O sábado 27 de abril A Estrada acolleu o primeiro derbi feminino de fútbol gaélico de Galicia, onde as Fillas de Breogán se impuxeron por un só punto ás debutantes Irmandinhas. Desta volta, o seleccionador nacional, Carlos Seco, terá moito traballo, porque no combinado masculino hai case cen xogadores federados onde escoller, cinco equipos en competición e cada vez máis igualdade. Na Estrada, impuxéronse os dous equipos locais, Bráithreachas e Irmandinhos, a Fillos de Breogán e Mecos, respectivamente, por un puntiño tamén.
O comité organizador bretón está a traballar para que o partido se xogue no campo do Football Club Lorient, de Primeira División francesa, o Stade du Moustoir, con aforo para 18.500 espectadores. Por iso é que, de momento, non podemos confirmar se será nese fantástico estadio ou noutro da vila do sur de Bretaña. Outra cuestión que tamén temos que pechar é a posibilidade de xogar un segundo Bretaña-Galicia na vila de Vannes (Gwened). No verán do ano pasado tiven a ocasión de entrevistarme co presidente da Fundation Galice-Bretagne na Coruña e puidemos artellar un pouco todo isto.
No fútbol gaélico non había seleccións nacionais agás a de Irlanda (toda a illa) e Australia para xogar a un deporte híbrido entre o fútbol gaélico e o fútbol australiano chamado international rules. Hai xa uns anos, a GAA barallou a posibilidade de facer torneos de seleccións nacionais. De feito, chegouse a xogar un torneo con países do Benelux, só que non eran seleccións deses países, senón equipos feitos con irlandeses emigrados aló.
Sempre que hai seleccións nacionais, hai política de por medio. Sen dúbida, todo ten un compoñente político nesta vida, pero se para formar parte dun equipo hai que mira-la nacionalidade do xogador, este compoñente é máis evidente. Nos clubes non pasa iso. Calquera pode xogar en calquera equipo, sexa de onde sexa. Non obstante, de haber seleccións nacionais e sendo a maioría dos xogadores locais do Campionato Ibérico galegos, aos Fillos de Breogán pareceunos necesario que unha delas fose a Selección Galega. En 2011, acadamos da man dos bretóns a oficialización da nosa selección e da bretoa.
O ano pasado, Siareir@s Galeg@s e a Fundaçom Artábria posibilitaron que a Selección Bretoa viñese a Narón a xogar contra Galicia. Desa Selección Galega fun eu o seu capitán. Tódolos xogadores eramos membros de Fillos de Breogán (agás Isaac Xubín, que tamén acabaría xogando connosco). Agora, malia que os Fillos seguimos a ser os máis experimentados na nosa terra, Carlos Seco terá que ter en conta a máis xogadores e será realmente unha "selección".
A Selección Galega é iso, unha selección dos mellores xogadores de fútbol gaélico galegos. No seu momento, acordamos a súa creación porque pensabamos que facilitaría a difusión do noso deporte, tan minoritario por estes lares. E acordámolo xente de diferentes ideas políticas, mesmo posturas opostas completamente nalgúns casos. Por iso, non se trata dunha selección anti nada. Non facemos política, o que nos une é a paixón por este deporte. Xa que logo, para os elixidos polo seleccionador nacional, será un orgullo representar ós galegos federados na Gaelic Athletic Association que tentamos que este deporte medre na nosa terra dende o outono de 2010.