1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

070713 embarcaconsGaliza - QPNC - "Percibimos un chisco máis de sensibilidade co patrimonio marítimo, pero non a suficiente"


Estes días xa comezan as actividades do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia coa Inauguración das exposicións do esta mañá de sábado, ao mesmo tempo que por Muros están inmersos nas semellantes Xornadas Mariñeiras.

E hoxe falamos hoxe con Xesús Mato, presidente da Comisión Organizadora do IX Encontro Freixo 2013 e membro da asociación concesionaria do Encontro, Terra de Outes, e con Manuel García Sendón, membro da mesma Comisión Organizadora e da directiva da FGCMF. O Encontro é unha cita artellada polaFederación Galega pola Cultural Marítima e Fluvial (FGCMF), que une nun punto do litoral galego cada dous anos a centos de amantes da tradición mariñeira.

Un Encontro, que despois de comezar hai 20 anos en Ribeira e celebrar as últimas edicións en Carril no 2011, en Muros no 2009, en Ferrol no 2007 ou en Cambados no 2005, reedítase na súa undécima edición na Serra de Outes, no porto do Freixo. A cita desenvolverase na súa parte máis importante do 11 ao 14 de xullo. E sen máis, coñecemos como vai a organización falando a dúas mans con Xesús Mato e Manolo Sendón:

  • QPC: O Freixo 2013 é moito máis que un Encontro de embarcacións Tradicionais, non si?

Arredor do elemento esencial do Encontro, a exhibición e navegación a vela das embarcacións tradicionais, organizamos una chea de actividades vinculadas maiormente ao patrimonio marítimo: una xornada de reflexión sobre a carpintaría de ribeira en madeira (razón fundamental da escolla do Freixo como sede), exposicións, obradoiros, mostras, artesanía, recitais poéticos, gastronomía e una gran diversidade de enredos para os máis pequenos. Todo xirando arredor do patrimonio marítimo galego e de manifestacións locais relevantes a este respecto. 

  • QPC: Este ano ademais o Encontro pega un salto en materia musical.

Vén sendo importante o programa musical nas últimas edicións do Encontro, porque celebramos o patrimonio marítimo nun ambiente festivo. Desta volta van actuar una vintena de agrupacións musicais , as máis achegando a banda sonora das distintas actividades do Encontro durante as mañás e as tardes da catro xornadas: grupos de música tradicional, charangas, banda de música, corais… 

Á noite, a partir das 23:00 h. terán lugar importantes concertos nocturnos: o xoves 11 celébrase a verbena da festa local de San Benito. Para os días seguintes reservamos concertos poderosos: o venres 12 achegaranse ao Freixo algunhas das propostas máis novidosas do panorama musical galego: tras a actuación inicial do grupo local The Wayfares, escoitaremos a SÉS e a TERBUTALINA; o sábado 13 será protagonizado pola música de raíz máis tradicional: a grande orquestra folclórica SONDESEU e o grupo de Ferrolterra OS CEMPÉS.

  • QPC: Cales serán pois os puntos fortes do programa? 

A concentración de embarcacións tradicionais galegas, acompañadas doutras chegadas de Portugal, Euskadi e Cataluña; a música, da que xa falamos; pero queremos salientar especialmente dous elementos: A celebración dos 20 anos de Encontro a través dun pequeno simposio e dunha exposición que vai percorrendo a evolución do evento desde os seus inicios; a merecida e emotiva homenaxe aos carpinteiros de ribeira: no porto do Freixo quedará unha placa cun poema de Avilés de Taramancos no que evoca o traballo dos carpinteiros de ribeira outenses.

  • QPC: E repasando un pouco a historia do Encontro. Cando nacen estes Encontros de Embarcacións Tradicionais? E cal era o obxectivo incial?

A primeira celebración do Encontro tivo lugar en Ribeira hai 20 anos, daquela un empeño de catro amigos amantes do noso patrimonio marítimo. Canda o Encontro nace a FGCMF e pouco a pouco van xurdindo asociacións por todo o país encamiñadas á recuperación do patrimonio e das embarcacións. Conforme medra a FGCMF (hoxe constituímola máis de corenta asociacións) vai medrando tamén o Encontro. 

Nunca nos despegamos do obxectivo inicial: o estudo, a defensa e a exhibición do noso patrimonio marítimo e fluvial. Somos un gran país cunha gran cultura e tradición, que non é entendible sen a componente mariñeira e marítima en todos os ámbitos: barcos, construcción naval, artes de pesca, patrimonio moble e inmoble, un riquísimo patrimonio inmaterial… Certas elites do país tivérono adoito a menos, sobre todo por ignorancia. Ese era e é o obxectivo.

  • QPC: Daquela, os encontros serven para dinamizar sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, os artesáns… Pero tamén serven como reclamo turistico e como concienciaciación aos veciños da importancia deste patrimonio.

