1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (0 Votos)

131012 pizza polboGaliza - Capítulo 0 - Durante moitos anos, no noso conxunto de lendas privadas (toda familia e grupo de amigos teñen o seu corpus de lendas privadas) estivo esta historia, que nunca soubemos canto de realidade fora. A vella lenda dicía: un día, de volta da Costa da Morte, ceamos en Muros unha pizza de polbo muradán magnífica. O certo é que nunca chegamos a saber se o soñamos, ou se a comeramos realmente. Pregunteille a varios amigos de Muros e todos parecían dicirme que si, que había un sitio, pero creo que mo dicían por máis cortesía que realidade. Volvín a un bo sitio de pizzas de Muros onde crimos tela probado (creo que se chama O Galeón, na Mariña) e miráronnos con cara rara -home, pensei eu, estamos en Muros, tampouco é tan improbable. Así que durante moitos anos evocamos a pizza de polbo á feira como un misterio da restauración galega.


Como saben, eu son un amante das adaptacións galaicas dos pratos emblemáticos da cociña internacional. Téñome manifestado máis que vehemente en defensa da boa hamburguesa rural galega , polos imbatibles e calóricos arroces atlánticos (penso no de galo de curral que se fai en Vila de Cruces) e aínda suspiro por aqueles Donos que se elaboraban nos 80 en plan pirata. Pero ante a ausencia de referencias e o ben que pintaba na imaxinación a pizza de polbo á feira, puxémonos á obra. En realidade, Sole: eu animaba coa pata en alto.

A pizza de polbo á feira está magnífica. Como sospeitaba, hai que apostar por unha masa fina, estilo napolitano. Funcionará mellor que cunha máis grosa ao xeito florentino. Nós, para experimentar, dividimos a metade da pizza en Arzúa-Ulloa e a outra en San Simón. Ao meu ver, no hai cor. O queixo San Simón vaille infinitamente mellor a esta pizza de polbo á feira.

Seguro que vostedes coñecedes algún lugar no que se elaboran pizzas de polbo á feira. É unha combinación tan evidente que paréceme rarísimo que algunha pizzería dalgunha vila galega non o teña entre as súas especialidades. Se coñecedes, animádevos a publicala nos comentarios. Entrementres, asegúrovos que a nosa, por fin, pasou do mito á realidade, e merecería algún verso épico para lembrar a fazaña.

Foto: Sole


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora