1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

191212 demolicionGaliza - Cineclube Compostela - O Cineclube de Compostela pecha o ano 2012 coa proxección, esta cuarta feira 19 de decembro, do filme de J. P. Sniadecki Demolición (拆迁 [Chaiqian] / Demolition, China / EUA, 2008), un retrato dos espazos urbanos, o traballo emigrante e as efémeras relacións sociais no centro de Chengdu. Tras esta proxección, o Cineclube realizará o habitual descanso das festas de inverno para regresar o 9 de xaneiro do ano vindeiro con renovadas forzas. A sesión vai ter lugar no lugar e horario habituais, no CS O Pichel (Santa Clara, 21) a partir das 21:30 horas.


Demolición céntrase sobre unha zona de derrubo no centro de Chengdu, a capital da provincia de Sichuan na China occidental, unha axitada cidade representativa da transformación rápida e radical de moitos centros urbanos chineses. Cunha combinación dunha estética rigorosa (nomeadamente no uso dos planos longos) e unha mirada humana ao traballo emigrante e os fluxos de dinámicas sociais, o filme segue a vida dos traballadores no choio e no lecer, incluíndo os comentarios dos operarios sobre o que é ser filmados e as brincadeiras sobre o "tipo de Harvard" que está por trás da cámara.

O resultado é unha etnografía detallada e sensual. A través da observación e as cualidades da fotografía dixital, Demolición introdúcenos no mundo dos traballadores migrantes chineses e da paisaxe em rápida mudanza urbana de Chengdu. Sniadecki explora as interaccións entre os membros da 'poboación flotante', os residentes da cidade e el propio para profundizar nas desigualdades da natureza transitoria da experiencia urbana.

Este filme, e o resto de traballos de Sniadecki, sitúanse no marco, do Sensory Ethnography Lab (SEL), unha iniciativa da Universidade de Harvard que apoia combinacións innovadoras de estética e etnografía, implantar práticas orixinais de explorar a existencia humana e animal e a estética e ontoloxía do mundo natural. Os traballos dos cineastas do SEL poden pórse en relación co de documentalistas como Peter Hutton, James Benning ou Sharon Lockhart, especialmente polo uso habitual dos planos longos, se ben non de maneira tan extrema como aqueles. Con todo, existe unha diferencia fundamental: nos filmes do SEL, as persoas adquiren importancia, converténdose en personaxes tan relevantes como o propio escenario. Os directores do SEL, como Sniadecki, Stephanie Spray, Véréna Paravel ou Arno Danusiri non asumen un distanciamento con respecto á xente que aparece no encadre, senón que se posicionan dentro dunha comunidade específica que os recoñece e entende o que están a facer coa filmación.

Demolición acadou o premio Joris Ivens no Festival de Cinema do Real de 2009, e ten participado en prestixiosos certames como a Viennale e o Shadow Festival en 2008, o Festival de Documental de Bos Aires Documentary de 2009, o Punto de Vista de 2010 e o 3º Festival de Cinema Independente de Beijing.

J.P. Sniadecki, director de cine e doutorando en Antropoloxía pola Universidade de Harvard, está especializado na sociedade china e na etnografía sensorial. O seu primeiro filme, Songhua (2007), reflicte a íntima e complexa relación entre os habitantes de Harbin e o río Songhua, a medio camiño entre a tradición e un presente que muda rapidamente. Despois de Demolición (2008), o seu segundo filme, realiza, xunto coa tamén antropóloga e cineasta Véréna Paravel, Foreign Parts, sobre unha zona industrial a piques de ser demolida situada por trás do estadio dos Mets en Nova York, ademais dos filmes en solitario The Yellow Bank (2010) e Sichuan Triptych (2010). Este mesmo ano estreou People's Park, un documentario sobre un coñecido parque urbano en Chengdu, rodado nunha soa toma de 75 minutos, e asinado xunto a Libbie Dina Cohn. Sniadecki vive actualmente en Pequíng, onde é organizador e comisario de Emergent Visions, unha serie de filmes sobre o novo cinema independente chines, así como participa en varios proxectos de investigación e ensaios fílmicos relacionados con China.

Con esta proxección, o Cineclube vai fechar a programación do ano e realizará o habitual descanso das festas de inverno. O vindeiro 9 de xaneiro do 2013, volverá a programación cun ciclo sobre Palestina e máis novidades das que se vai informar o ano que entra.

O filme vai ser proxectado na súa versión orixinal con subtítulos en galego. A entrada é de balde, puidendo adquirir un bono axuda para colaborar co Cineclube. O Cineclube tenta ser unha asociación autoxestionada, polo que para manter o noso funcionamento, propoñemos unha aportación económica persoal, cunha cota mensual de 5 euros para traballadoras e de 3 para estudantes e paradas. Os socios e socias poderán dispor do fondo do Cineclube antes das proxeccións, os mércores de 21:00 a 21:30.

Foto: Cineclube Compostela


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.