao “período especial” que sufriu a revolución cubana tras a caída do bloque soviético. Kung Fu 2003 xorde a raíz da segunda invasión de Iraq polos Estados Unidos e reflicte con ironía e toques que lembran a A illa das flores a visión dun norteamericano sobre este conflito. O director, Tampico, naceu en California, pero foi en Cuba onde estudou cinema, e onde fundou o Movemento Internacional ShitArt, que tenta achegar o surrealismo á arte do documental e a curtametraxe.

A semana que ven, o Cineclube programa unha nova sesión de curtametraxes, neste caso organizadas baixo o título de “Introdución ao cinema experimental. Parte I (1942-1977). Nesta session, poderemos ver clásicos do cinema experimental norteamericano e filmes máis descoñecidos de directores como Harry Smith, Jane Conger Belson Shimané, Wallace Berman, Joseph Cornell, Bruce Conner, Stan Brakhage, Bruce Baillie, Hollis Frampton, Joyce Wieland e Owen Land.

Os filmes serán proxectados en versión orixinal. A entrada é de balde, e pódese adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha achega económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas.

 

PRÓXIMAS PROXECCIÓNS

ABRIL 2014

  

Mércores 23 de abril ás 21:30 no Pichel

PM

(PM, Sabá Cabrera Infante / Orlando Jiménez Leal, Cuba, 1961, 13′, VO)

+

Coffea Arábiga

(Coffea Arábiga, Nicolás Guillén Landrián, Cuba, 1968, 18′, VO)

+

Por primeira vez

(Por primera vez, Octavio Cortázar, Cuba, 1969, 9′, VO)

+

Kung fu 2004

(Kung fu 2004, Tampico, Cuba, 2003, 15′, VO)

Mércores 30 de abril ás 21.30 no Pichel

Introdución ao cinema experimental. Parte I (1942-1977) | Duración total: 81′

Número 3: Entrelazado

(Number 3: Interwoven, Harry Smith, EUA, 1946, 3′, VO)

+

Cachifallos

(Odds & Ends, Jane Conger Belson Shimané, EUA, 1959, 4′, VOSG)

+

Aleph

(Aleph, Wallace Berman, EUA, 1966, 8′, VO)

+

Á noite con fachos e lanzas

(By Night with Torch and Spear, Joseph Cornell, EUA, 1942, 8′, VO)

+

Valse triste

(Valse Triste, Bruce Conner, EUA, 1977, 5′, VO)

+

A casa Wedlock: Un coito

(Wedlock House: An Intercourse, Stan Brakhage, EUA, 1959, 11′, VO)

+

Castro Street

(Castro Street, Bruce Baillie, EUA, 1966, 11′, VO)

+

Tensión superficial

(Surface Tension, Hollis Frampton, EUA, 1968, 10′, VOSG)

+

Solidariedade

(Solidarity, Joyce Wieland, Canadá, 1973, 11′, VOSG)

+

Nova e mellorada calidade institucional: No contexto das líquidas e as nasais ás veces se desenvolve unha vogal parasitaria

(New Improved Institutional Quality: In the Environment of Liquids and Nasals a Parasitic Vowel Sometimes Develop, Owen Land, EUA, 1976, 10′, VOSG)


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.