A marcha de Sherman ten como subtítulo "Unha reflexión sobre a posibilidade dun amor romántico no Sur durante unha era de proliferación de armas nucleares", o que ven a dar unha descripción do contido do filme. Se, nun comezo, a fita semella ser un documental histórico e didáctico sobre os efectos da marcha do Xeneral William Tecumseh Sherman a través de Xeorxia e as Carolinas durante a Guerra de Secesión americana, a medida que avanza o filme, o persoal vai tomando a filmación, e despraza o foco do documentario para crear unha historia sobre as súas propias relacións do director, o amor e a relixión.
Segundo Ross McElwee, A marcha de Sherman está creado arredor da noción do filme autobiográfico e contra a pretensión de obxectividade que a miúdo arrastra o cinéma-vérité. E faino por medio de cinco procedementos: un estilo de realización cunha "voz" definíbel, a percepción da ausencia dun equipo de rodaxe, o uso dunha voz en off subxectiva e confesional, os monólogos do realizador á cámara e o reforzamento da propia identidade do director coa do xeneral Sherman.
Herdeiro do cinema directo norteamericano e da tradición diarística, Ross McElwee é unha figura clave no actual desenvolvemento do cinema autobiográfico e ensaística da non ficción. Nacido en 1947 en Charlotte, na Carolina do Norte, no seo dunha familia burguesa e tradicional do sur dos EUA, McElwee interesouse desde novo pola literatura, e se gradou en escritura creativa na Universidade Brown. Mais os seus intereses creativos mudan nunha viaxe á Bretaña, onde comeza a practicar a fotografía. Posteriormente, estuda cinema no MIT, onde se gradúa en 1977 tras aprender de documentalistas como Richard Leacock e Ed Pincus.
McElwee ten dirixido desde aquela numerosas curtametraxes e algúns traballos para a televisión, así como oito longametraxes documentais: Costa espacial (1979), Charleen (1980), A marcha de Sherman (1986), Algo que facer co muro (1991), Tempo indefinido (1993), Follas brillantes (2003), En Paraguai (2008) e Memoria fotográfica (2011). A meirande parte deles están rodados no sur dos EUA e presentan a súa vida persoal e o carácter cultural desta zona desde unha perspectiva introspectiva, humorística e paródica, usando a miúdo o paralelismo histórico. O seu último filme, Memoria fotográfica, explora novas perspectivas para o cinema de McElwee ao estar realizado completamente en vídeo dixital e presentar unha estrutura de produción aberta.
O mércores que ven, 23 de maio, o Cineclube acollerá a última proxección dentro da programación de diarios filmados, Cor can que foxe (Color perro que huye, Estado Español, 2011), de Andrés Duque, realizada polo director hispano-venezolano tras un accidente, recuperando imaxes e descartes que viña arquivando ao longo de oito anos. Esta fita, a medio camiño entre o diario e a autobiografía , abre a filmación do eu ao imaxinario e propón un diálogo especular con todo tipo de imaxes alleas.
O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.
Foto: Cineclube Compostela

