1 1 1 1 1 1 1 1 1 1 (1 Votos)

ret asdousmariasGaliza - Cultura Galega - Mulleres de luz inmensa na Compostela gris.


Maruxa, Coralia, Sarita, Manuel, Alfonso, Antonio, etc. Eran trece os fillos e fillas que tiveron en Compostela Arturo Fandiño e Consuelo Ricart, parella de artesáns, oficio tan frecuente naquel Santiago de principios do século XX. El, zapateiro, con obradoiro na Algalia de Arriba, n.º 32. Ela, costureira e bordadora, con obradoiro na súa propia casa, na rúa do Espírito Santo, profesión que van aprender e compartir, tamén, as súas fillas. Xente traballadora, esforzada, humilde e, porén, digna e leda de conseguir comer coa suor da súa fronte, como se aseveraba a respecto da clase traballadora. Velaí a orixe, a identidade e os nomes das mulleres máis retratadas de Compostela: Maruxa e Coralia —que desde a súa mocidade quixo chamarse Rocío—, “as dúas en punto”, “as dúas Marías”, foco de luz, cor e ledicia na Compostela gris e triste do franquismo.

Maruxa, Coralia e Sarita, pois en principio eran tres —a terceira morreu moi nova—, viviron a súa primeira mocidade naquela Compostela que tanta esperanza tivo no triunfo da República en abril de 1931, un Santiago que medraba xa desde os anos 20 cara ao suburbio coa anexión do concello de Conxo (1925), co proxecto da nova Residencia Universitaria nos terreos explanados para a Exposición Rexional de 1909 —e para a que tanto traballou o reitor Rodríguez Cadarso— e co proxecto da nova estación do tren na Ponte Seca. Esa nova cidade rachaba co pasado eclesiástico e caciquil para ver a luz do traballo das clases artesás e operarias, latexaba co asociacionismo estudantil da FUE, coas forzas políticas republicanas e coa esperanza galeguista dun Estatuto, como así foi, coa convocatoria feita desde a capital de Galiza para a reunión da asemblea de municipios (1932) encargados de elaborar o borrador do Estatuto plebiscitado en xuño de 1936. Esa cidade que tan ben retratou, no vello e no novo, o debuxante Francisco Vázquez “Compostela” nas súas estampas.

Por iso non é estraño que as Marías aprendesen liberdade, dereitos e sindicalismo na súa propia casa, escoitando os seus irmáns Manuel, Antonio e Alfonso, destacados dirixentes e líderes da CNT, organización que no ano 1925 trasladara a Santiago a súa sede rexional e da que Manuel Fandiño, de oficio pintor, era o secretario xeral. E tamén que a súa mocidade se alimentase do clima de animación e esperanza que se vivía en Santiago: cando as irmás Fandiño saían á rúa a pasear vestidas coa roupa feita na casa, con teas de cores, alegres e vivas coma elas, os estudantes galeguistas e republicanos chamábanlles “liberdade, igualdade e fraternidade” e os estudantes de dereitas, da CEDA, “fe, esperanza e caridade”.

No entanto, este soño revolucionario afogouse en sangue o 18 de xullo do ano 1936. A sublevación militar franquista e a represión feroz —que na Galiza foi odio, opresión, asasinato e medo— chegou á familia Fandiño Ricart. Os irmáns lograron fuxir; ao principio tiveron mellor sorte que Ánxel Casal, Camilo Díaz Baliño, Recachanta, Narciso Fraga, os irmáns Pasín e un longo etcétera que cómpre aínda recuperar e que quedaron tirados, asasinados nas gabias. Mais elas, as mulleres da casa, a nai e as irmás, si que tiveron que vivir as ameazas, o aceite de rícino, o pelo rapado, os falanxistas que viñan controlar a calquera hora do día e da noite a casa, a intimidade e a dignidade da familia e das mulleres.

Chamáronlles “roxas”, tratáronas de “putas”. O traballo desapareceu como medio de sustento e de dignidade; a fame estivo presente diariamente nas súas vidas a partir de entón. Continuaron vivindo na rúa do Medio, naquela Compostela dos anos 40, 50, 60 e 70, onde só había escuridade, medo e silencio, moito silencio. O triángulo mortal e inquisidor que formaron Falanxe, Igrexa e Exército no franquismo triunfante tras a guerra esnaquizou a súa fraxilidade e a súa cabeza escachou coma o cristal.

E as dúas irmás Fandiño, as mulleres máis coñecidas e retratadas de Compostela, “as Marías”, Maruxa (1898-1980) e Coralia (1914-1983), que sempre se quixo chamar Rocío, conseguiron crear un mecanismo de defensa para sobreviviren: tolearon, e na súa loucura recuperaron o soño da mocidade, escuálidas como se saísen dun campo de concentración, sen dentes, vestíronse de luz e cor e, cheas de afeites —coma se dunha representación de máscaras se tratase: po de arroz, colorete, carmín— nese Santiago da mediocridade, da miseria e do terror, todos os días, á mesma hora, marcada polas badaladas da Catedral, no verán desde a rúa do Espírito Santo até o Paseo no Toural, no inverno nos soportais da rúa do Vilar, desafiaban o gris do clima e da mente das xentes co seu facho de luz permanentemente aceso. E mesmo os estudantes ou visitantes que querían, coa súa galantería hipócrita, achegarse ás máscaras de cor, elas, coa dignidade recuperada e a forza da tolemia rexeitaban aquel “cortexo” respondendo: Tú ya tienes.

Quizais así viviron felices, na súa loucura desesperanzada e cruel, chea de fame e de miseria pero digna.
Grazas, Marías.

Grazas, mulleres ledas e riseiras, pola inmensa luz que lle destes gratuíta e xenerosamente a aquela Compostela tan escura.


Autor/a da biobibliografía: Encarna Otero Cepeda


Diário Liberdade é um projeto sem fins lucrativos, mas cuja atividade gera uns gastos fixos importantes em hosting, domínios, manutençom e programaçom. Com a tua ajuda, poderemos manter o projeto livre e fazê-lo crescer em conteúdos e funcionalidades.

Microdoaçom de 3 euro:

Doaçom de valor livre:

Última hora

Publicidade
Publicidade
first
  
last
 
 
start
stop

Quem somos | Info legal | Publicidade | Copyleft © 2010 Diário Liberdade.

Contacto: info [arroba] diarioliberdade.org | Telf: (+34) 717714759

Desenhado por Eledian Technology

Aviso

Bem-vind@ ao Diário Liberdade!

Para poder votar os comentários, é necessário ter registro próprio no Diário Liberdade ou logar-se.

Clique em uma das opções abaixo.