A ILP dos residuos entrou no Parlamento co aval de case 22.000 galegos e galegas que demandan outra xestión dos residuos urbanos allea á incineración e vertido que practica SOGAMA.
Manuel Soto Castiñeira, catedrático de Enxeñaría Química da UDC, será o voceiro encargado de defender esta iniciativa.
Na Orde do día do plenario está recollida no seu punto 1.3. O Debate de toma en consideración da Proposición de lei, de iniciativa lexislativa popular, para a aplicación efectiva dos principios de redución, reutilización e reciclaxe de residuos de Galicia (doc. núm. 83575, 09/PPLI-000005).
Publicación da Proposición de lei, BOPG n.º 7, do 30.11.2012.
Lamentar que a Presidencia do Parlamento só nos ceda 5 convites para ter acceso ao debate como público na sala do pleno. Demostrase a pouca vontade democrática do PP e a intención de pechar á cidadanía e poñer valados a unha institución pública que debe estar aberta a todas as galegas e a todos os galegos. Por isto, agradecer a vontade dos partidos da oposición do parlamento galego que nos facilitaron e cederon convites para acceder á tribuna.
Con este motivo animamos a todas aquelas persoa que queiran, e poidan achegarse a Compostela, a participar na concentración a celebrar fronte ao Parlamento este martes 14 a partires das 11:30h en apoio a dita Proposición, e así facer visible o rexeitamento á incineración como solución ós residuos, cando hai outras alternativas máis coidadosas co medio ambiente, a par que economicamente máis sustentables; e xa demostrado, creadoras dun maior número de empregos.
Foto: Adega


