1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (2 Votos)

130131 pedra-da-serpe-gondomilGaliza - O Compás da Costa da Morte - Cando os turistas de fóra veñen a Galicia, os guías dinlles que “onde hai un cruceiro, cometeuse un pecado”. Se isto fora certo, somos unha terra ben pecadenta, porque olles onde olles haberá unha cruz lembrando que o lugar está sacralizado. Isto vén dunha cita de Castelao: “Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo“.


Pero esta intención tan poética parece que non ten moito de certa. Realmente a principal función dunha cruz é marcar territorio. Cando a Igrexa chega a Galicia e intenta rematar cos cultos relixiosos pagáns (cousa que nunca conseguiu) obriga a colocar cruces nos lugares máxicos, como penedos ou bosques, onde tamén creará capelas. A partir de aí o uso das cruces esténdese e convértese nun elemento protector e purificador. De aí a colocación de cruces nas terras de cultivo ou nas encrucilladas, consideradas lugares de mala pasaxe xa dende os tempos precristiáns, onde se reúnen Roldiñas ou Santas Compañas. A construción de cruceiros irá decaendo co paso do tempo ata o século XIX, cando os emigrantes e os cregos retoman a tradición, aínda que cada vez máis por motivos decorativos e non relixiosos.

130131 canteiros

Os canteiros José Manuel Castro, á esquerda, e Anxo Cousillas, á dereita. /Foto: Manuel Rial/

“É distinto que un canteiro faga un cruceiro con sentido espiritual, ca un que o fai sen crer. A min cando estaba a facer un Cristo sufrindo, o cura sempre me preguntaba se non me facía crer a cara de dor do crucificado. Eu respondíalle: por facer un santo non me vén a devoción, do mesmo xeito que por facer un espido non me vén a excitación”. José Manuel Castro, canteiro pontecesán, intercambiaba anécdotas na tarde deste sábado pasado con outros compañeiros do gremio e con curiosos e estudosos desta arte. Era unha nova Cova Céltica, organizada pola Fundación Eduardo Pondal, na vella casa reitoral de Cospindo, no Couto, e desta vez xiraba arredor da obra Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte, editado polo SEMESCOM (Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte). Na presentación estaban os propios autores do libro, Xosé María Lema e José María Laredo Cordonié, que lembraron que este é só o primeiro tomo dedicado ó Bergantiños Occidental e á Terra de Soneira. Laredo explicaba que a primeira intención fora reunir todos os cruceiros nun só libro, pero que viron que era imposible. Por iso deixaron para unha segunda parte, que xa leva avanzada o seu autor Manuel Vilar, a última comarca da Costa da Morte, Fisterra, e ademais inclúen Mazaricos e Carnota. Este primeiro tomo reúne en 88 páxinas máis de sesenta cruceiros da zona, e aínda que reduciron moita información finalmente é a obra máis longa editada polo SEMESCOM.

 
130131 autores

Os autores Xosé María Lema, á esquerda, e José María Laredo, á dereita. /Foto: Manuel Rial/

Aínda que na Costa da Morte non hai unhas características comúns que definan o tipo de cruceiro, si hai algúns moi representativos e singulares. Por exemplo, as dúas cruces de desgraza do Roncudo, un símbolo moderno da Costa da Morte difundido a través da fotografía e o vídeo, que simbolizan as numerosas traxedias que aconteceron nas augas desta terra.

130131 roncudo

Cruces do Roncudo. /Foto: Concello de Ponteceso/

Outro que dou para discusión foi a Cruz da Serpe de Gondomil, en Ponteceso. Sobre unha serpe alada para uns e un dragón para outros, érguese unha sinxela cruz que a primeira vista intenta santificar un lugar pagán. Esa é unha das teorías, que falan dunha cronoloxía do monumento anterior á chegada do cristianismo, aínda que hai outras que falan dunha construción posterior. Desa idea é o canteiro do Esto (Cabana) Anxo Cousillas, presente na Cova Céltica, que asegurou que a simple vista, polo desgastado da pedra, a escultura non podía ter dous mil anos de antigüidade.

Tamén se falou do Cruceiro dos Santos, en Cheis (Vimianzo), un dos máis antigos da Costa da Morte e incluso do país. O monumento chama a atención pola cantidade de figuras que ten na cruz, entre elas a representación do misterio da Trindade, e tamén, entre outras cousas, porque o madeiro do que colga o Cristo imita o tronco dun carballo. O perigo no que se atopa este cruceiro é unha das grandes preocupacións do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, do que o seu presidente, Xosé María Lema xa deu conta en varias ocasións ó Goberno. A Dirección Xeral de Patrimonio ten agora a responsabilidade sobre o que lle pase, xa que o cruceiro está en territorio público, nun cruce do vello camiño real.
 
130131 cruzeiro-cheis

Cruceiro dos Santos de Cheis /Foto: Manuel Rial/

Como anécdota, deu a casualidade de que o canteiro que fixo dous dos cruceiros recollidos na obra do SEMESCOM estaba presente na Cova Céltica. Son o cruceiro da praza de Malpica e o da igrexa parroquial de Cores. Nesta última, Laredo Cordonié amosa no seu libro a estrañeza de que no chapitel, xusto debaixo da cruz houbera catro cabezas de demo, en lugar de anxos. O autor da obra, o canteiro José Manuel Castro resolvía rapidamente a incógnita: “Eu púxenlle os demos porque o cura me deixou”.

 


 

1ª Foto: Pedra da Serpe de Gondomil / Concello de Ponteceso


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.