A actualidade de Prisciliano segue a ser hoxe en día indiscutible. O asceta axustizado en Tréveris no ano 385 continúa sendo na actualidade un referente sobre todo relixioso, aínda que soamente fose polo seu rexeitamento da unión da Igrexa co Estado imperial e polas súas críticas á corrupción e ao enriquecemento da xerarquía.
Sobre o “herexe galaico”, nado posiblemente na provincia romana de Gallaecia, aínda que a súa orixe segue a ser incerta, escribe en primeiro lugar Victorino Pérez Prieto (“Que podemos dicir hoxe de Prisciliano”) recollendo materiais importantes dun anterior libro seu, Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (2010): orixe, nacemento, formación, reformador, cabeza dunha Igrexa renovadora, persecución (Concilio de Zaragoza), proceso e morte en Tréveris por razóns aparentemente relixiosas, que agochaban porén motivacións políticas e mesmo económicas. Analiza asemade a obra de Prisciliano e a súa inclusión no elenco dos heterodoxos na antigüidade. Tamén a súa rehabilitación a partir do século XVIII.
Outros especialistas abordan máis polo miúdo algúns dos temas, teses e inquéritos máis importantes tanto da aventura vital e obra de Prisciliano como do seu movemento relixioso. Tal fai María José Bravo, nun estudo en castelán, sobre o proceso e a morte de Prisciliano. Andrés Olivares Guillem, cun texto igualmente en castelán, aborda o influxo do priscilianismo na alta idade media en movementos relixiosos como os dos tardopricilianistas, o sabelianismo, o adopcionismo, o masarrismo…. Sobre a presenza do priscilianismo na cultura portuguesa, cun texto presentado na lingua irmá, escribe Nuno Ventura. Finalmente Mª Pilar García Negro pon
cabo ao volume. Nun texto sobre Prisciliano e o pricilianismo e as mulleres analiza a reutilización do “martir galego”, unha historia máis “á galega” (“onde poderes esclesiásticos e poderes civís actúan de mans dadas para cadraren a súa represión nas mesmas vítimas”, paxina 113). Analiza asemade o influxo das teorías e da praxe priscilianista na mellor literatura galega e algúns dos seus grandes temas: telurismo, relativismo moral, anti-dogmatismo, apoteose da natureza, animismo…A “vinganza” de Prisciliano, segundo Pilar García Negro, consúmase con Rosalía de Castro que revive e resucita a Prisciliano.
Xa que logo, un monllo de ensaios non só útiles , senón tamén imprecindibles para todos en todas os interesados e interesadas na figura de Prisciliano e no alcance das actuais investigacións verbo desta figura senlleira da historia e da cultura occidental.


