Como saben, eu son un amante das adaptacións galaicas dos pratos emblemáticos da cociña internacional. Téñome manifestado máis que vehemente en defensa da boa hamburguesa rural galega , polos imbatibles e calóricos arroces atlánticos (penso no de galo de curral que se fai en Vila de Cruces) e aínda suspiro por aqueles Donos que se elaboraban nos 80 en plan pirata. Pero ante a ausencia de referencias e o ben que pintaba na imaxinación a pizza de polbo á feira, puxémonos á obra. En realidade, Sole: eu animaba coa pata en alto.
A pizza de polbo á feira está magnífica. Como sospeitaba, hai que apostar por unha masa fina, estilo napolitano. Funcionará mellor que cunha máis grosa ao xeito florentino. Nós, para experimentar, dividimos a metade da pizza en Arzúa-Ulloa e a outra en San Simón. Ao meu ver, no hai cor. O queixo San Simón vaille infinitamente mellor a esta pizza de polbo á feira.
Seguro que vostedes coñecedes algún lugar no que se elaboran pizzas de polbo á feira. É unha combinación tan evidente que paréceme rarísimo que algunha pizzería dalgunha vila galega non o teña entre as súas especialidades. Se coñecedes, animádevos a publicala nos comentarios. Entrementres, asegúrovos que a nosa, por fin, pasou do mito á realidade, e merecería algún verso épico para lembrar a fazaña.
Foto: Sole




Diário Liberdade defende a discussom política livre, aberta e fraterna entre as pessoas e as correntes que fam parte da esquerda revolucionária. Porém, nestas páginas nom tenhem cabimento o ataque às entidades ou às pessoas nem o insulto como alegados argumentos. Os comentários serám geridos e, no seu caso, eliminados, consoante esses critérios.