Evidentemente, pero chegará a ser reclamo turístico se primeiro nós o valoramos, o coñecemos e procedemos a actuar con rigor. Dese labor de concienciación deriva o feito de ser una celebración itinerante: queremos chegar a todos os recantos do país. Cada bisbarra ten a súa peculiaridade, a súa propia historia mariñeira, as súas particulares embarcacións, a sús vivenda mariñeira etc, pois as xentes adaptáronse ao particular medio natural e este impuxo una maneira de traballar, de construír… Cada bisbarra ten a súa personalidade, por iso cada Encontro é distinto: hai una parte común en todas as edicións pero hai outra que achega a vila ou bisbarra na que se celebra.

O Hidria II, construido en 1965, era orixinariamente un barco alxibe que fornecía de auga potable os barcos que entraban na ría de Vigo. Funciona cunha máquina a vapor de 1905, que anteriormente pertenceu ao Hidria I, e que hoxe é o seu principal atractivo: parece ser que é o único barco que navega actualmente a vapor na península.

Jacobo e Sesé, os actuais armadores, do Grove, mercaron o barco en 1997 cando levaba seis anos a podrecer nun desguace e logo de moitos anos de traballo conseguiron poñelo a navegar, realizando labores para as administración ou facendo chárter polas rías. Pero, a situación de falta de traballo, atrancos para conseguir un atraque que lle permitise traballar legalmente e a falta de apoios oficiais, obrigaron os armadores a leváreno ao Mediterráneo en procura de mellor fortuna. Logo dese periplo, queren voltar a Galicia para intentar crear una asociación que poida axudar a manter o barco operativo. 

É una xoia do noso mar que temos obriga de recuperar e disfrutar. Obviamente, a FGCMF está a facer o posible para que poida voltar.

 

 

  • QPC: Considerades que Galicia está a coidar o seu patrimonio mariñeiro? Quen traballa máis por mantelo vivo, os gobernos ou as entidades sociais?

 

Percibimos un chisco máis de sensibilidade conforme van pasando os anos, pero non a suficiente. O patrimonio mariñeiro recibe ataques por diversos flancos: desaparición de tipos históricos de embarcacións, abandono do patrimonio inmobiliario (vellas conserveiras, peiraos…), do mobiliario e do inmaterial, desfeita do litoral. En boa parte do litoral nin está estudado nin catalogado o patrimonio. As embarcacións tradicionais non están recoñecidas como Bens de Interese Cultural etc.
Non hai dúbida, son as entidades sociais e sinaladamente as inseridas na FGCMF, quen estamos a facer o esforzo de que esta inmensa riqueza non se perda e se valore. Pero sinceramente, a miúdo sentímonos bastante sós. Un exemplo: somos a federación máis importante e con máis actividade da Península, pertencemos á federación europea e participamos en eventos europeos: somos una embaixada de Galicia sen recoñecemento oficial. Cando chegamos cos nosos barcos, artes de pesca… a Escocia, Bretaña… está Galicia porque estamos nós, pero botamos en falta un maior apoio e compromiso da Galicia oficial.

 

 

  • QPC: Como valoras xornadas como as de Muros Mira ao Mar?

 

As celebracións mariñeiras que se veñen realizando nos últimos anos en diversas vilas mariñeiras nacen tras o impulso inicial do que conforma a FGCMF. Eu son membro fundador da asociación Mar de Muros, que tivo como primeira actividade propoñer e impulsar esa celebración muradana. Co tempo converteuse na celebración máis xenuína da vila e chegou á súa culminación coa celebración do IX Encontro, hai agora catro anos. Non hai vila no país que pola súa conformación urbana mariñeira achegue hoxe un marco tan acaído para arroupar embarcacións tradicionais e demais elementos patrimoniais. Pero esta, coma outras “feiras” mariñeiras corren un risco coa presenza masiva de elementos alleos ao patrimonio marítimo, froito da contratación con empresas que montan “feiras medievais” e logo as disfrazan de mariñeiras.
Muros, e outras vilas, teñen de seu elementos patrimoniais e capacidade humana sobrada, paraconmemorar o propio patrimonio con rigor, sen desvirtualo: a nosa historia é tamén un recurso de futuro único, pero sen híbridos raros: isto deben aprender os responsables deste tipo de xornadas. De todos os xeitos, hai ben pouco tempo nada disto había no país, só cómpre orientalas axeitadamente.

 

 

  • QPC: Vilagarcía, Ferrol, Muros, Carril… Pode que para a seguinte edición vexámosvos en Fisterra, Muxía ou noutra vila mariñeira da Costa da Morte?

 

Non é que poida ser na Costa da Morte, é que debe, xa lle corresponde. Talvez sexa a arela primeira da FGCMF levar o Encontro a algún porto da Costa da Morte: encher coas velas das bucetas, xeiteiras, dornas, galeóns, balandros… a costa de Pondal. Só fai falta presentar, de aquí a un ano, a candidatura.

Pero o Encontro, coma todo canto organiza a FGCMF, fundaméntase no voluntariado e no traballo altruísta, de maneira que o concesionario ten que ser una entidade social, una asociación; será fundamental o apoio da administración correspondente, pero a responsabilidade primeira ha recaer nunha entidade de tipo socio-cultural. Oxalá naveguemos en augas bravas na vindeira edición.


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.